Vouvos describir unha excursión perfecta.
Comeza cunha viaxe desde o peirao de Cangas ata a illa de Ons que pertence ao concello de Bueu. Parecía incrible que collésemos todos e todas no barco porque había alumnado desde 1º da ESO ata Bacharelato. O traxecto foi bastante axitado pero chegamos sans e salvos á illa a iso das dez e media da mañá.
Continúa cunha ruta camiñando desde o peirao ata o Buraco do inferno na que os guías nos foron contando a historia da illa. Dise que houbo alí un castro romano. Sábese seguro que houbo un mosteiro e que foi invadida polos normandos. Estivo habitada desde o século XIX. A xente dispoñía dunha casa e unhas terras pero non foron súas ata moito tempo despois. Sábese que en 1960 habitábana 500 persoas, hoxe só quedan 4. As explicacións dos guías axudaban a que comprendésemos o vínculo que amarra a esa xente á súa illa a pesar de vivir illados en moitos sentidos, especialmente no inverno xa que no verán viven alí moitos turistas. En canto á natureza, a illa está chea de castiñeiros, algo que dá gusto ver, unha paisaxe sen eucaliptos. Ten uns cantís moi bonitos e cheos de vexetación. As vistas son impresionantes. O traxecto foi longo pero mereceu a pena. Visitamos a Furna dos Fedorentos e por fin o impersionante Buraco do Inferno. Ao oeste da illa está o illote de Onza onde antigamente se ía buscar o toxo para facer o estrume.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?