28.4.14

CANGAS EN FEMININO. CANGAS EN GALEGO.



Por cuarto ano consecutivo celebráronse as xornadas de Xeografía e Historia no instituto de Rodeira, dende o 22 ao 25 de Abril. As xornadas trataron sobre o papel da muller na sociedade de Cangas e como foi cambiando nos últimos séculos. 
O alumnado de 4ºD ocupámonos de abrir a exposición achegando a visión histórica. Escollemos para comezar unha muller emblemática de Cangas, Maria Soliño, afondando na situación da muller na época da Santa Inquisición.


Tamén fixemos um estudo histórico das tarefas desenvolvidas pola muller galega. Aquí tendes a presentación que realizamos con fotos antigas de Cangas da Asociación Cultural A Cepa.  
A historia das mulleres (a espranza ten a faciana de muller)



Logo a exposición centrábase na actualidade, con información recollida en entrevistas que o alumnado de 2º de Bacharelato lles fixo a mulleres traballadoras de Cangas.












Tamén houbo exposicións que nos prestaron como "Mulleres da mar tendida (A.C. A CEPA) sobre as mulleres na conserveira Massó e Imaxes de Muller, figuras destacadas de Cangas, de Galicia e do mundo, de Xerardo Dasairas,  Tamén unha exposición de Mulleres emprendedoras  da USC que trouxemos a través do Instituto de Igualdade da Xunta de Galicia. 


 



Os días 23 e 24 de Abril tamén houbo actividades pola tarde abertas ao público en xeral, coa proxección de vídeos sobre a muller de Cangas, elaborados por alumnado do centro; e vídeos sobre a muller do Fondo de Documentación do CIM. Despois das proxección desenvolvéronse dúas mesas redondas. O primeiro día sobre " Mulleres emprendedoras de Cangas" moderada  por  Paula Tenorio do  Centro de Información á  Muller (CIM), e na que participaron representantes de colectivos como "Matronas de O Morrazo", "Gardería Caracol", Colectivo de Redeiras" , "Mamá es la leche" e "A Carón". Foi unha mesa redonda onde cada colectivo explicou aspectos fundamentais relacionados coa posta en marcha da súa empresa, e o enfoque  feminino da súa xestión e obxectivos. Falouse da dificultade para  conciliar a vida laboral e familiar,  dos problemas   para conseguilo e a pouca axuda nalgúns  casos das administracións nese senso. A representante de "Redeiras" foi a máis reivindicativa.





O día 24, despois da proxección de documentais " Mulleres de Mar tendida" da CEPA e "Mulleres da conserva" de alumnado de Xeografía de España 2º de Bacharelato, desenvolveuse a Mesa redonda " Mulleres da conserva" moderada por Xerardo Dasairas, e na que participaron mulleres que traballaron ou traballan actualmente na conserva, xunto con Ana María Soto ex-Asistenta Social  de Massó (unha das primeiras de España) e o ex-encargado Manuel Aldao. Tamén participaron as actrices Casilda Alfaro e Mónica Camaño con comentarios sobre a obra "As do peixe" que reflicte con "moito humor" o mundo destas mulleres na segunda metade do século XX.

14.4.14

FACENDO ESTATÍSTICA EN GALEGO: MULLER E DEPORTE

Este curso organizouse unha liga de fútbol sala no instituto. Como non había a penas mulleres anotadas non podía facerse unha liga feminina. Pero o profe Fernando falou coas alumnas de Bacharelato e formaron o primeiro equipo feminino. Axiña apareceron ata un total de seis equipos dispostos a competir. Na aula de 4º D estivemos reflexionando, con motivo do 8 de marzo, sobre a necesidade de ser conscientes de que á igualdade aínda lle queda moito camiño por percorrer e fan falta actuacións que a potencien como fixo Fernando. Propuxéronnos facer un estudo sobre a relación entre muller e deporte no instituto e pareceunos boa idea. Fomos polas aulas preguntando quen practicaba deporte e cales eran. Logo con Jose, o noso profe de Ámbito Científico, calculamos as porcentaxes e fixemos estes gráficos de barras:





Os datos por deporte marcan o fútbol, o baloncesto, o bodyboard, o waterpolo, o bádminton, o kayak-polo e o karate como exclusivos do alumnado masculino fronte ao hip hop e o baile en xeral, o volley, o ballet, o patinaxe,  a ximnasia, a hípica e o step como  preferidos polas alumnas; elas tamén practican nunha porcentaxe maior atletismo e natación e eles, o taekwondo e o tenis de mesa. Máis igualados na práctica feminina e masculina están o balonmán, o piragüismo, a vela, o remo e o xadrez. 

