17.6.11

A MELLOR CLASE DE GALEGO VIVO

Intercambio co alumnado de Mazaricos (CEIP A Picota)

Encontrámonos en Corrubedo e coñecemos xuntos o Parque natural. Un vídeo no Centro de interpretación explicounos como se formaron ao longo de máis de 5 km.de costa varios cordóns litorais de dunas e a gran duna móbil. En pequenos grupos realizamos unha actividade de estudo da vexetación que preparara o alumnado de Mazaricos con Cris, a súa profe de Bioloxía. Sen saír de Galicia puidemos fotografar plantas dunares e observar as súas características, con adaptacións semellantes ás das que existen no deserto. É esta vexetación a que axuda a estabilizar as dunas, xunto cos restos naturais como plumas de aves, cunchas, algas… por iso é moi importante que no parque conservemos todo como está e camiñemos polas pasarelas de madeira. Logo chegamos ata o pé da gran duna móbil. Que pena non poder subir e tirarse desde o máis alto! Un cartel avisando de que as multas por facelo van desde os 600 aos 6000 euros xa se encarga de che quitar as ganas... Comemos no piñeiral da praia e alí o alumnado de Rodeira tivo que presentar aos demais aos compañeiros e compañeiras de Mazaricos que formaran parte do seu grupo e os de Mazaricos aos de Rodeira. O día rematou cun baño na praia, ben batida polas ondas, e unha visita ao faro.

En Mazaricos fálase sempre en galego. No seu cole haberá dous ou tres alumnos que falen en castelán. Xa ves, como no noso pero ao revés. Teñen un acento diferente, o seu xeito propio de falalo, pero tamén teñen gheada e seseo como a xente maior de Cangas.
A diferenza é que alí fálano todos, maiores, novos e pequenos. A nós sorpréndenos escoitalo na xente da nosa idade e a eles sorpréndelle que nós non o falemos. Como podedes ser galegos e non falar a nosa lingua? preguntáronnos sorprendidos. E teñen razón. E por un día, o galego foi a nosa lingua habitual para conversar con eles. A uns custoulles máis que a outros pero todos o intentamos e gustounos a experiencia.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?