18.5.17

HOMENAXE A CARLOS CASARES




 O 17 de maio, Día das Letras galegas, vén lembrarnos cada ano que os galegos e galegas temos unha lingua propia que nos identifica e nos fai especiais pero tamén que é a nosa responsabilidade mantela viva e transmitila de xeración en xeración para manter este legado que enriquece a diversidade  da cultura universal. De nós depende que o galego poida seguir sendo A CHAVE coa que abrirmos o mundo. O día das Letras dedícase a homes e mulleres que destacaron neste labor. Este ano é CARLOS CASARES e nós celebrámolo con esta pequena homenaxe. Antía e Mateo, de 2º Bach, foron os presentadores.


O GALEGO é CHAVE DE IDENTIDADE, a lingua que vén da terra e dos maiores, a lingua que nos foi transmitida polos avós, a lingua que chegou a nós e que haberemos de legar ás xeracións futuras. Por iso o alumnado de 1º ESO A contribuíu á homenaxe  Casares cun mapa da provincia de Ourense. El naceu na cidade de Ourense en 1941. Pero será a comarca da Limia, a onde marchou con 4 anos, a terra da súa infancia feliz, a que deixou nel unha pegada máis fonda. Alí aprende a falar en galego, coñece os nomes das árbores, dos paxaros e das plantas. Tamén achegou  unha foto antiga para simbolizar a importancia dos seus avós e do seu pai na transmisión da nosa lingua e cultura. Ao pé da lareira Casares escoitaba as historias de guerrilleiros que lle gustaba lembrar ao seu avó Herminio e as lendas da Santa Compaña, de ánimas e aparecidos que eran as favoritas da avoa Francisca.  El saberá manter viva a tradición da conversa, o gusto por contar historias e a fidelidade ao galego como lingua da súa vida e da súa obra literaria. 


O GALEGO é CHAVE DA TRADICIÓN. A nosa lingua chegou a nós unida á música e ás festas que perduraron a través do tempo de xeración en xeración. O alumnado de 1º ESO B lembrounos a relación de Casares coa tradición do Entroido, unha das máis antigas de Xinzo de Limia, traendo unha reprodución de Sargadelos dunha MÁSCARA DE ENTROIDO. Os protagonistas son as PANTALLAS que levan unha careta como un demo con cornos que se encaixa na cabeza, camisa e polainas brancas e unha capa e unha faixa vermella con campaíñas e atacan a todo o que se atreva a aparecer sen disfrace. Carlos Casares non deixaba de ir cada ano ao Entroido de Xinzo, sempre ben disfrazado porque coñecía ben a tradición. Para demostralo trouxeron unha foto na que ía de limpabotas.



O GALEGO é CHAVE DA RESISTENCIA.
Fronte a persecución e o desprestixio dos tempos da ditadura, a nosa xente resistiu e conservou o galego para que hoxe podamos falalo libremente.
O alumnado de 1º ESO C contounos que Casares se educou na época da ditadura franquista. A familia da súa nai era moi relixiosa e mandárono a estudar ao Seminario de Ourense para que fose crego.  Alí estaba prohibido falar en galego. Trouxeron copias como as que lle mandaban facer cada vez que dicían unha verba en galego. Tiñan que escribir mil, cinco mil, dez mil veces “no hablaré gallego”.  Carlos Casares conta que a pesar dese castigo os rapaces falaban  o galego, a lingua que aprenderan na casa,  a escondidas co gusto do pracer prohibido. E confesa que chegou a deber milleiros de copias de “no hablaré gallego”.




O GALEGO é CHAVE DA AMIZADE.
A pesar de ser unha lingua prohibida nos usos formais, o galego seguiu sendo na ditadura a lingua para falar cos amigos, para a conversa íntima e profunda, para compartir a festa e a comida, para sentirse a gusto e en confianza.
Como Casares non quixo ser crego,  foi estudar a Santiago Filosofía e letras. Alí fixo dous amigos moi especiais cos que puido descubrir  todo o que conseguira o galeguismo antes da represión franquista. Por iso o alumnado de 2º ESO A trouxo DÚAS PULSEIRAS DA AMIZADE. Unha co nome de  VICENTE RISCO co que compartiu moitas conversas sobre literatura e arte e outra co de RAMÓN PIÑEIRO, líder do galeguismo cultural a partir dos anos 50 que será un mestre para el.