En canto ao número de alumnado que practica deporte, os resultados sorprenden pola escasa porcentaxe de alumnado que declara practicalo que, en ningún caso, acada o 50%, aínda que se achega máis no caso do alumnado masculino que supera ao feminino en 10 puntos porcentuais.

10.4.14

UN PASO ADIANTE Á PROCURA DO GALEGO.Saída a Santa Marta.


Os equipos de dinamización da lingua galega asumimos, ao final do 2º trimestre, a difícil reto de levar a lingua galega viva na nosa boca no longo e difícil camiño de ida e volta ata Santa Marta.  Antes de saír recibimos unha bóla na que escribimos todas as razóns que nos levan a querer falar galego: SER NÓS, SENTIRNOS CONECTADOS, MANTERMOS VIVA A TRADICIÓN, SER DOS NOSOS, SER DIFERENTES, SER ORIXINAIS, SER ÚNICOS, ENRIQUECER O MUNDO, ENTENDÉRMONOS COS QUE FALAN PORTUGUÉS… A bóla activou así toda a forza positiva que nos había axudar na loita contra as forzas negativas, os prexuízos e a falta de hábito, que nos tentarían ao longo do camiño a abandonar o noso propósito de ser galego-falantes por un día.




A primeira misión converteunos en espías polo centro de Cangas. Divididos en grupos de 3 ou 4 fixémonos pasar por alumnado que estaba facendo un traballo para clase, pero a nosa tarefa era procurar entre a xente da rúa cales son as forzas coas que conta a lingua galega en Cangas e cal é a forza dos prexuízos que lle impiden ser usada con normalidade e que poderían levala a perder a batalla da supervivencia. Recollemos información sobre o uso da lingua por idades e segundo o contexto. Tamén do que a xente querería, sobre que situación lingüística lle parecería ben aínda que non sexa a real. Logo reunímonos para poñer a información en común e reflexionar sobre ela. Así decatámonos de que é maioría a xente de Cangas que defende o galego e non querería que se perdese por nada do mundo pero tamén de que o uso do galego na xente nova é moito menor que na xente maior. Tamén nos indignamos cando descubrimos prexuízos absurdos que xa criamos superados. A misión encheunos de ganas de retomar o camiño falando en galego.




Para non desfalecer na nosa misión, cargamos as nosas bólas poñéndoas en contacto coas barcas varadas na praia e na vella fábrica de Massó, facéndonos fotos. O mundo mariñeiro e o proxecto empresarial de Massó que trouxo traballo e progreso á nosa vila, identifican as nosas raíces, o mundo do que vimos. Porque o orgullo de ser quen somos, da nosa identidade, da nosa historia e da nosa cultura lévanos tamén a defender a nosa lingua.




Alí en Massó, fixemos un xogo. Colocámonos en varias fileiras indias, na liña de saída. O que encabezaba as fileiras colleu nas mans a bóla xa cargada de orgullo e identidade e, cando se deu o sinal de comezo, pasouna aos compañeiro/a de detrás e este ao de detrás e así ata acabar a fileira, unha vez por riba da súa cabeza e outra por entre as pernas. Cando o último collía a pelota, corría ao comezo da fileira facéndoa avanzar e o xogo volvía comezar ata chegar á liña de meta. Porque a forza da identidade e do orgullo non é individual senón colectiva, algo que debemos conservar e transmitir entre todos e todas para que o uso da lingua permaneza ao longo do tempo.





Un novo xogo, xa en Areamilla, invitounos a reflexionar sobre os prexuízos que se foron creando ao longo dunha historia difícil na que o galego estivo prohibido nos usos cultos e na falta de hábito ao deixar de falarse nas familias e cos amigos. Estes prexuízos tomaron forma en pelotas de tenis que os levaban escritos. Colocamos a nosa bóla, que concentraba todas as forzas positivas que nos levan a querer falar en galego,  na area, ben protexida e trazamos ao seu redor un círculo pequeno e outro máis grande. Fóra do círculo grande situouse a metade do grupo que tiñan que lanzar os prexuízos (bólas de tenis) para atacar e destruír os sentimentos positivos, conseguir botar a bóla grande fóra da súa casa, é dicir, que a lingua sexa abandonada polos seus falantes e  desapareza. A outra metade do grupo, dentro do círculo grande, debía de impedilo. O xogo fíxonos conscientes da grande forza dos prexuízos que, antes ou despois, sempre conseguían acabar coa lingua. Por iso é tan importante a educación, que faga desaparecer os prexuízos e nos converta a todos e todas en defensores da nosa lingua.




