29.5.15

APRENDENDO NA NATUREZA DAS ILLAS CIES



Moito se falou das Illas Cíes este ano. Dunha banda a procura de apoios á súa candidatura para Patrimonio da Humanidade; doutra, a consideración no diario británico The Guardian da illa de Rodas como a mellor praia do mundo , “perfecta medialúa suave e pálida, cuberta por pequenas dunas abrigadas por un tranquilo lago de auga limpa como o cristal”.  Por sorte hai xa anos que os galegos e galegas, conscientes do seu valor, reclamamos a súa protección. As Illas Cíes foron declaradas Parque natural en 1980 e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza  creado o 1 de xullo de  2002 xunto con Ons, Sálvora, Noro, Vionta, Cortegada e Malveiras. Ademais, polas importantes colonias de aves mariñas, as Illas Cíes contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves. Tamén son un lugar de importancia comunitaria e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.  Que mellor xeito de celebrar a chegada do bo tempo que percorrer este paraíso natural que temos tan preto de nós aprendendo a valoralo e conservalo? Os/as monitores aprendéronos moito sobre paisaxe, flora e fauna das illas e faláronnos tamén dos perigos dos que as tentan protexer como as especies invasoras. E regresamos con ganas de térmonos quedado máis tempo no seu camping e, por suposto, con todo o lixo de volta, para non emporcar este marabilloso espazo desde o que puidemos contemplar desde unha nova perspectiva, tan perto, a nosa costa da Vela e Cabo Home.






28.5.15

DESTAPA O GALEGO NA CULTURA: cine e literatura


O cine foi este curso un xeito interesante de achegármonos a literatura do programa o alumnado de 2º de Bacharelato. Traballamos O lapis do carpinteiro (Manuel Rivas), A lingua das bolboretas (Manuel Rivas), A mariñeira (Darío X.Cabana), Sinbad (Cunqueiro), O club da calceta (María Reimóndez), Trece badaladas (Suso de Toro), Romasanta (Alfredo Conde), realizándose encontros de debate nos recreos. E, por suposto, fomos ao cine ver a versión cinematográfica de A esmorga (Blanco Amor). Tamén en 4º da ESO tiveron un obradoiro de cine e literatura no que traballaron a novela de Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro, e a versión cinematográfica de Antón Reixa. Tres alumnas realizaron un vídeo no que recollen a súa reflexión e que deu pé ao debate posterior.




 

27.5.15

APRENDENDO NA NATUREZA DO CARBALLAL DE COIRO


Chegou a primavera e con ela a nosa cita anual de encontro coa natureza orixinal de Cangas, o bosque caducifolio de carballos e castiñeiros, gardada aínda nese tesouro que temos tan preto do instituto e cada curso descubrimos en 1º da ESO: o Carballal de Coiro. Nós, que a descubrimos o curso pasado, somos agora guías do novo alumnado que chega a 1º, na preparación na aula de Ciencias Naturais, a través do blog, e logo na saída. Este ano a ruta foi diferente. Camiñamos máis e chegamos á Cruz de Hermelo. Volveu acompañarnos á xente da Comunidade de Montes de Coiro, a quen lle debemos a conservación deste lugar, que nos foi indicando os lugares e os nomes das plantas, das árbores e dos paxaros que se deixaban oír. Os estralotes estaban impresionantes, engalanando os campos de lila. Vimos a natureza en todo o seu esplendor, chea de fentos reais. Contáronnos que hai máis de 40 tipos de fentos. Incrible!





22.5.15

DESTAPA O GALEGO NO APOIO AO DEPORTE. Encontro con DAVID CAL


David Cal, o piragüista de Cangas e o deportista español máis veces olímpico, veu clausurar as Xornadas sobre os Xogos Olímpicos que desenvolvemos ao longo desta semana en Cangas. Xunto co alcalde de Cangas, debatemos sobre a necesidade de apoio aos deportistas para que poidan conseguir ese soño de participar nuns Xogos. E logo David Cal falounos da súa experiencia propia. Raquel Blanco e Iago Pastoriza foron os presentadores e moderadores. O himno galego interpretado por alumnado do instituto puxo o broche final a este interesante proxecto do alumnado de 1º de Bacharelato no que o galego se converteu na lingua do deporte.






21.5.15

DESTAPA O GALEGO CON DEPORTISTAS OLÍMPICOS



Hoxe visitaron o instituto dous grandes do deporte galego: Franco Cobas, remeiro olímpico en Roma en 1960 e Carlos Pérez Alonso, atleta olímpico en Roma (1960), México (1968) e Munich (1972) que compartiron con nós a experiencia da súa vida deportiva e, moi en especial, o que significa para un deportista participar nuns Xogos Olímpicos. Judith López e Adrián Pérez Cordeiro presentaron os invitados e moderaron o coloquio posterior.






