25.3.14

APRENDENDO DOS MAIORES NA HORTA. 2º ESO

A horta foi lugar de encontro xeracional, onde os maiores transmitiron, na lingua de noso,  o seu saber sobre as árbores froiteiras que se foron plantando. Aquí os tedes co alumnado de 2º da ESO.


24.3.14

CHEGA A PRIMAVERA. MÓVETE, RESPÌRA E COME FROITA FRESCA.


Chegou a primavera a Rodeira e con ela unha nova semana de froita. E aproveitamos a nosa árbore para enchela das fermosísimas flores das nosas árbores froiteiras, repasando os seus nomes en galego. Nada invita tanto a pensar en coidar a nosa saúde con aire libre, exercicio físico e moita froita fresca como unha natureza que se enche de cores, de luz e de sol.



 

21.3.14

COIDEMOS DA PAISAXE. COIDEMOS DAS PALABRAS


Dous desexos para unha mesma celebración o 21 de marzo, Día da Poesía e tamén Día da Árbore. Deseñamos unha árbore con papel de embalaxe marrón e invitamos a toda a comunidade escolar a colgar das súas pólas os seus versos preferidos da poesía en galego que podían atopar nos libros expostos a carón da árbore. 



 

13.3.14

NON HAI IGUALDADE SEN CORRESPONSABILIDADE NO FOGAR



Este foi o reto para o alumnado de 4º: compartir diferentes tarefas do fogar cociñando, limpando, cosendo, pasando o ferro, utilizando trade e desaparafusador, falando en galego con toda naturalidade para demostrar que teñen superados prexuízos e estereotipos. Fixérono moi ben como podedes ver nas fotos da nosa ximcana de tarefas domésticas.

cociñando:



  
limpando:



cosendo:



pasando o ferro:
 

utilizar o trade e o desaparafusador:
 


7.3.14

ROMPE COS ESTEREOTIPOS. TRABALLA POLA IGUALDADE!

Grazas a todas as alumnas que participastes nesta campaña. Aquí tedes todas as fotos e os textos que estarán expostos na planta baixa do centro ao logo de todo este mes de marzo.




28.2.14

8 DE MARZO. DÍA DA MULLER



O vindeiro 8 de marzo celébrase o Día da Muller e pensamos nunha sinxela proposta para lembrar o difícil camiño de loita que a muller desenvolveu ao longo da historia para entrar en ámbitos que se consideraban exclusivos dos homes.  Aproveitando que aínda estamos en tempo de Entroido, propoñemos a todas as alumnas que queiran participar que se fagan unha foto representativa dun destes ámbitos, empregando o galego, unha lingua tamén discriminada en moitos ámbitos nun pequeno texto explicativo.  E  aos alumnos pedímoslles fotos desenvolvendo tarefas da casa. A semana próxima realizaremos no instituto unha xincana de tarefas domésticas falando en galego para o alumnado de 4º. 
Coas fotos faremos unha campaña desde os taboleiros do centro. Porque rompendo cos esteoreotipos e defendendo a corresponsabilidades no fogar, poderemos avanzar no camiño da liberdade e da igualdade.

ALBORADA NO MORRAZO

O IES de Rodeira participou no recitado colectivo da Alborada de Rosalía xunto con outros centros educativos do Morrazo.


24.2.14

ROSALÍA NOS MUROS DE RODEIRA

Respondendo á invitación da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), celebramos o día de Rosalía, hoxe 24 de febreiro, pintando os seus versos na rúa, no muro exterior do noso instituto para que o alento da súa voz se faga presente entre a cidadanía.

O noso grafiteiro Miguel Millara Crispín que cursa en Rodeira 2º de Bacharelato, deu vida ao nome de Rosalía cun artístico grafiti que reclama a atención dos transeúntes a carón do portal da entrada.


Cada grupo da ESO escolleu un poema de Rosalía que traballou na aula "grafiteando" logo un dos seus versos.

 Así de colorido quedou o noso muro.


UN PASO ADIANTE DANDO VIDA AO GALEGO NA CELEBRACIÓN DO ENTROIDO


Como manda a tradición do instituto, preparamos coplas en galego criticando aos profes e tamén os problemas sociais e enchemos de cores o patio coas nosas comparsas. Especuladores, manifestantes e policías escenificaron a problemática dos desafiuzamentos; un equipo de fútbol con xogadoras mulleres e animadores homes invitounos a reflexionar sobre o tema da igualdade; resucitamos a Mikel Jacson e a diferentes  personaxes de conto e superheroes;  tampouco faltaron os socorridos pixamas e as batas brancas, este ano para un grupo de pintoras. O profesorado escolleu a cicloxénese explosiva que non nos deixa nin na meteoroloxía nin no ensino. Houbo festa rachada e premios para todos os que a fixeron posible cos seus disfraces e coplas.



