3.11.14

SAMAÍN 2014

Aquí tedes os escenarios gañadores do concurso do Samaín. O primeiro daba vida a un relato popular “O bergantín pantasma”, unha historia de espíritos de pantasmas vagando nas noites de temporal polas illas Cíes, recollida no libro Arrepíos e outros medos por Xosé Miranda e Reigosa (Ed.Xerais 2004).



Hai xa moito tempo que naufragou un bergantín na Punta do Cabalo das Illas Cíes. Tratábase dun bergantín pirata cargado de tesouros, acugulado de moedas de ouro. O seu capitán, un home alto, moreno, de negras guedellas e longa barba, maldiciu aquel día e aquela hora. Non houbo remedio e o barco foi para o fondo con todo o seu ouro e con toda a súa tripulación. Nas noites de temporal, porén, en medio do vento que zoa, do estrépito e tremer dos cables sacudidos, dos bramidos do mar, das inmensas ondas, emerxen das profundidades o barco e a tripulación. Despregan velas, afánanse nas súas tarefas, corren e bolen animadamente, berran e pelexan, intentando que a nave non volva afondar. Son conscientes da súa oportunidade e queren como sexa evitar o afundimento. Só é necesario achegarse á Furna dos Pesos nas noites bravas de inverno e pódese ver. Créanmo. Un bergantín coas velas tensas, dirixíndose dereito contra as rochas, cunha potente luz, resplandecente, pendurada do pau maior, que racha a néboa e deixa ver parte da cuberta. Os mariñeiros son cadáveres, naturalmente, e o capitán berra e esborreca cos ollos vermellos, cos ollos acesos pola ira. Berra e blasfema. Blasfema e xura. Se calma o temporal ou vén o día, o bergantín pantasma vaise coa súa tripulación e os seus tesouros ao fondo do mar. Se cadra, ao día seguinte, un neno se achega ata a praia da Furna dos Pesos. Entre as areas atopa unhas moedas. E entre as moedas, tal vez, uns anacos de óso roidos polos peixes.













O segundo daba vida a un relato de Marilar Aleixandre, Agardando polos morcegos. Conta a historia dun zoólogo que se obsesiona cos morcegos, a partir dunha maldición, e acaba matando á súa muller, tamén zoóloga que traballaba con eles,  convencido de que se transformara en vampiro.





O terceiro premio daba vida ao esquelete de Un ollo de vidro de Castelao, algo modernizado porque escribía a súas memorias nun vello ordenador.





E, por cuarto e último escenario premiado, recreaba a meiga de Torgán do relato de Ánxel Fole.





O texto orixinal premiado foi una creación colectiva do alumnado de 3º D: A aula maldita.


Escribo esta carta cando xa a penas me quedan forzas para resistir. Son a última testemuña da desgraza que se abateu sobre a aula de 3º D. Sei que non teño escapatoria e decidín empregar o meu último alento en contarvos o que sucedeu, antes de que veñan por min.

Todo comezou cando Carla, a nosa compañeira de clase, desapareceu.  Hai uns días o seu pupitre apareceu baleiro e contáronnos que marchara para Madrid. Pero, ao día seguinte, as luces da aula volvéranse vermellas e na mesa baleira de Carla apareceron unhas velas e un camisón cheo de sangue. Berramos e quixemos escapar pero a porta estaba pechada e non se abría. De súpeto, marchou a luz e, cando regresou, decatámonos de que Pablo xa non estaba: esfumárase non sabemos como… Ninguén escoitaba os nosos berros. De novo, escuridade total e agora é Lara a que apareceu cun coitelo atravesándolle a cabeza. Abrazámonos aterrados e intentamos agocharnos pero os asasinatos continuaban. O seguinte foi Ángel, que apareceu cunha corda ao pescozo. Marta non puido resistir máis e botouse pola ventá, esnafrándose contra o chan. O seguinte en caer foi Carlos, devorado por arañas asasinas. Esteban intentou conectar o ordenador para pedir axuda e a electricidade sacudiu todo o seu corpo ata que non se moveu máis. Despois apareceu Lara cun machado cravado e por último Adrián, envolto nunha gran arañeira que o deixou sen respiración.
Só quedo eu e xa comprendín que non teño escapatoria. Non aturo esperar imaxinando a terrible morte que me espera. Por iso poñerei eu mesma fin a miña vida. Cando atopedes esta carta, pechade esta aula maldita para sempre.
 












No comments:

Post a Comment

e ti que dis?