14.2.14

PRÉSTANOS O TEU CORAZÓN



Grazas a todos e a todas os que participastes nesta actividade organizada para celebrar o amor e a amizade. Ademais dos corazóns de froita e das fotos de lugares do mundo con forma de corazón e das receitas que namoran, conseguimos camisetas, moldes de cociña, pequenas xoias, bonecos, pedras, follas, corazóns de papiroflexia... ata un pan con forma de corazón! O resultado foi unha colorida exposición colectiva. Aquí tedes as fotos.


A nosa lingua converteuse, un ano máis, en lingua do amor e da amizade en fotos dedicadas e mensaxes de amor inspirados nas mellores obras da nosa literatura.



 

10.2.14

RECEITAS QUE NAMORAN



Outro taboleiro encheuse de receitas en galego para prepara o agasallo máis doce.




 

7.2.14

POR UN MUNDO CON CORAZÓN



Os alumnos e alumnas de xeografía participamos tamén na celebración da candeloria e do San Valentín cunha exposición de fotos de lugares do mundo que teñen forma de corazón. 



 

6.2.14

QUÉRETE! Nova campaña polo consumo de froita e polo uso do galego na publicidade.



Os alumnos e alumnas do equipo de Normalización, aproveitando a celebración do san Valentín, quixemos lembrar a toda a comunidade escolar os beneficios do consumo de froita para o corazón, á vez que defendiamos o galego como lingua da publicidade. Estas foron as fotos da campaña polos taboleiros do instituto.



Como parte da campaña repartimos corazóns nos recreos. Un día foron corazóns de amorodos cortados ao medio e outro día corazóns de mazá e melón que fixemos con moldes. Foi moi divertido e conseguimos chamar moito a atención sobre a nosa campaña. 

froita s. valentín from lingualiza on Vimeo.

2.2.14

UN PASO ADIANTE EXPRESANDO EN GALEGO O AMOR E A AMIZADE


Como no proxecto Corasons, invitamos a todos e a todas a buscar corazóns e a prestarnos un para encher a planta baixa do instituto de pedra, vexetal, de tea, de papel....Préstanos calquera obxecto con forma de corazón. E se falamos de inspirarnos nos mellores, inpirádevos nos poemas galegos de amor que encherán os taboleiros para regalar palabras de amor en galego. Nas vosas fotos dedicadas que faremos nos recreos na planta baixa e nas nosas mensaxes de amor. A secretaría xeral de política lingüística convocou Lingua de namorar, un concurso de mensaxes de amor en galego (máximo 350 caracteres) con premios moi atractivos a partir de 14 anos ata 35. Procurade as bases httpwww.xunta.es/linguagalega/arquivos/bases_lingua_namorar.pdf. Faremos o concurso tamén no centro, sen límite de idade (a ordenador, 35o caracteres, a man, unha cuartilla) e os nosos premios serán lambonadas en forma de corazón: unha piruleta en forma de corazón por participar e premios ás mellores mensaxes. Animádevos a participar



Hoxe celebramos a Candeloria, a festa da luz e o día do amor nos antigos costumes galegos. Esta festa ten as súas orixe nos cultos pagáns do ciclos estacionais, en concreto, neste caso, na chegada da primavera, e con ela o renacer da natureza e o amor. Por iso “a partir da Candeloria, ninguha ave voa soa”. Como en boa parte é unha data ben axeitada para celebrar o amor e a amizade. Por iso comezamos unha nova edición da campaña Bicos coa túa lingua. O obxectivo expresar en galego o amor e a amizade. Aprendemos dos mellores un feixe de músicos galegos e portugueses que lle cantan ao amor nese fermoso proxecto que se chama CORASONS (publicado por Kalandraka) inspirándose nas fotografías da portuguesa Isabel Leal, que nos ensinan que o mundo que nos rodea está cheo de corazóns se sabemos atopalos. Podedes velos actuar en directo en Vigo, no auditorio do concello, o xoves 14 de febreiro




 

30.1.14

DÍA DA PAZ. UN PASO ADIANTE NA UTILIZACIÓN DO GALEGO PARA DEFENDER UN MUNDO MÁIS XUSTO E SOLIDARIO



Hoxe  celebramos no instituto o Día da Paz. André (1º de Bacharelato) e Helena (2º Bacharelato) presentaron o acto aclarando que non pediamos a paz dos mortos, a do descanso eterno, nin queriamos resignarnos co mundo que nos tocou en sorte. Aínda que A PAZ NO MUNDO sexa un soño, unha utopía, un horizonte que a penas conseguimos divisar, moitos homes e mulleres que tiveron este soño antes ca nós foron deixándonos frechas que nos indican que para chegar á Paz hai que abrir camiño coa xustiza e a igualdade de dereitos.
Por iso DESEXAR A PAZ NO MUNDO significa para nós comprometérmonos a non retroceder no camiño andado e a seguir dando pasos para que os dereitos humanos sexan unha realidade para todos e todas.

