22.2.18

NA CASA DE ROSALÍA


Onte o alumnado de 1º ESO fomos de excursión a Padrón. Cando entramos no recinto da casa-museo de Rosalía , a impresión que tiven foi que a casa estaba moi restaurada. Era unha casa grande, o tellado vermello e os bordes das ventás negros. Paseamos polos seus xardíns que estaban cheos de todo tipo de camelias, pereira de aveliño, castiñeiro de Rosalía, carballo de Guernika, figueira, oliveira, camelia, piñeiro, castiñeiro, ciprés e un ombú, que chamaba a atención porque era xigantesco. 



No xardín tamén había unha cociña médica de farmacia e un monumento chamado “Baltar de Padrón”, cunha escritura tallada na pedra e un retrato da poetisa coas datas de nacemento e morte.


Despois visitamos a casa-museo. Ao entrar había unha tenda con camisetas, libros e agasallos sobre Rosalía. Na primeira sala había telegramas, periódicos e fotos con explicacións. A guía contounos que a casa nunca chegara a ser de Rosalía, que ela casara con Murguía e que tiveran sete fillos, pero dous morreran de pequenos. Rosalía non tivo netos e xa non queda ninguén da súa familia. Na segunda sala había fotos das distintas casas nas que vivira Rosalía. Ela bautizárase sen apelidos, pero nos rexistros aparecía co apelido da súa nai. Nos estudos, aprendeu a tocar instrumentos, falar francés e actuaba como protagonista en obras de teatro. Rosalía coñeceu a Murguía, o seu home, en Madrid. Morreu aos 48 anos a causa dun cancro de útero. Na terceira sala había unha mesa electrónica que proxectaba libros dela e escritos. Unha gran variedade de autores puxéronlle música aos seus poemas. Na cuarta, había unha cociña galega do século XIX cunha fermosa lareira. Subimos as escaleiras e atopámonos unha sala con escritos e cos nomes dos fillos de Rosalía: Alejandra, Aura, Gala, Ovidio, Amara, Adriano (morreu cun ano) e Valentina (naceu morta). Logo chegamos á habitación de Rosalía. Alí estaba a súa cama que tiña unha flor enriba que lle cambian cada día. O que máis me sorprendeu foron un guecho de cabelos seus que estaba exposto no seu tocador; Logo, un salón e un maniquí cun dos seus vestidos. Na última sala había escritos, cadros e unha bandeira de Galicia.





Logo visitamos o Xardín Botánico, onde nos propuxeron una actividade: anotar os nomes vulgares e científicos de cinco especies de árbores distintas. Ademais do nome había outra referencia que tiña que ver coa súa historia: carballo do ouro, palmeira do 11-M, ciprés do ano xacobeo 2004, xagú do Xapón… Relaxaba moito estar entre a natureza,

Na praza Macías merendamos e pasamos un tempo de lecer. Rematamos coa visita á igrexa de Padrón na cal había unha curiosa pedra debaixo das figuras dos cristos, e á alameda que tiña dúas esculturas, una de Rosalía e outra de Camilo José Cela. Foi unha mañá moi fermosa chea de lugares agradables e de coñecementos para aprender e non esquecer. Pasámolo xenial!






No comments:

Post a Comment

e ti que dis?