26.9.17

ATRÉVETE COAS LINGUAS

Toda a comunidade educativa estaba invitada a achegarse hoxe, 26 de setembro, a celebrar o Día europeo das linguas. Tiramos da bóla do mundo un verso escrito nunha das 35 linguas ás que tiñamos traducido un poema galego de Claudio Rodríguez Fer.


 Logo buscamos na rede, onde estaban colgados os poemas, para identificar en que lingua estaba o verso que nos tocara.




 Unha vez localizada a lingua, había que preguntarse onde se falaba. Se non coñeciamos a lingua, podiamos buscar información  sobre ela na propia exposición.

E xa só quedaba localizarmos ese lugar no mapa e deixar alí cravado o verso.



Para rematar, celebramos o noso compromiso coa marabilla da diversidade lingüística saboreando unha lingua doce.

Houbo moitísima participación. A defensa de todas as linguas do mundo deixounos moi bo sabor de boca. 

Se non puideches achegarte ou queres seguir celebrándoo, aínda podes xogar ás adiviñas nos taboleiros do primeiro andar, onde están as traducións pero o nome e a información da lingua aparece tapado. Cando saibas recoñecer dez linguas, terás dereito a unha nova lingua doce.












25.9.17

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

Achégase o Día europeo das linguas, a nosa primeira gran celebración. A nosa lingua non está soa no mundo. Coma o noso, miles de pobos crearon unha lingua propia como instrumento de comunicación e cultura. A defensa do galego enmárcase na loita porque cada comunidade, por pequena que sexa, poida vivir na súa lingua propia e que o noso mundo sexa así rico en culturas e respectuoso coa diversidade.


 Para celebralo este ano partimos dunha pequena xoia: un libriño no que este fermoso poema de Claudio Rodríguez Fer aparecía traducido a 35 linguas.


Xa están expostos na entrada do instituto, prendidos dunha gran rede. Xunto a ela celebrarémos este día con linguas doces para todos e todas cantos veñades a identificar versos coa lingua na que están escritos e logo as localicedes no mapa. Non faltedes, mañá nos dous recreos. 


Aquí tedes información sobre as linguas que podedes atopar nas traducións e o territorio no que se falan.


Andamos a procurar na comunidade educativa falantes que nos lean o poema galego nas diferentes linguas e estendimos a procura tamé á rede virtual:



Gustaríanos conseguir audios con versións do poema gravadas por distintas persoas en cada unha das linguas. De momento adiantamos as primeiras versións:
Galego:
A Cabeleira, por Albina Gallego
Português:
A Cabeleira, por Julia Margotto, Portugal, Porto
Catalá:
La Cabellera, por Marc Cuesta


Francés:
La Chevelure, por Carolina Margotto La Chevelure, por Jean Peterson, Haití
Italiano:
La Chioma, por Mercedes Conles. Suiza, Berna
Inglés:
The Tresses, por Irene Magrath, Inglaterra The Tresses  por Jed Barahal, EEUU

Alemán:
Die Haarpracht, por Hannes, Alemania, Berlin Die Haarpracht, por Mercedes Conles. Suiza, Berna

Holandés:
De Lokken, por Julia, estudante de holandés
Checo:
Hríva, por Eva Masárová, Eslovaquia
Árabe:
الشعر, por Maissoun, Siria, Damasco الشعر, por Khadija, Marrocos, Agadir

Iremos editando esta entrada a medida que consigamos máis gravacións.

15.9.17

ATRÉVETE


Botamos a andar un novo proxecto para este curso 2017-2018 e precisamos de todos e todas vós. Atrévete e vén anotarte nos segundos recreos á sala de usos múltiples. Superaremos medos e lanzarémonos a falar en galego con propostas divertidas para gozar en equipo. Esperamos por ti!



16.6.17

FIN DE CURSO EN ONS

Vouvos describir unha excursión perfecta.

Comeza cunha viaxe desde o peirao de Cangas ata a illa de Ons que pertence ao concello de Bueu. Parecía incrible que collésemos todos e todas no barco porque había alumnado desde 1º da ESO ata Bacharelato. O traxecto foi bastante axitado pero chegamos sans e salvos á illa a iso das dez e media da mañá. 