20.5.15

DESTAPANDO O GALEGO con VOLUNTARIOS NOS XXOO



Onte, dentro das Xornadas sobre os Xogos Olímpicos que se están a realizar no instituto, puidemos presenciar unha exhibición de Ximnasia artística, do Club de Ximnasia de Pontevedra, modalidade deportiva que leva dado moitas satisfaccións ao deporte español nos Xogos Olímpicos. E a continuación conversamos con Jose Ángel Otero Lamas e Roberto Martínez Portela sobre a súa experiencia como voluntarios nos Xogos Olímpicos. Luis Carnero e Cristina Cáceres, de 1º Bach, presentaron os invitados e moderaron o debate. 






19.5.15

DESTAPA O GALEGO conversando sobre A MULLER NO DEPORTE.


Onte, tras a inauguración oficial das Xornadas a cargo do noso director, afondamos no tema  das diferenzas entre homes e mulleres no deporte para o que contamos coa presenza de Marta Souto González, ex directora xeral da Xunta de Galicia para o deporte, e Cristina Fernández Piñeiro, ex árbitra de balonmán a nivel internacional e tamén da Liga ASOBAL.

Tras unha breve introdución feita por Ana Gómez e Ana Vilanova, alumnas de 1ºBachD,  sobre a historia das mulleres dentro dos Xogos Olímpicos, Marta Souto explicounos detalladamente en que aspectos está patente que a muller segue a ter moitas dificultades dentro do mundo deportivo e contra que teñen que loitar non só as deportistas de vangarda, senón tamén as de categorías inferiores. Cristina Fernández, pola súa parte, falounos da súa propia experiencia como árbitra: de como día si e outro tamén tiña que escoitar comentarios machistas ou como se tivo que afrontar a que moitas veces a rexeitasen dentro das propias organizacións polo feito de ser muller.

Unha cousa nos quedou moi clara: aínda queda moito por facer en materia de igualdade, e máis en ámbitos deste tipo.






18.5.15

DESTAPANDO O GALEGO NO DEPORTE. XORNADAS SOBRE OS XOGOS OLÍMPICOS.



O alumnado de 1º de Bacharelato preparamos para todos vós unhas xornadas sobre os Xogos Olímpicos. Sergio Martínez Cancelas, Francisco Durán Casais e  Iris Costa Corrales realizaron unha rolda de prensa presentando as Xornadas que se desenvolverán entre o 18 e o 22 de Maio como despois veu reflectido na prensa. Xa podedes pasar a ver a exposición que homenaxea, na parte central- decorada cun podio, unha piragua de verdade e os aros característicos- os olímpicos do Morrazo, cun espazo destacado para os olímpicos de Cangas, David Cal, Teresa Portela e Carlos Pérez Rial “Perucho”. Nos corredores laterais percórrese a historia dos Xogos Olímpicos da Era Clásica nun lado e na Era Moderna do outro (orixes, competicións, vencedores, normas, o COI, carteis). Teremos tamén interesantes charlas que organizamos nós, contactando cos relatores. Encargarémonos ademais da presentación e da moderación do debate posterior. E, por suposto, todo en galego.






15.5.15

DESTAPANDO O GALEGO NA CELEBRACIÓN DAS LETRAS



Achegase o Día das Letras Galegas. Por iso hoxe, nas últimas horas, suspendéronse as clases e reunímonos no patio para celebrar que temos unha lingua e unha cultura propias, nacidas na nosa terra; unha lingua e unha cultura que nos fan especiais e coas que enriquecemos a diversidade creativa do mundo. Pero termos unha lingua propia é tamén unha responsabilidade porque agora depende de nós o seu futuro. Por iso hoxe DESTAPAMOS O GALEGO que levamos dentro e deixamos saír ao vento as palabras do noso pobo, as palabras que a nosa xente mantivo vivas coa familia e cos amigos naqueles tempos en que non nos deixaban falar libremente. E tamén as palabras que tivemos que reinventar despois de que nos fosen roubadas e que agora xa podemos aprender na escola. As palabras do campo e do mar, e tamén da fábrica e do comercio, da ciencia e da tecnoloxía e do tempo de lecer.



Para preparar este acto, encheramos un bote de palabras na aula. E hoxe entramos na botella pintada no chan do patio e berrámolas forte porque non queremos que se esquezan. Palabras da natureza para chamar os animais (1º ESO A), as plantas (1ºESO B) e a paisaxe(1ºESO C);  palabras para sentir (2ºESO A), para a tecnoloxía (2ºESOB) e para a cociña (2ºESOC); palabras para chamar as partes do corpo humano (3ºESO A), para a medicina (3ºESO B) e para o clima (3ºESO C); palabras que nos levan de viaxe (3ºESO D); palabras para as mates (4ºESO A); palabras fermosas para mocear (4ºESO B) e sentilas especias e moi nosas (4ºESO C). Palabras para o laboratorio (4ªESO D) e para a informática (FP Básica). Cada aula formou unha burbulla e nela fomos agasallados con galletas máxicas en forma de botella con poderes para axudarmos a botar fóra o galego que levamos dentro. 

Os profes do instituto tamén lembraron a súa responsabilidade na transmisión da lingua (que non saia un alumno nin unha alumna de Rodeira sen saber falar e escribir en galego con soltura) e berraron palabras en defensa do ensino en galego.

