A véspera do día das Letras Galegas reunímonos para celebrar que temos unha cultura única que ofrecer ao mundo e lembrarmos que mantela viva cada día do ano depende de cada un de nós.
Este ano dedícaselle a un poeta que se chama LOIS PEREIRO. O alumnado da ESO axudou a prender as súas palabras do enreixado que rodea o instituto para facer chegar á xente a súa invitación ao compromiso e a súa fermosa poesía de amor.
A indiferencia mata” proclama o poeta. “Nada humano debe sernos alleo”. “Estamos moralmente obrigados a loitar polo que é xusto e evidente. A non ser cómplices do que nos indigne ou avergoñe.”
Esta necesidade de compromiso é a razón de ser do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. As inxustizas do pasado conseguiron que moitos de nós perdésemos a lingua dos nosos avós, a que sempre falara a nosa xente. E, desde o Equipo, chamaron por nós para recuperala. Cada ano somos máis os que escollemos libremente que o galego volva pouco a pouco a formar parte da nosa vida. Porque cremos que os galegos debemos falar en galego e sentirnos orgullosos de facelo. Por iso imos vencendo hábitos e prexuízos e animándonos a utilizar a lingua que nos define como pobo.
Quixemos celebrar as Letras Galegas agasallando compromisos que axudan a que o galego sexa unha lingua viva porque non hai mellor garantía de futuro para o galego que a suma de persoas que o falen libremente. Así o dixo LOIS PEREIRO: “Agora que teño liberdade de opción decido militar na miña lingua”, como xa dixera Celso Emilio, “por que me peta e quero e dáme a gana”. E esa foi a decisión que tomou IRIA OTERO TENORIO, de 2º de Bacharelato C .
Ela representa hoxe a xente nova deste instituto, de Cangas, de Galiza, que rompe cos usos aprendidos e decide libremente cambialos, escollendo falar sempre en galego, esa lingua que nos fai únicos no mundo.
Lois Pereiro asegúranos que sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos. Quixemos recoñecer o traballo de todos aqueles que empregan o seu tempo libre, desde colectivos e asociacións, en facer posible que a cultura chegue á xente. En representación de todos eles, agasallamos a un alumno de 4º da ESA, en ensino de adultos,
DIEGO PASTORIZA PAREDES, da asociación AFARTACÁNS.
Neste instituto temos a sorte de contar con moito profesorado comprometido na importantísima tarefa de transmitirnos o galego vivo. Non chegaría o orzamento do Equipo para agasallalos a todos. Este ano de LOIS PEREIRO quixemos destacar dun xeito especial a forza da INDIGNACIÓN fronte ao que consideramos inxusto. Por iso aplaudimos o compromiso co galego do DEPARTAMENTO DE MATEMÁTICAS e, moi en especial, a forza da indignación do profesor LUÍS VIDAL.
LOIS PEREIRO proclamou a importancia da creatividade, da cultura e da arte para salvarnos do baleiro da existencia. El era, ademais de poeta, un gran amante da música. Quixemos destacar o esforzo incansable do DEPARTAMENTO DE MÚSICA por transmitir esa paixón ao alumnado e mesmo ao profesorado (tamén coa música en galego) e polas posibilidades que nos deron e aínda nos van dar de gozar do talento musical que hai neste instituto. Como Águeda xa ten a nosa camiseta, esta vez tocoulle a OFELIA e o seu colaborador, DARÍO, que tamén pasará á historia deste instituto polos seus EXPERIMENTOS SORPRENDENTES da Semana da Ciencia.
E o ano de LOIS PEREIRO, o poeta que nunca perdeu esa necesidade de sentirse molesto e radical, tiña que ser por forza o ano que escolleramos para agradecer a colaboración incansable de PASTORA en todas as actividades do Equipo.
Como cada ano quixemos, tamén, agradecer o esforzo por coñecer o galego e aprender a falalo de todos cantos chegan ao instituto de fóra de Galicia. Por iso agasallamos a CAROLINA, felices de que decidise que a nosa lingua podía ser tamén súa.
E en representación do alumnado procedente doutros lugares, a PAULA MARTÍNEZ MARTÍNEZ, de 2º ESO C.
O escollido no centro foi este ano o colectivo das limpadoras. Nada mellor se pode facer pola nosa lingua que falala cada día e mantela viva. Grazas por facelo.
Parécenos especialmente preocupante a ausencia do galego nos lugares de lecer para a xente nova de Cangas. Por iso entregamos a nosa placa, á proposta do alumnado, ao Obélix, unha bocatería da avenida de Marín, na que o noso alumnado atopa un espazo no que falar galego no seu tempo de lecer resulta cómodo e natural.
Pechamos o acto cunha lectura de poemas de Lois Pereiro e cantando o himno galego.
E rematamos a festa con Xogos Populares organizados polo Departamento de Educación Física.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?