25.11.15

QUEREMOS LOITAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Oímos nos telexornais ou lemos na prensa novas de mulleres que son asasinadas a mans dos seus homes. Pero na actividade que fixemos para participar nos actos reivindicativos do Día contra a Violencia machista coñecemos os nomes propios de 50 mulleres asasinadas ao longo deste ano 2015. Buscamos na rede as novas das súas mortes e fixemos necrolóxicas en galego en tamaño pancarta e flores de papel como símbolo da nosa tolerancia cero contra toda violencia de xénero, desde os micromachismos ata as agresións físicas ou psicolóxicas. 








E o 25 de novembro todo o instituto saíu á rúa coas pancartas e as flores para denunciar e pedir o compromiso de todos e todas para construír unha sociedade xusta e igualitaria. Fomos ata a Praza das Pontes e alí lemos un fermoso manifesto. E, ao regresar, colgamos do enreixado do instituto as pancartas coas necrolóxicas e as nosas flores como ofrenda.









O alumnado de 4º da ESO, xunto a alumnado doutros centros de Cangas (Casa da Virxe, Eduardo Pondal, Montecarrasco, María Soliña e Xoán XXIII) participamos ademais na intervención "Empatiza", unha pintada colectiva de mensaxes contra a violencia de xénero que se fixo nun dos muros do concello de Cangas, unha obra colectiva efémera de arte urbano con xiz, un gran mural no que depositamos as nosas mensaxes para demostrar que si se pode educar dende a igualdade e demostrar a todo un pobo que o cambio é posible, que nós somos o motor da transformación para ser mellores en sociedade. Elaborar unha obra de arte urbana nun lugar tan simbólico como é a parede do  concello foi unha boa forma de  visibilizar e concienciar ao maior número posible de persoas. As imaxes tomadas pola fotógrafa Rosa Neutro  durante a acción EMPATIZA  quedaron recollidas nun caderno que será expostos ao público e logo pasará a formar parte da biblioteca municipal de cada concello.








24.11.15

ABRE OS OLLOS E REXEITA OS MICROMACHISMOS


Parece que damos por sentado que todos e todas rexeitamos as actitudes machistas e o maltrato á muller por ser considerada inferior e sometido ao home. Sabemos tamén que esta violencia pode ser física e tamén verbal ou psicolóxica. Pero cómpre reflexionar sobre certos comportamentos ben vistos pola sociedade que nos rodea, que se asentan en estereotipos sobre homes e mulleres cheos de prexuízos que provocan formas de maltrato sutil pois condicionan o comportamento e impiden que poidamos actuar libremente sen sentírmonos xulgados. Coñécense co nome de MICROMACHISMOS e debemos rexeitalos ata facer que desaparezan da normalidade social. Non é cousa doutra época. As estatísticas advírtenos da presenza destas actitudes en xente nova. Cómpre abrir os ollos e practicarmos e esixirmos a igualdade real no mundo que nos rodea.



De Buzón
  Esta publicidade do franquismo parécenos moi superada pero hai na sociedade actual moitos micromachismos que seguen a manter o papel de “muller-floreiro”, esixíndolle un coidado no aspecto que non é necesario no home. Podemos detectar tamén moitos micromachismos na publicidade en xeral e na de xoguetes en particular, en contos e en películas infantís que seguen a explotar a idea da “muller-princesa”,  fermosa e delicada, cuxa vida só ten sentido cando atopa o seu príncipe azul,  forte e valente.

De Buzón

O amor romántico asóciase á fidelidade ata converterse en posesión e xustificar celos que conducen ao maltrato a través do control persoal e emocional, coa supervisión do móbil ou dos amigos ou a través da violencia verbal ou física. No referente ao comportamento sexual a vara de medir segue sendo moi diferente.  As múltiples conquistas son valoradas positivamente no home e  duramente criticadas nas mulleres.
 
 
De Buzón

 
É un comportamento do pasado esa actitude masculina de sentirse con dereito a ocupar o dobre de espazo que as mulleres e esa actitude feminina de sacrificar a súa comodidade ata o punto de permitir o abuso dos demais? Por que as mulleres, a pesar de que  xa levan pantalóns, seguen a ser educadas para sentarse “como señoritas” e os homes non? Este comportamento bastante común no transporte público, de sentarse os homes coas pernas abertas, mentres que as mulleres adoitan sentar coas pernas cruzadas e ocupando menos espazo, en inglés chámase manspreading e está considerado un tipo de micromachismo.
 
De Buzón
De Buzón

A pesar dos avances na dedicación dos pais ao coidado dos fillos segue parecendo natural que os cambiadores de cueiros estean no baño de mulleres e segue estando mal visto socialmente por maiores e pequenos que os nenos xoguen con bonecas. Tamén se considera normal que sexan as mulleres as que coiden dos maiores, aínda que teñan irmáns varóns ou aínda que os maiores sexan da familia do home.
 
De Buzón
 
De Buzón
O traballo doméstico segue asociándose con normalidade ás mulleres, dándose por suposto que se debe ocupar del e culpándoa de calquera deficiencia na limpeza, na orde ou e no coidado dos fillos en moita maior medida que ao home, aínda cando traballe fóra da casa. A sociedade valora positivamente que os homes “boten unha man” nun traballo que se segue considerando feminino, cando deberiamos esixir corresponsabilidade.

