30.1.14

DÍA DA PAZ. UN PASO ADIANTE NA UTILIZACIÓN DO GALEGO PARA DEFENDER UN MUNDO MÁIS XUSTO E SOLIDARIO



Hoxe  celebramos no instituto o Día da Paz. André (1º de Bacharelato) e Helena (2º Bacharelato) presentaron o acto aclarando que non pediamos a paz dos mortos, a do descanso eterno, nin queriamos resignarnos co mundo que nos tocou en sorte. Aínda que A PAZ NO MUNDO sexa un soño, unha utopía, un horizonte que a penas conseguimos divisar, moitos homes e mulleres que tiveron este soño antes ca nós foron deixándonos frechas que nos indican que para chegar á Paz hai que abrir camiño coa xustiza e a igualdade de dereitos.
Por iso DESEXAR A PAZ NO MUNDO significa para nós comprometérmonos a non retroceder no camiño andado e a seguir dando pasos para que os dereitos humanos sexan unha realidade para todos e todas.

Por iso retomamos a idea dos pasos e do camiño en decembro, convertendo os dereitos humanos no camiño a seguir para achegármonos ao mundo en PAZ que dexesamos. Con esa idea construímos un gran mural para a entrada do instituto, un crebacabezas formado por 14 grandes pezas. Cada aula preparou unha cun dos dereitos humanos, e no acto do Día da Paz fomos montándoo peza a peza, nun  traballo colectivo que quería lembrar que non camiñamos sós e, unindo esforzos, podemos superar as dificultades do camiño. Ao rematar de montar o mural puidemos ler a súa mensaxe:

“Quizais a PAZ sexa unha UTOPÍA inalcanzable. Pero está no horizonte para marcarnos un camiño. CAMIÑAR É O IMPORTANTE. Paso a paso por un mundo con dereitos para todos e todas.”

A PAZ que defendemos INVÍTANOS A ACTIVARNOS e utilizar a nosa lingua na defensa pacífica dunha sociedade máis xusta e un mundo mellor. E na nosa lingua quixemos lembrar o importante que é ser MOCIDADE ACTIVA, disposta a poñerse en pé e CAMIÑAR  para reclamar os dereitos de todos e de todas, perseguindo o fermoso horizonte dun MUNDO EN PAZ. E fixémolo cantando A mocidade activa de Dakidarría coa que pechamos a nosa celebración.




Nun dos taboleiros da entrada do instituto, nun mapamundi coa toponimia en galego, o alumnado de 4º D colocamos información resumida dos principais conflitos activos no mundo e un resumo da análise feita sobre a situación dos Dereitos Humanos no mundo por Amnistía Internacional no seu informe de 2013. Debemos coñecer a realidade para podermos ser críticos e esixir das institucións as medidas necesarias para poñerlles fin e evitar o sufrimento de tantas persoas, mortas, feridas, desprazadas...

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?