O GALEGO é CHAVE DA LOITA POLA LIBERDADE.
Nos tempos da ditadura os partidos políticos estaban prohibidos. Pero a xente nova comezou a xuntarse e a mobilizarse.
O alumnado de 2ºESO B trouxo unha gorra de policía e unhas esposas porque Carlos Casares foi perseguido pola policía franquista por formar parte, nos seus anos de estudante en Santiago, de partidos políticos de esquerdas prohibidos pola ditadura e por participar en protestas estudantís esixindo dereitos e liberdades.




O GALEGO é CHAVE DA MÚSICA MODERNA.
A saúde da nosa lingua pode medirse pola forza creativa de novas músicas que expresen os nosos sentimentos e inquedanzas.
Nos seus anos mozos, Casares axudou a organizar un concerto prohibido. O cantante chamábase RAIMON e cantaba en catalán letras que Casares traduciu ao galego e que se converteron en símbolo antifranquista e de defensa das linguas diferentes ao castelán. 
O alumnado de 2º ESO C trouxo un disco seu, outro de Voces Ceibes, a Nova Canción Galega que nace con forza a partir dese concerto, poñendo de moda letras en defensa da liberdade e contra a ditadura. E un terceiro de poemas de denuncia de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, musicados con frecuencia naqueles anos.


 O GALEGO é CHAVE DO DEPORTE.
Se queremos unha vida saudable para o galego a nosa lingua ten que practicarse nos deportes.
3º ESO A achegou un balón de fútbol co selo do Antela F.C – club no que Casares xogou de mozo- e asinado por  “Kubalita” porque ese foi o alcume que lle puxeron a Casares de neno, por Ladislao Kubala. Tamén falou de fútbol nos seus artigos xornalísticos asegurando que provocar no público unha explosión de alegría desbordada ao facer un remate afortunado provoca unha emoción difícil de superar.


O GALEGO é CHAVE DO TEATRO, un recurso fundamental para aprender a expresarse.
O alumnado de 3º ESO B trouxo un teatriño para lembrar a obra coa que Carlos Casares inaugura a publicación de teatro para nenos en galego: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.


O GALEGO é CHAVE DA DEFENSA DA DIVERSIDADE.       
A defensa da supervivencia da nosa lingua e cultura fainos especialmente sensibles á defensa da diversidade en todas as súas facetas: de razas, de cores, de identidade sexual, de orientación sexual, de pensamento, de opinión, de expresión, de gustos…  resistíndonos á imposición dunha única verdade.
3º ESO C trouxo unha galiña diferente a todas as demais porque é azul  e os seus ovos son de cores e ademais non di cacaracá como as outras galiñas senón que di cocorocó. Contounos que no fermoso conto infantil de Casares as autoridades queren matala pero non o van conseguir porque todos os veciños deciden solidarizarse pintando as súas galiñas de azul para evitalo.


O GALEGO é CHAVE DO AMOR.
4º ESO A trouxo un corazón para falar da historia de amor de Casares que foi moi romántica. Coñeceu no tren, camiño de Santiago a unha rapaza sueca, Kristina Berg, que ía camiño da Coruña para coller un barco á India. Casares díxolle que non podía marchar de Galicia sen coñecer  Santiago. Ela aceptou e xa non chegou a marchar. Casaron pouco tempo despois. Casares aprendeu sueco e Kristina Berg aprendeu galego chegando a publicar contos infantís na nosa lingua.


O GALEGO é CHAVE DE MODERNIDADE
4º ESO B trouxo  as primeiras obras narrativas que publicou Carlos Casares. Forman parte do movemento da Nova Narrativa Galega que se propón modernizar as técnicas narrativas e explorar novos temas seguindo os modelos rompedores europeos e americanos.
Son Vento ferido, Cambio en tres e Xoguetes para un tempo prohibido.


O GALEGO é CHAVE DA RETRANCA E DO HUMOR
4º ESO C trouxo un casco viquingo para presentar Os escuros soños de Clío, 12 relatos de Casares de ficción histórica, cheos de humor erudito.



O GALEGO, CHAVE DA POLÍTICA.
A defensa da nosa lingua precisa da forza dunhas institucións propias para ser protexida e defendida. Alumnado de 1º de bach tróuxonos unha urna como símbolo da fin do franquismo e a chegada da democracia porque Casares formou parte da candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de Ourense como galeguista independente nas primeiras eleccións ao Parlamento Galego e foi elixido DEPUTADO. Foi tamén membro da comisión de redacción da Lei de Normalización Lingüística.


