28.4.14

CANGAS EN FEMININO. CANGAS EN GALEGO.



Por cuarto ano consecutivo celebráronse as xornadas de Xeografía e Historia no instituto de Rodeira, dende o 22 ao 25 de Abril. As xornadas trataron sobre o papel da muller na sociedade de Cangas e como foi cambiando nos últimos séculos. 
O alumnado de 4ºD ocupámonos de abrir a exposición achegando a visión histórica. Escollemos para comezar unha muller emblemática de Cangas, Maria Soliño, afondando na situación da muller na época da Santa Inquisición.


Tamén fixemos um estudo histórico das tarefas desenvolvidas pola muller galega. Aquí tendes a presentación que realizamos con fotos antigas de Cangas da Asociación Cultural A Cepa.  
A historia das mulleres (a espranza ten a faciana de muller)



Logo a exposición centrábase na actualidade, con información recollida en entrevistas que o alumnado de 2º de Bacharelato lles fixo a mulleres traballadoras de Cangas.












Tamén houbo exposicións que nos prestaron como "Mulleres da mar tendida (A.C. A CEPA) sobre as mulleres na conserveira Massó e Imaxes de Muller, figuras destacadas de Cangas, de Galicia e do mundo, de Xerardo Dasairas,  Tamén unha exposición de Mulleres emprendedoras  da USC que trouxemos a través do Instituto de Igualdade da Xunta de Galicia. 


 



Os días 23 e 24 de Abril tamén houbo actividades pola tarde abertas ao público en xeral, coa proxección de vídeos sobre a muller de Cangas, elaborados por alumnado do centro; e vídeos sobre a muller do Fondo de Documentación do CIM. Despois das proxección desenvolvéronse dúas mesas redondas. O primeiro día sobre " Mulleres emprendedoras de Cangas" moderada  por  Paula Tenorio do  Centro de Información á  Muller (CIM), e na que participaron representantes de colectivos como "Matronas de O Morrazo", "Gardería Caracol", Colectivo de Redeiras" , "Mamá es la leche" e "A Carón". Foi unha mesa redonda onde cada colectivo explicou aspectos fundamentais relacionados coa posta en marcha da súa empresa, e o enfoque  feminino da súa xestión e obxectivos. Falouse da dificultade para  conciliar a vida laboral e familiar,  dos problemas   para conseguilo e a pouca axuda nalgúns  casos das administracións nese senso. A representante de "Redeiras" foi a máis reivindicativa.





O día 24, despois da proxección de documentais " Mulleres de Mar tendida" da CEPA e "Mulleres da conserva" de alumnado de Xeografía de España 2º de Bacharelato, desenvolveuse a Mesa redonda " Mulleres da conserva" moderada por Xerardo Dasairas, e na que participaron mulleres que traballaron ou traballan actualmente na conserva, xunto con Ana María Soto ex-Asistenta Social  de Massó (unha das primeiras de España) e o ex-encargado Manuel Aldao. Tamén participaron as actrices Casilda Alfaro e Mónica Camaño con comentarios sobre a obra "As do peixe" que reflicte con "moito humor" o mundo destas mulleres na segunda metade do século XX.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?