 

21.2.14

UN PASO ADIANTE NA DEFENSA DA NOSA TRADICIÓN do ENTROIDO


Xa está a planta baixa do instituto chea de fotos do noso Entroido máis tradicional: o Entroido do Hío. Está moi ben participar nesta celebración tan antiga e que tanto gusta á xente nova pero sen impedir que se desenvolva paso a paso como manda a tradición e o esforzo dos veciños e veciñas da parroquia. E precisamente para iso montamos a exposición, para que todos e todas coñezades a tradición e poidades axudar a conservala. Os que vaiades alá non esquezades traernos as vosas fotos para a exposición do ano que vén.



 

20.2.14

DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA



Mensaxe da directora xeral da  UNESCO, Irina Bokova, con  motivo  do  Día
Internacional da Lingua Materna.

As linguas locais para a cidadanía mundial: a ciencia en primeiro plano
                                           21 de febreiro de 2014



Desde hai 14 anos, a UNESCO e os seus asociados celebran o Día Internacional da Lingua Materna.
En todo  o  mundo  organízanse  actividades,  conferencias,  concerto s e  seminarios para  axudar  as
persoas a explorar a importancia da diversidade lingüística e do plurilingüismo.

A protección e a promoción das linguas maternas son esenciais para a cidadanía mundial e para lograr
un auténtico entendemento mutuo. Entender e falar varias linguas facilita a comprensión da riqueza  de
interaccións culturais do noso  mundo. O  recoñecemento  das  linguas  locais  permítelle  a  un  maior
número de persoas facer oír a súa voz e participar activamente no destino  colectivo.  Por  iso  é  polo
que a UNESCO fai todo o posible por contribuír á coexistencia harmoniosa das 7.000 linguas que se
falan no mundo.

Este ano facemos especial fincapé no lema «As linguas locais para a cidadanía mundial:  a  ciencia  en
primeiro plano», a f in de  mostrar  ata  que  punto  as  linguas  garanten  o  acceso  ao  saber,  á  súa
transmisión e á súa pluralidade. Contrariamente  á  crenza  común,  as  linguas  locais  son  totalmente
capaces de transmitir as materias científicas máis modernas, as matemáticas, a física e a tecnoloxía.

Recoñecer esas linguas supón tamén abrir a porta a múltiples saberes tradicionais  científicos a  miúdo
ignorados e enriquecer os nosos coñecementos.

As linguas locais constitúen a maior parte das linguas que se falan no noso planeta no ámbito científico.

Son tamén as máis ameazadas. Coa exclusión das linguas,  os  seus  falantes  vense  privados  do  seu
dereito humano fundamental ao coñecemento científico.

Con todo, o achegamento dos  pobos  na  «aldea mundial»  fai  moito  máis  necesario  o  traballo  de
comprensión e de diálogo das culturas. Hoxe en  día, a norma mundial é  o  emprego  de  tres  linguas
como mínimo, a saber: unha lingua local, unha lingua de gran comunicación e unha lingua  internacional
para comunicarse tanto no plano local como no mundial. Esta diversidade lingüística e cultural é quizais
a nosa maior oportunidade de cara ao futuro: para a creatividade, a i nnovación e  a  inclusión. Non  a
desaproveitemos.

O Día Internacional da Lingua Materna contribúe desde hai máis dunha década a poñer  de  relevo  as
múltiples funcións que teñen as linguas para a formación do espírito no sentido máis amplo, así como  á
construción dunha cidadanía mundial onde cada persoa dispoña dos medios reais para contribuír á vida
e aos retos da sociedade. Convido o conxunto de Estados  Membros  da  UNESCO,  a  Organización
Internacional  da  Francofonía  asociada  a  este  Día  en  2014 ,  os  axentes  da  sociedad  e  civil,  os
educadores, as asociacións culturais e os medios de comunicación a facer  realidade  esta  promesa  de
diversidade lingüística en prol da paz e do desenvolvemento sustentable.

Irina Bokova




17.2.14

DEBATENDO EN GALEGO: PARLAMENTO XOVE





Un grupo de oito alumnos e alumnas de 4º da ESO, divididos en dous grupos, volvemos participar por segundo ano consecutivo no Parlamento Xove, unha actividade organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, cuxo obxectivo é promover o diálogo e a oratoria entre o alumnado, así como desenvolver outras moitas competencias no alumnado participante.

O tema que nos propuxeron foi: “Sofren as novas xeracións un retroceso sexista e na tolerancia ás diferenzas persoais?” A documentación que recollemos foi moi extensa e variada: artigos de prensa, estudos estatísticos, libros publicados... Variados foron tamén os temas nos que baseamos as nosas argumentacións: a violencia de xénero en adolescentes, a situación actual da muller -centrándonos nos ámbitos laboral e doméstico-, o uso das redes sociais vinculado aos estereotipos, a propia existencia de estereotipos e a súa transmisión aos máis novos. Foi un traballo duro e constante de procesamento de datos, de elaboración de discursos, de perfeccionamento da oratoria, de debates internos e discrepancias, de conversas ledas e animadas, de moitos nervios, de momentos frouxos... De moita, moita ilusión.
Non gañamos o Parlamento Xove -ambos grupos quedamos xusto na metade da táboa-; o que si gañamos foi a dominio do galego falado no rexistro culto e a guerra interna contra iso que nos impide falar cara a un público; e gañamos tamén moitas, moitas vivencias.