16.6.11

EN BARCELONA

A nosa viaxe a Barcelona comezou ás sete da mañá, cando saímos nun autobús desde Rodeira. Paramos en Burgos a comer e botámoslle unha pequena ollada á cidade que era tan fermosa como fría. Continuamos a nosa viaxe amenizándoa con películas e música.
Cando por fin chegamos ao hotel de Cambrills era noite, así que fomos directos cear ao restaurante do hotel e logo durmir.
Á mañá seguinte fomos a Tarragona e pasamos o día en Port Aventura, que é un enorme parque de atraccións. Ao entrar recibiunos un espectáculo cunha música moi pegadiza. Logo, atraccións todo o día, ata as sete da tarde que voltamos cara ao hotel. Despois da cea fomos á discoteca ata as 12.
O terceiro día percorremos Barcelona, acompañados dunha guía que nos foi explicando os lugares máis interesantes da cidade e algunha das súas historias. Visitamos o Estadio Olímpico, o Palau Sant Jordi, a Catedral do Mar, o barrio gótico, algúns dos edificios feitos por Gaudí, o Palau da Música e o mercado das Ramblas, cheo de froitas e colorido. Tamén houbo tempo libre que aproveitamos para facer compras, ir ao Hard Rock. ..
Rematamos o día novamente na disco acompañados polas profes que viñeron bailar connosco.
O noso último día en Barcelona fomos visitar dúas das obras máis emblemáticas de Gaudí: o parque Güell e a Sagrada Familia, un templo maxestuoso e tan grande que miralo asombra. O día rematou outra vez con festa na discoteca.
E xa tocaba volver. E entre tanto camiñar polo día e durmir pouco pola noite fixemos parte da viaxe de volta durmindo como marmotas aínda que tamén houbo tempo para cantar e facer festa.

E así rematou a nosa excursión. Todo o tempo en Barcelona escoitamos falar catalán á xente nova, tanto pola rúa como na discoteca. Sorprendeunos aínda que, ben pensado, que falen a súa lingua propia é o máis natural. Foi unha viaxe tanto cultural como divertida na que todos gozamos coma nenos. Barcelona foi unha experiencia inesquecible.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?