22.10.15

EU QUERO A NOSA TRADICIÓN ESCRITA



Cando se trata de historias de medo, de mortos e espíritos, o noso escritor Ánxel Fole é unha cita obrigada. Cada ano traemos ao centro unha das súas historias cando se achega o Samaín. Foi o equipo do alumnado maior quen a seleccionou e quen a deu a coñecer, montando na planta baixa do instituto este terrorífico escenario.







21.10.15

EU QUERO A NOSA TRADICIÓN ORAL



Na nosa cultura tradicional a fronteira entre os vivos e os mortes dilúese e nas historias contadas ao pé da lareira mortos e espíritos conviven cos vivos para darnos consellos, para pedirnos axuda ou para facernos correr co medo.  O equipo de 2º da ESO  seleccionou catro destas historias recollidas da tradición oral e animou ao seus compañeiros e compañeiras a montar estes vídeos para dalas a coñecer, aprendendo moitas expresións e vocabulario novo para enriquecer o noso galego falado e, por suposto, para participar con gran éxito, no concurso do Samaín.

En A madriña morte aparecerá o demo e tamén deus pero será a Morte a escollida por unha parella como madriña para o seu pequeno. Esta, agradecida, axudaralle a facer cartos como curandeiro para que poida manter ben á familia e mandaralle avisos de que se vai achegando o momento de ilo buscar aínda que el non se decate. 




En  A caveira convidada un mozo que vai bébedo da súa despedida de solteiro xoga cunha caveira e invítaa a súa voda. E a caveira preséntase no convite e pídelle o noivo que lle devolva a visita no camposanto. Será a avoa quen lle ensine a facer o círculo máxico e a dicir as palabras que o salvarán de quedar alí para sempre.




En  O soldado e o morto que caía aos cachos , un valente soldado é quen de pasar a noite, a cambio dunha boa merenda,  nunha casa habitada por un morto que se aparece en cachos conseguindo desencantalo, quedar coa casa e casar coa filla do alcalde.




O xastre e o zapateiro fálanos da inimizade, mesquindade e falsidade destes dous personaxes pero tamén de enxeño cando xuntos logran asustar unha banda de ladróns que se refuxiara nunha igrexa facéndolles crer que os perseguen espíritos dos defuntos, quedándose co botín, aínda que de novo serán incapaces de superar as súas diferenzas ao repartilo.



15.10.15

UN CASO DE MEDIACIÓN


Este é o vídeo gravado polo equipo de mediación do instituto para darse a coñecer e animar aos seus compañeiros e compañeiras a utilizar este servizo para solucionar os problemas de convivencia que poidan xurdir.  Parabéns polo traballo realizado!




 

 

5.10.15

PREPARANDO O SAMAÍN



Convócase un gran concurso creativo, inspirado na nosa tradición de contos e personaxes de terror, e aberto á toda a comunidade educativa para celebrar o Samaín, esa festa de orixe celta segundo a cal a noite do 31 de outubro se abren as portas que comunican o mundo dos vivos e o dos mortos e poden vir visitarnos todo tipo de espíritos.  Porque ti tamén queres manter vivas as tradicións que nos invitan á festa e á celebración comunitaria, pon a traballar a túa imaxinación e participa no concurso!




30.9.15

O EQUIPO DE MEDIACIÓN VISITA RIBADAVIA

Ben mereciamos o equipo de mediación do instituto una recompensa polos nosos desvelos para mellorar a convivencia do instituto. Metemos na mochila toalla e traxe de baño, a pesar de estarmos xa en outubro, porque nos fomos bañar ás termas de Prexigueiro. Logo tivemos unha visita guiada polo casco histórico de Ribadavia e rematamos o día na zona fluvial de Veronza.

25.9.15

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS



Así quedou o noso mapa europeo da diversidade e o noso mural de agradecemento a cantos traballan por manter viva a diversidade do mundo. E o test foi todo un éxito de participación. Se aínda non fuches facelo, esperámoste a semana que vén.


24.9.15

CANTO SABES DAS LINGUAS EUROPEAS?



O 26 de setembro celebramos o Día Europeo das Linguas. E non hai mellor xeito de celebralo que aprender cousas novas sobre a diversidade lingüística que nos caracteriza porque todos os europeos e europeas vivimos rodeados de moitas linguas que debemos protexer porque son o noso maior patrimonio cultural. Non deixes de pasar polo corredor do 1º andar para comprobar canto sabes das linguas de Europa contestando a un test que preparamos o alumnado de 2º da ESO. Por cada dez respostas acertadas conseguirás unha lingua doce para celebrar que ti tamén valoras a riqueza da diversidade lingüística e cultural. Deixámosche aquí o test para que practiques…






 Tamén haberá linguas doces mañá, venres 25, na celebración do Día Europeo das Linguas nos dous recreos. Ven participar sacando unha lingua do globo terráqueo e colocándoa no mapa de Europa.
 

UNHA CHAVE QUE NOS COMPROMETE



Xa tivemos a primeira reunión por nivel dos equipos formados con alumnado voluntario. Recibimos unha chave coa que fixemos un colgante, decorándoa ao noso gusto con esmalte de unllas, papel e tea de cores. Quedaron moi orixinais! Levámolo con nós para que nos lembre todo o curso o noso compromiso de sacar o galego que levamos dentro e abrir con el novas portas de comunicación no instituto, na casa, en Cangas e no mundo.

23.9.15

CONSTRUÍNDO UN CORAZÓN PARA QUERER FALAR EN GALEGO



Non hai mellor acto de amor a unha lingua que falala. Un pode pensar que o que fai non é importante, pero cada alumno ou alumna, cada profesor ou profesora, cada membro do persoal non docente, cada pai ou nai… cada membro da comunidade educativa, cada persoa de Cangas, cada galego ou galega, cada estranxeiro que a aprende… cada un de nós somos a peza dun quebracabezas co noso nome escrito que non ten sentido se permanece soa pero que encaixa cando se une ás pezas dos demais e vai tomando a forma dun gran corazón que simboliza un compromiso xa non individual senón comunitario: o EU transfórmase en NÓS e as forzas multiplícanse na defensa do noso maior patrimonio: a nosa lingua. Así o fixemos na 1ª reunión do equipo: todos e todas fomos pezas que encaixaron para formar o noso corazón de equipo, o centro do lema que permanecerá nun gran cartel todo o curso á entrada do centro. Lembrade que a semana que vén comezamos xa coas reunións por equipos no 2º recreo de cada día da semana. Tedes os carteis polos taboleiros. Nos esquezades o voso día!
 




21.9.15

VÉMONOS O MÉRCORES!



Así quedaron os carteis dos taboleiros cos corazóns de todos e todas os que nos anotamos ao equipo para falar en galego. Escollemos un adhesivo co noso argumento preferido para poñer ben á vista e recordar así o noso compromiso de falar galego nas reunións e ilo incorporando pouco a pouco á nosa vida. O mércores 28 temos todos e todas a primeira reunión no 2º recreo. Non faltedes!
 




15.9.15

NOVO CURSO. NOVA CAMPAÑA


Comeza un novo curso  e con el unha nova campaña do EDLG que xa está a animar desde os corredores do instituto e tamén desde aquí, desde o noso blog, a romper co medo e coa indecisión e a botarte a falar en galego. Apúntate ao equipo e axúdanos a ancher de corazóns o lema deste curso!
 

NOVO CURSO. NOVOS PROXECTOS.



De blog16