 O GALEGO, CHAVE DO MUNDO EDITORIAL
Trouxeron o selo editorial Galaxia, a primeira gran editorial galega, nacida en pleno franquismo que pasará das mans de Ramón Piñeiro a Carlos Casares quen a dirixirá desde 1985 ata a súa morte en 2002, o mesmo día que entregou a súa derradeira novela: O sol do verán, unha fermosa historia de amor de desenlace tráxico.


O GALEGO CHAVE DO PLURILINGÜISMO
Traemos  un tren para falar da viaxe que Casares fai no Expreso da Literatura Europea. Percorreu boa parte de Europa, desde Lisboa ata Moscú, con escritores de diferentes países europeos  tentando simbolizar a unidade europea a través da convivencia das súas diferentes linguas e culturas.
Traemos tamén un exemplar do primeiro libro que Casares traduciu ao galego: O principiño de Saint-Exupéry. Chegou a coleccionar máis de cen exemplares deste clásico da literatura universal , escritos en máis de cincuenta linguas diferentes.


O GALEGO é CHAVE DO ENSINO 
Só un ensino en galego desde os primeiros anos é garantía plena da supervivencia futura da nosa lingua para o que é vital o compromiso do profesorado.
Nós traemos este encerado para lembrar o compromiso co galego do que foi o noso compañeiro de profesión. Deu clase aquí mesmo, no instituto que había en Rodeira e  despois en Vigo. Defendeu sempre a necesidade de manter o galego como primeira lingua de todos os galegos e galegas sen que iso fose obstáculo ningún para aprender castelán e moitas outras  linguas. El mesmo falaba con fluidez galego, castelán, portugués, inglés, francés, sueco, italiano, catalán… e mesmo un pouco de alemán.

Houbo galletas con forma para cantos participaron, feitas por cociñeiros e cociñeiras voluntarios

Rematamos o acto cantando o Himno galego.


E logo… a pasalo ben cos xogos populares.

CELEBRANDO AS LETRAS NO TEATRO

Na Semana das Letras despídese o ciclo de teatro organizado polo concello e Agadic con Falar sen cancelas, de Culturactiva, dirixida por Diego Rey e interpretada por Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz. Unha comedia que pon a lengua propia no centro del debate con moito sentido do humor.

 

LETRAS GALEGAS 2017

Chega maio e queremos dar a coñecer a Carlos Casares, o autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Fixémolo con tres exposicións diferentes que podedes visitar no centro. Ao lado da biblioteca, a exposición gañadora do concurso que cada ano convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística, realizada polo alumnado do IES Carlos Casares de Vigo.


O noso alumnado tamén buscou datos e preparou en equipos presentacións sobre este autor para facer na aula. A partir delas, montamos unha exposición para poñer no enreixado exterior do instituto e dalo a coñecer a toda a xente de Cangas. Tamén saíu o alumnado máis novo para procurar os datos dos encrucillados de Carlos Casares deseñados pola RAG.






A terceira exposición deseñouna o EDLG para a nosa festa das Letras e contou coa colaboración de todo o alumnado do instituto e do profesorado do instituto. Xa vos contaremos que tal resultou.

16.5.17

VALORANDO O PATRIMONIO NA ILLA DE SAN SIMÓN



Hoxe fomos de excursión á illa de San Simón para coñecer a súa historia e aprender un pouco máis sobre o noso patrimonio. Saímos ás 8:30 cara ao porto de Cangas para agardar o barco que nos ía levar a San Simón. O traxecto pola ría, pasando por debaixo da Ponte de Rande, durou unha hora e estivo xenial.
Cando chegamos a San Simón vimos que era unha illa bastante protexida e vixiada xa que había cámaras por todos os recunchos, parecía xa un reallity show dos da tele. O garda viunos chegar polas cámaras e foinos abrir o paso á illa.
Entón presentouse unha muller chamada Enma que foi a nosa guía durante a visita. Explicounos que San Simón tivo tres etapas antes de chegar a ser a zona turística que é hoxe en día. Primeiro, na Idade Media, foi lugar para os monxes como sitio de meditación e procura de conexión con Deus. Séculos despois foi lazareto, lugar de corentena para a xente que chegaba de fóra nos cargueiros e tiña que recalar alí un tempo para impedir que chegasen enfermos ao continente e se producisen contaxios. E por último, durante a ditadura de Franco, foi cárcere para os republicanos represaliados que vivían alí en condicións pésimas.
Enma ensinounos toda a illa mentres ía narrando a súa historia. Pena que nos tivésemos máis tempo para percorrela libremente xa que, en canto acabou o percorrido, volvemos ao barco.
No traxecto de volta, o  barco converteuse nunha zona de festa: botámonos a cantar, a bailar, a saudar aos barcos que pasaban, a descubrir arroaces, tirarnos fotos… Pasámolo xenial!