Continúa cunha ruta camiñando desde o peirao ata o Buraco do inferno na que os guías nos foron contando a historia da illa. Dise que houbo alí un castro romano. Sábese seguro que houbo un mosteiro e que foi invadida polos normandos. Estivo habitada desde o século XIX. A xente dispoñía dunha casa e unhas terras pero non foron súas ata moito tempo despois. Sábese que en 1960 habitábana 500 persoas, hoxe só quedan 4. As explicacións dos guías axudaban a que comprendésemos o vínculo que amarra a esa xente á súa illa a pesar de vivir illados en moitos sentidos, especialmente no inverno xa que no verán viven alí moitos turistas. En canto á natureza, a illa está chea de castiñeiros, algo que dá gusto ver, unha paisaxe sen eucaliptos. Ten uns cantís moi bonitos e cheos de vexetación. As vistas son impresionantes. O traxecto foi longo pero mereceu a pena. Visitamos a Furna dos Fedorentos e por fin o impersionante Buraco do Inferno. Ao oeste da illa está o illote de Onza onde antigamente se ía buscar o toxo para facer o estrume.

E remata co lecer dunha tarde na praia. O tempo era bo e a temperatura da auga ideal. Que máis se pode pedir? Repetir o ano que vén.




15.6.17

CONTANDO CONTOS AOS NENOS E NENAS

O alumnado de 1º da ESO sentímonos orgullosos e orgullosas de termos unha lingua propia que nos fai especiais pero este curso aprendemos que iso tamén é unha responsabilidade. Os prexuízos do pasado seguen sendo obstáculos que ameazan este privilexio e un deles é que o galego non é unha lingua para a xente nova. De nós depende demostrar que isto non é certo e facémolo cada vez que falamos en galego sen complexos. Tamén é cousa nosa transmtirlle o galego as que veñen detrás de nós. Por iso fomos contar o conto do galo Quirico aos nenos e nenas de infantil dos nosos coles adscritos.  E ademais foi moi divertido.





















HAI QUE IR PENSANDO EN PREPARAR O CACHO

Achégase san xoán e o alumnado adulto apréndenos que plantas teremos que ir buscar para preparar o cacho, que así se chama no Morrazo ás herbas que se deixan toda a noite a serenar para lavar a cara pola mañanciña. Somos afortunados/as de contar con estas bibliotecas humanas, gardadoras do saber tradicional. Moitas grazas pola información!!!















12.6.17

NATUREZA E POESÍA

Imos rematando o curso e chega a convocatoria do departamento de Bioloxía e Xeoloxía do concurso-exposición de fotografía da natureza co que colabora o equipo de dinamización acompañando as fotos cos versos dos nosos poetas. Grazas pola vosa participación e boa sorte!





 

ABRE OS OLLOS, nº15, A NOSA REVISTA

Por fin temos revista! Xa a podedes recoller na conserxería. Non deixes de levarte este fermoso recordo da vida do instituto durante este curso 2016-2017. Hai artigos de moitos compañeiros e comapañeiras e, por suposto, moitísimas fotos. Moitas grazas pola vosa participación, especialmente polo traballo do equipo de redacción. Non quedes sen ela!




2.6.17

O CLUB VAIDELIBROS EN CELANOVA

A última proposta dos encontros literarios abertos a toda a comunidade educativa era achegarse á poesía de Curros, Celso Emilio e Ferrín e que mellor que recitar os seus poemas na terra que os veu nacer, en Celanova: a Curros na Casa dos Poetas, a Celso Emilio no mosteiro e a Ferrín en Vilanova dos infantes. Así despedimos o curso no Vaidelibros.


1.6.17

CONVERSANDO CON IRIA COLLAZO



Hoxe recibimos na biblioteca do centro a Iria Collazo López, nun acto organizado pola biblioteca do centro. Presentounos o seu libro de relatos A soidade das medusas. Sorprendeunos que fose tan nova aínda que algúns dos compañeiros xa a coñecían porque é profesora nun instituto de Moaña. 




VALORANDO O PATRIMONIO NATURAL NO RÍO SAÍÑAS



Hoxe tivemos unha clase de Bioloxía no río Saíñas, que queda moi preto do instituto. Primeiramente fomos á desembocadura onde a auga non ten case movemento e fixemos una proba para saber a calidade da auga, comprobando o nivel de osíxeno e os posibles contaminantes. Despois fomos río arriba observando e aprendendo tamén os nomes científicos da flora e da fauna que pode vivir nestas condicións. Canto máis nos afastabamos da desembocadura, máis rápido fluía a auga. Tivemos que recoller toda a información para logo traballala na aula.
As saídas para facer estudos sobre o medio favorecen a nosa aprendizaxe porque son moito máis prácticas que na aula. Apreciamos os elementos e a flora e a fauna en vivo e en directo e aprendemos que a realidade non é tan esquematizado como nolo contan nos libros de texto. Podemos investigar, buscar e observar directamente, sen que nolo dean todo feito. Aprendemos de todos e ata o profesor pode descubrir cousas novas.  Este tipo de saídas axúdanos a valorar o entorno que nos rodea.