E rematamos o acto cantando o himno que nos define como galegos e galegas.








Rematado o acto, o patio encheuse de xogos populares.





12.5.15

CREA GALEGO: Correlingua 2015




Chegou o día da gran festa do galego para o noso EDLG e para todos os coles do Morrazo. E alá fomos, ataviados co noso pin: CREA GALEGO e cheas de ganas de defender o galego. Comezamos a cantar no autobús e xa non paramos en todo o camiño.








En Bueu, xuntámonos máis de 2000 alumnos e alumnas, sobre todo peques, e tamén maiores de tres institutos: o Xohan Carballeira de Bueu e o María Soliño e Rodeira de Cangas. O noso alumnado dividiuse: a metade axudou nos xogos para o alumnado de infantil. 







E a outra metade, co profe de música Aleixo, animamos a marcha en defensa do galego polas rúas de Cangas. 
 


 

Ao regreso xuntámonos todos e todas para escoitar a Xurxo Souto, cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor,  que veu presentar e animar o acto.  Representantes dos tres institutos deron lectura ao manifesto gañador, escrito á xeito de conversa de whassap.  http://www.correlingua.org/sites/all/arquivos/bokaneirs.pdf. Luís e Ana deixaron ben alto, coma sempre, o pavillón de Rodeira. Tamén actuou o alumnado do CEIP Sagrada Familia que gañou o concurso de vídeo coa canción “O galego é de todos” http://www.correlingua.org/noticias/o-premio-do-concurso-de-video-vai-para-cangas-do-morrazo









E chegou logo o concerto máis esperado, as cancións ensaiadas nas aulas de música de todos os coles, que puideron cantar e bailar con Paco Nogueiras e o seu espectáculo Brinca vai. Mentres soaba a súa música, o alumnado dos institutos aproveitamos para conversar e coñecérmonos. E tamén para competir nos xogos populares.





 

DESTAPA O GALEGO COÑECENDO O NOSO PATRIMONIO. En Celanova



O alumnado de 2º da ESO visitamos Celanova e estivemos no Mosteiro de San Rosendo coa capela mozárabe de San Miguel e a Casa dos poetas, participando ademais nun concerto e na lectura de poemas de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.



 


6.5.15

DESTAPA O GALEGO PARA ACHEGÁRMONOS AO PORTUGUÉS: Em Guimarães


Os días 29 e 30 de abril o alumnado de bacharelato emprendemos unha viaxe, xa clásica no noso centro, a Guimarães grazas a cal puidemos desconectar da dura rutina dos bachareis.
Despois da viaxe en autobús chegamos ao noso primeiro destino: o Castelo de Guimaraes. Alí esperábanos a nosa guía Ana, tamén xa clásica nesta saída, quen nos falou todo o tempo en portugués. Tamén estaba, xa lista, a cámara de Tilves para tirarnos a primeira foto. Visitamos este castelo que é o berce do nacemento de Prortugal. De seguido visitamos tamén o Pazo dos duques de Bragança e a Capela de san Miguel onde supostamente fora bautizado Afonso Henriques. A continuación, fomos polo casco histórico da vila e xantamos. Xa de tarde visitamos o museo Martín Sarmiento, construído nun antigo convento. Alí albérganse obxectos castrexos atopados polo propio Sarmiento. Ao saíres de alí, un teleférico elevounos ata o monte da Pena onde había unhas vistas espléndidas e unha igrexa construída durante a ditadura de Salazar. Dende alí arriba puidemos observar toda a vila, e aproiveitando a ocasión,Tilves tomounos outra foto.
Xa para rematar este longo aínda que produtivo día, instalámonos na Pousada da Xuventude co obxectivo de “durmir” e “descansar”.

O segundo día tiña pinta de ser bastante duro, ninguén se excedía ao dicir que sería peor que unha clase de galego. As olleiras chegaban ao chan, e a cámara de Tilves rondaba para pillar as caras do seu alumnado.
Xa postos a saír, collemos o autobús ben cedo -algúns xa preferían pór destino a Cangas- e chegamos a Briteiros. Alí visitamos a Citania Castrexa que era enorme e con moitísimas hectáreas aínda sen desterrar. Esta fora mercada por Martín Sarmiento, e foi grazas a el que hoxe inda siga en pé. Dende alí dirixímonos ao Santuario do Bom Jesus, construído no alto de Braga e a continuación baixamos ao centro cidade. Alí todo eran igrexas ou edificios que algo tiñan de relixioso. Fíxosenos unha andanza moi dura por Braga. Chovia a chuzos e estabamos todos que non podiamos máis. Parecía que o momento de subir novamente ao bus non chegaba, pero aínda que se fixo de rogar, chegou. Todos subiamos ao bus con cara de felicidade, con ganas de durmir durante a viaxe e de estar tranquilos. Tampouco puido ser así, Tilves aproveitou as sonecas da xente para seguir tirando fotos, aínda que chegados a este punto, xa todo daba igual.

Finalmente chegamos a Cangas, a nosa vila, cunha chea de coñecementos sobre a historia de Portugal e quizáis tamén cunhas cantas fotos.