15.5.17

EUROVISIÓN. CELEBRANDO A DIVERSIDADE



É unha boa nova que gañase o 62º Festival da Canción de Eurovisión unha canción en portugués representando a Portugal. Así o decidiron tanto o xurado como o público, desmentindo aquilo de que para gañar hai que cantar en inglés. Non deixa de chamar a atención que nun festival que escolleu como lema “Celebra a diversidade” a maioría dos países renuncien á súa lingua, o maior signo de identidade cultural, para cantar en inglés. Non o fixo Portugal nin tampouco Italia, outro dos temas favoritos. Non se trata de pecharnos no noso, ao contrario, manter a diversidade lingüística esperta o desexo por coñecer outras linguas. Na entrevista cos presentadores de Kiev escoitamos a Salvador Sobral, o cantante portugués, falar con fluidez en inglés. Trátase de ser auténtico: a música, dixo, non son fogos artificiais, é sentimento. Renunciou ao exceso de escenarios, luz e cores para centrarse na interpretación, na voz e na lingua. E conseguiu comunicar cun público de diferentes linguas desde o convencemento de que era unha boa canción e era en portugués. E compartiu o éxito, cantando coa súa irmá, a compositora, tras recibir o micrófono de cristal. Foi un éxito para Portugal e tamén para a Europa da diversidade.  A que nos gusta.


10.5.17

O GALEGO, CHAVE DA MÚSICA

Pasámolo moi ben no Correlingua, cantamos e bailamos sen parar cos máis pequenos. Sen dúbida a música é un bo xeito de coller soltura e aprender vocabulario, ademais de asociar o galego a momentos tan divertidos. Viva o correlingua do Morrazo!



O GALEGO SEN CANCELAS. CORRELINGUA 2017



Comezamos a celebración das Letras Galegas coa cita anual do Correlingua, defendendo O GALEGO SEN CANCELAS. Celebrámolo en Moaña cun gran éxito de participacion: case 3.000 escolares de 22 centros da comarca do Morrazo! E Rodeira non podía faltar. Saímos do instituto ás 10 da mañá perfectamente concienciados da nosa responsabilidade de falar en todo momento en galego pois iamos ser o modelo a seguir para o alumnado máis novo. Cos lemas escritos nas nosas camisetas azuis e coas chapas, chegamos para botar unha man coa organización dun acto tan multitudinario.


O alumnado de 4º e Bacharelato acompañou a marcha do alumnado de primaria desde a Xunqueira ata a praza de abastos.

O alumnado dos equipos de 1º, 2º e 3º da ESO animou a cantar en galego e a bailar ao alumnado de infantil mentres esperabamos a chegada da marcha.






 


 
Xa todos e todas xuntos demos lectura ao manifesto. 


  A festa rematou cun concerto de Pablo Díaz para todo o alumnado de infantil e primaria. 

  

 Rematado o traballo, o noso alumnado puido gozar dun tempo de lecer compartido facendo novos amigos e amigas doutros institutos de Cangas e Moaña: a Paralaia, o María Soliño e as Barxas. 
  

5.5.17

A FESTA DO MUÍÑO

Charlas, arte, gastronomía, música e baile tradicional... Son parte dos ingredientes das XXVIII Xornadas Culturais-Festa do Muíño de Coiro, que organiza a Asociación Cultural Cacarexo  no entorno do recuperado muíño de Fausto, este ano entre o 5 e o 7 de maio.



O muíño de Fausto, un lugar cheo de maxia. Eu que son gaiteira, e bailadora, e bombeira, e tamborileira e pandereiteira, de todo un pouco, nunca me perdería esta foliada onde, entre amores e risos, a festa vai en aumento. Comeza co concurso de debulladoras de millo e remata coa festa más tola ás tantas da noite. Polo medio temos descansiños para degustar a comida tradicional, ovos con pan de millo e bocadillos de zorza, sen esquecer as papas das doce, as mellores papas de todo o ano, da mesma fariña que sae do muíño á pota para repartir entre a xente. Nestes momentos de degustación é cando as pandereiteiras e cantareiras soben ao escenario e cantan e bailan ata que a xente xa non pode máis e ten que descansar.
Non podes deixar de vir ao muíño pero vén preparado/a para bailar porque senón mellor non veñas. O muíño é unha festa na que te esqueces de todo, na que estás tranquila coa túa xente e gozas durante horas da festa e da alegría compartida.