Para chegar a Santa Marta tivemos que atravesar un túnel escuro e húmido, símbolo do difícil camiño para darse a coñecer tantos creadores e creadoras en galego. A forza creadora salvou a nosa cultura do túnel dos Séculos escuros (Rosalía, Curros e Pondal e logo Castelao, Dieste, Manuel Antonio… poetas, narradores, autores de teatro, músicos…) Pero aínda hoxe á nosa cultura cústalle facerse oír e tócanos a nós estar atent@s á forza creativa que se expresa en galego e difundila entre os amigos e amigas e nas redes sociais. Para demostrar que estabamos dispost@s, escollemos cancións en galego, entramos da man ata a metade do túnel e alí cantámola, berrando ben forte e aproveitando o eco para que escoitasen os de fóra. Foi moi divertido.





Xa en Santa Marta, un novo xogo tentou contaxiarnos as ganas de falar galego. Pintamos un círculo na area no que caibiamos tod@s: a casa do galego. Un ou unha de nós tiña a bóla de sentimentos positivos cara á súa lingua e lanzábaa ao aire berrando un nome. Isto provocaba que os demais saísen correndo (asusta lanzarse a falar en galego) menos a persoa nomeada que tiña que coller a bóla e berrar “GALEGO”. Nese momento tod@s tiñan que deixar de correr.  A persoa lanzaba a bóla para tocar a un dos seus compañeir@s. Se o conseguía, era el ou ela quen volvía comezar o xogo; se non, quedaba e volvía comezar, lanzando o balón e dicindo o nome doutro compañeiro.

O galego non desapareceu nos Séculos Escuros pese a estar rexeitado nos usos importantes porque permaneceu no corazón dos galegos e galegas, como lingua especial na que falar en familia, festexar cos amigos, contar historias e falarlle aos nenos. Se queremos garantir que  galego viva para sempre terá que ser no noso corazón, no dos galegos e galegas, para compartilo con todos os que queremos. Por iso a actividade final, xa en Santa Marta, foi formar entre todos e todas un corazón.




4.4.14

UN PASO ADIANTE EN DEFENSA DA CIENCIA EN GALEGO



Novena edición da Semana da Ciencia, que como cada ano puxo o galego en boca do alumnado para nos falar de ciencia, poñendo a bata e compartindo cos compañeiros e compañeiras novas experiencias ao longo dunha semana nos recreos.

O alumnado de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía deixou abraiados a profesorado  e  alumnado coa súa proposta: un CD máxico que levitaba!!!




O protagonismo matemático foi para o alumnado de 1º da ESO que nos invitou a Dobrar e cortar mergullándonos no mundo da papiroflexia. Todo o que poidas imaxinar pódese facer con papel e un pouco de paciencia.  Moitas das figuras que puidemos ver expostas foron feitas por Abdellah, Borja, Xavi, Laura, Javier, Tomás, Hassan, Corina, Luis e Roi, auténticos expertos.



O alumnado de Informática (TIC) de 1º de Bacharelato puxo códigos QR para descargar aap para móbiles android.


informatica2014 from lingualiza on Vimeo.

O alumnado de ciencias ensinounos o que se pode descubrir Observando polo miúdo. Observamos o que a nosa vista non chega a alcanzar grazas á lupa binocular:  area da praia, escamas de peixes, rochas,  insectos, plantas, plumas de ave,… Todo un pequeno mundo ante os nosos ollos.


ciencias2014 from lingualiza on Vimeo.



Alumnado de 3º ESO D.C. e de 1º e 2º Bacharelato ofrecéronnos una morea de experimentos de física e química con gran profesionalidade.! Fluído antigolpes con auga e maicena, extintor caseiro, revelado de pegadas dactilares, xeo quente, disolución máxica que cambia de cor, líquido que fai os obxectos invisibles, a disolución arco da vella, as lentellas bailarinas.... Todo un éxito!. Parabéns a todos @s aprendices de científic@s.