Rematar cos roles discriminatorios e coas esixencias de control e posesión nas relacións de parella é avanzar para poñer fin á violencia de xénero. 
                                                                                    


19.11.15

DESCUBRINDO OS MICROMACHISMOS



Achégase o 25 de novembro e por iso esta semana nas titorías e nas aulas estivemos debatendo e escribindo en galego sobre as actitudes machistas que se manteñen moi preto de nós e das que non sempre somos conscientes, a partir dunhas imaxes que estaban polos corredores e que tamén nos proxectaron na aula.






12.11.15

QUEREMOS SER BOS CONSUMIDORES


O mércores 11 de novembro  alumnado de 2º da ESO e FP Básica fomos ao Instituto Galego de Consumo e Publicidade en Santiago. Ao longo dos corredores había vitrinas con produtos retirados do supermercado. Dividíronnos en grupos para facer obradoiros. Na aula había un supermercado virtual.  Primeiro reflexionamos, a través de xogos, sobre a súa estrutura e sobre como chegan alí os produtos. Pero a mellor parte foi comprar de mentira no súper e deseñar un novo produto cunha caixa e un rotulador. O segundo obradoiro foi moi divertido. Dividiron o grupo. Dous saían fóra onde lles explicaban que tiñan que seguir a parella que quedara dentro que estaban a facer a compra con diñeiro de mentira e facerlles unhas preguntas. Tamén fixemos un obradoiro sobre videoxogos. Explicáronnos o sistema PEGI de clasificación por idades. Despois deseñamos un ficticio e tivemos que explicar en que consistía. Pasou o tempo voando. Ao rematar fomos ao centro comercial e tivemos tempo para comer e ver tendas. Foi unha excursión moi interesante  e xa lle estamos a tirar proveito aos coñecementos adquiridos nos distintos xogos. Recomendamos esta excursión porque se aprende sobre consumo e publicidade de xeito divertido e didáctico.    


  
 
 

6.11.15

AO MAL TEMPO, PANDEIRETAS E CASTAÑAS



Amolounos a chuvia e foi un magosto sen bailes. Tivemos que apertarnos ben debaixo do tellado,  pegadiños ao lume. Pero queremos tanto as tradicións que fixemos festa ao son das pandeiretas e cantando ben forte as nosas cantigas. Porque non queremos que se perda ese legado, o equipo do alumnado maior aceptamos encantados o desafío de transmitir ao alumnado máis novo a nosa tradición musical. Que ningún alumno ou alumna marche de Rodeira sen saber cantar A saia da Carolina, O ghato, A rianxeira e tantas outras. O obradoiro de baile que tiñamos preparado terá que quedar para o curso que vén.



4.11.15

QUEREMOS CIENCIA EN GALEGO




O alumnado de Bacharelato acudiu hoxe a unha videoconferencia: A máquina que constrúe a mente e a realidade. Foi impartida polo investigador da Universidade de Santiago Xurxo Mariño Alfonso, organizada pola Coordinadora de Equipos de Normalización e compartida con outros institutos, na celebración do Día da Ciencia en galego. Ademais de seguir a conferencia vía web, tivemos a posibilidade de interaccionar co relator vía chat facéndolle preguntas. Resulto moi amena e interesante.






29.10.15

MURAIS TERRORÍFICOS



Chegamos ás portas do Samaín con todo un corredor decorado polo alumnado de Debuxo artístico. Mete medo de verdade!!! 







28.10.15

A FORZA CREATIVA DO MEDO


O alumnado de 4º debatemos na aula de galego sobre os nosos medos e traballamos logo esas ideas en poemas e relatos. E descubrimos grandes artistas. Podedes ilos ler ao taboleiro do 1º andar. Tamén vos deixamos aquí algúns fragmentos.



27.10.15

CADÁVERES MATEMÁTICOS



O departamento de matemáticas propúxolle ao alumnado un divertido xogo no que debían relacionar famosos matemáticos con curiosidades relativas ás súas mortes.








26.10.15

AS PALABRAS DO MEDO



O equipo de 1º da ESO propuxo as seus compañeiros e compañeiras investigar na clase de galego o campo semántico do medo. Plasmaron o seu traballo neste mural.





23.10.15

MODERNIZANDO AS NOSAS TRADICIÓNS



A idea foi do equipo de 3º e resultou xenial. Eles presentáronnos a Slenderman, un personaxe moi actual creado na rede e tirado dun xogo dixital que lles gusta moito.












Foi doado entroncalo coa nosa tradición porque se aparece no bosque como a nosa Santa Compaña e provoca a desaparición dos nenos e nenas como o noso home do saco ou o sacauntos. Recreamos así nun gran escenario, mesmo na entrada do instituto, o bosque como espazo do terror, con árbores entre as que se entrevían dous  grandes murais, un da Santa Compaña e outra dun home-lobo, feitos por alumnado maior. No centro do bosque construímos as figuras: o modernísimo Slenderman, que causou sensación co seu rostro sen cara, os seus tentáculos e as notas en galego colgadas das árbores, que foron deixando as súas vítimas e que van marcando os pasos do xogo na rede;  o tradicional home co saco ao lombo do que saían unhas pernas de boneca. E máis adiante, allea aínda ao seu tráxico destino, a universal carapuchiña vermella, unha nena loura recollendo flores. Quedounos espectacular! Acompañamos o escenario con información sobre o bosque como escenario de terror de moitas historias da tradición galega e universal e sobre os personaxes recreados.










O alumnado de 3ºB invitou ademais a Slenderman á súa aula e compuxo e cantoulle unha canción en galego.