21.10.15

EU QUERO A NOSA TRADICIÓN ORAL



Na nosa cultura tradicional a fronteira entre os vivos e os mortes dilúese e nas historias contadas ao pé da lareira mortos e espíritos conviven cos vivos para darnos consellos, para pedirnos axuda ou para facernos correr co medo.  O equipo de 2º da ESO  seleccionou catro destas historias recollidas da tradición oral e animou ao seus compañeiros e compañeiras a montar estes vídeos para dalas a coñecer, aprendendo moitas expresións e vocabulario novo para enriquecer o noso galego falado e, por suposto, para participar con gran éxito, no concurso do Samaín.

En A madriña morte aparecerá o demo e tamén deus pero será a Morte a escollida por unha parella como madriña para o seu pequeno. Esta, agradecida, axudaralle a facer cartos como curandeiro para que poida manter ben á familia e mandaralle avisos de que se vai achegando o momento de ilo buscar aínda que el non se decate. 




En  A caveira convidada un mozo que vai bébedo da súa despedida de solteiro xoga cunha caveira e invítaa a súa voda. E a caveira preséntase no convite e pídelle o noivo que lle devolva a visita no camposanto. Será a avoa quen lle ensine a facer o círculo máxico e a dicir as palabras que o salvarán de quedar alí para sempre.




En  O soldado e o morto que caía aos cachos , un valente soldado é quen de pasar a noite, a cambio dunha boa merenda,  nunha casa habitada por un morto que se aparece en cachos conseguindo desencantalo, quedar coa casa e casar coa filla do alcalde.




O xastre e o zapateiro fálanos da inimizade, mesquindade e falsidade destes dous personaxes pero tamén de enxeño cando xuntos logran asustar unha banda de ladróns que se refuxiara nunha igrexa facéndolles crer que os perseguen espíritos dos defuntos, quedándose co botín, aínda que de novo serán incapaces de superar as súas diferenzas ao repartilo.



No comments:

Post a Comment

e ti que dis?