Por iso retomamos a idea dos pasos e do camiño en decembro, convertendo os dereitos humanos no camiño a seguir para achegármonos ao mundo en PAZ que dexesamos. Con esa idea construímos un gran mural para a entrada do instituto, un crebacabezas formado por 14 grandes pezas. Cada aula preparou unha cun dos dereitos humanos, e no acto do Día da Paz fomos montándoo peza a peza, nun  traballo colectivo que quería lembrar que non camiñamos sós e, unindo esforzos, podemos superar as dificultades do camiño. Ao rematar de montar o mural puidemos ler a súa mensaxe:

“Quizais a PAZ sexa unha UTOPÍA inalcanzable. Pero está no horizonte para marcarnos un camiño. CAMIÑAR É O IMPORTANTE. Paso a paso por un mundo con dereitos para todos e todas.”

A PAZ que defendemos INVÍTANOS A ACTIVARNOS e utilizar a nosa lingua na defensa pacífica dunha sociedade máis xusta e un mundo mellor. E na nosa lingua quixemos lembrar o importante que é ser MOCIDADE ACTIVA, disposta a poñerse en pé e CAMIÑAR  para reclamar os dereitos de todos e de todas, perseguindo o fermoso horizonte dun MUNDO EN PAZ. E fixémolo cantando A mocidade activa de Dakidarría coa que pechamos a nosa celebración.




Nun dos taboleiros da entrada do instituto, nun mapamundi coa toponimia en galego, o alumnado de 4º D colocamos información resumida dos principais conflitos activos no mundo e un resumo da análise feita sobre a situación dos Dereitos Humanos no mundo por Amnistía Internacional no seu informe de 2013. Debemos coñecer a realidade para podermos ser críticos e esixir das institucións as medidas necesarias para poñerlles fin e evitar o sufrimento de tantas persoas, mortas, feridas, desprazadas...

24.1.14

MÓVETE, RESPIRA E COME FROITA FRESCA. 1ªsemana.


Hoxe rematou a 1ª semana de froita deste curso. Pensamos que cada vez a xente nova ten máis claro a importancia de consumir froita e por iso nos encanta esta campaña. Tivemos plátanos, peras, mazás e mandarinas. Todo estaba boísimo, sobre todo no 2º recreo que saímos sempre con moita fame... Antes non te atrevías moito a levar froita nos recreos por se che miraban raro. Pero con esta campaña que xa empezou o ano pasado, ver ao alumnado comendo froita é xa o máis normal do mundo.








O luns 20, o alumnado de 4º presentámoslles a campaña MÓVETE, RESPIRA E COME FROITA FRESCA ao alumnado de 1º da ESO, que é novo no instituto. Foi unha actividade organizada polo departamento de ciencias, educación física e lingua galega, que valorou como eramos capaces de dirixírmonos aos grupos falando en galego para explicarlles a importancia do exercicio ao aire libre e dunha dieta saudable na que ter que estar sempre presente a froita. Para motivalos a participar, presentámoslles as mascotas e organizamos un concurso no que tiñan que conseguir puntos, comendo froita cada día da semana. Funcionou moi ben porque se avisaban uns a outros para nos despistarse. Ao final da semana repartimos premios entre o alumnado que comera froita todos os días e animámolos a seguir reunindo puntos nas seguintes semanas da froita. Aquí tedes as fotos que fixemos nas aulas.







O alumnado do CM de administrativo coa súa profe Marga Varela estase encargando de toda a xestión relacionada coa froita como un exercicio práctico do seu módulo de Comunicación e atención á clientela. Fan os pedidos, recollen e comproban os albarás, cobren un rexistro e finalmente comproban a factura para pagar á froitería e mandar as copias compulsadas ao FOGGA a quen temos que xustificar a subvención que nos conceden. Grazas pola vosa axuda!


