1.3.18

FALAMOS DE POESÍA CON PEPE CÁCCAMO

Hoxe recibimos na biblioteca do instituto ao poeta Pepe Cáccamo que veu falarnos ao alumnado de 1º da ESO da poesía en xeral e dos seus libros de poesía, en especial do último poemario, Tinta de luz. Logo, na aula de 1º ESO A puxemos en común a experiencia. Estes foron os feitos que destacamos.

Soubemos que foi profesor e agora está xubilado. Na súa vida cotiá ocúpase da compra, fai a comida, limpa a cociña, coida o xardín... o que menos lle gusta é varrer. O seu pai era escritor e na casa tiña libros; pero non lembra que el influíse na súa decisión de dedicarse á escrita. Comezou a escribir poemas  de amor cursis porque lle gustaba unha rapaza, que, por certo, non lle fixo caso. Escribiu uns 3.000 poemas entre os 18 e os 25 anos que garda nun cartafol e que nunca publicou. Dedicou moitos poemas a persoas concretas, por exemplo aos seus fillos. Ten moitos amigos escritores e participa en actos literarios e faladoiros. Algúns dos seus poetas preferidos son Antonio Machado, Pablo Neruda, Luís Pimentel e Díaz Castro. Leva xa 50 anos escribindo e consérvao todo, mesmo o que non lle publicaron.

Sobre a poesía asegurounos que a el non lle gusta a palabra inspiración. Todos os días le un ou dous poemas que escolle nalgún dos moitos libros que ten na súa biblioteca. Ás veces soña cos poemas e ten que erguerse da cama e anotar os fragmentos soñados para escribir despois o poema partindo deles.  Asegurounos que é moi difícil facerse rico coa poesía e contounos unha anécdota dunha vez que foi á editorial para que lle desen un libro en vez dos 10 euros que gañara nese ano e atopouse con que era el quen llos debía á editorial.  Outra anécdota que nos contou sucedeu en Cangas, onde estivo en dúas oficinas bancarias buscando a unha persoa para darlle un agasallo de parte de Bernardino Graña; sorprendeuse e lamentou que ninguén nesas oficinas coñecese ao noso gran escritor.

Para os que nos gusta escribir, aconsellounos que lle deamos a ler os nosos textos a persoas que teñan criterio literario. Invitounos a inventar palabras poéticas unindo dúas palabras: brandidura, duribranda, azulmello, gatofante,... e asegurounos que calquera acontecemento ou anécdota se pode converter nun poema. 

Gozamos moito da conversa deste poeta que vive ben preto de nós, en Santa Cristina de Cobres.






No comments:

Post a Comment

e ti que dis?