17.1.14

FROITA PARA TODO O ALUMNADO DA ESO!



Lembrade que a semana que vén chega a FROITA nos recreos. Este curso contamos con tres mascotas moi especiais que serán apadriñadas polo alumnado de 1º da ESO e nos recordarán a importancia do consumo de froita para estar en plena forma. Non esquezades pasar pola planta baixa.



19.12.13

Un divertido paso adiante na defensa da nosa cultura: FESTA NO NADAL CANTANDO E BAILANDO EN GALEGO.

Que mellor xeito de rematar o trimestre que cunha festa para todo o alumnado dos equipos! Había que presentar invitación para poder entrar, un anaco de cartolina branca ou azul coa que formando entre todos e todas unha nova árbore de Nadal. Ao entrarmos, puxemos un adhesivo de CONVERSA EN GALEGO para nos identificar se saïamos e queriamos volver entrar. Pasámolo xenial! Nas últimas reunións escolleramos un tema de música en galego que nos gustaba e fixeramos un videoclip. Estabamos desexando a súa estrea e ver os videoclips do resto dos equipos. Sentamos no chan moi nervios@s. Primeiro puidémonos ver nas fotos de todas as actividades realizadas no trimestre. E logo chegou a hora da verdade: repartimos tarxetas coas letras  e presentamos os grupos escollidos e logo... o videoclip e a cantar e bailar ao ritmo de música en galego máis actual. Todos estiveron moi ben aínda que cada grupo aseguraba que o seu era o mellor. E despedímonos compartindo comida e bebida. Que máis se pode pedir?





Os grupos de 1º e 2º da ESO uníronse para cantar e bailar o tema Quero ver como te ris de MEDOMEDÁ.


1e2ESO from lingualiza on Vimeo.
3º da ESO escolleu FERTI MON, unha parodia galega do Wrecking Ball de Miley Cyrus, realizada por un grupo de amigos de Páramo Pictures.

eso3 from lingualiza on Vimeo.

4º da ESO, como é o grupo máis numeroso, escolleu dous temas:
A turbobisicleta, un tema de rock festivo de DAKIDARRIA
Fotos de Dakidarria

bisicleta from lingualiza on Vimeo.
O home que quixo vivir, poema de Bernardino Graña musicado por ASTAROT.
Fotos de Astarot

Bacharelato volveu con DAKIDARRIA, pero esta vez co seu rock máis combativo: A mocidade activa.
Foto.

1bac from lingualiza on Vimeo.

@s profes tolearon de todo ao ritmo do Rock do país de RUXE RUXE.
Fotos ruxeruxe

profesRock from lingualiza on Vimeo.

12.12.13

UN PASO ADIANTE NO USO DO GALEGO A FAVOR DUN MUNDO MÁIS XUSTO: DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

A paz e a xustiza no mundo son utopías difíciles de acadar. Pero hoxe celebramos que xa existe un camiño polo que avanzar nesta loita: a declaración dos Dereitos Humanos. O alumnado de 1º da ESO buscou na rede fotos de pasos que se imprimiron, escribindo sobre elas os diferentes artigos dos dereitos humanos e pegándoas polo centro. 




O alumnado de 4º realizou carteis para dar a coñecer esta celebración a partir dunha presentación que se pasou nas aulas e que se proxectou na pantalla da planta baixa.



 

6.12.13

UN PASO ADIANTE NA DEFENSA DA NOSA CULTURA. NO NADAL REGALA GALEGO.

Xa podes visitar a nosa exposición na planta baixa do instituto, chea de suxestións para agasallos en galego. Podes ver o último en libros, música e  filmes publicados en galego, así como camisetas e paraugas con lemas na nosa lingua e produtos de alimentación etiquetados en galego. As orixinais árbores de Nadal que deseñamos desde os equipos están a gustar moito. Ven visitarnos e énchete de ideas para regalar galego este Nadal!



 

4.12.13

ESTE NADAL... REGALA GALEGO

A coordinadora de equipos de dinamización do galego de todos os centros do Morrazo recoméndavos libros e música para REGALAR GALEGO este Nadal. Podes ver de preto todas estas suxestións a partir da semana que vén na exposición que estamos a montar na planta baixa do instituto...