Co motivo da
chegada dende a Morgan Library de Nova York do Pergamiño Vindel, unha peza
clave na lírica medieval galega que compila as cantigas musicadas de Martín
Codax, o alumnado do IES de Rodeira fomos visitar o Museo do Mar de Galicia, en
Vigo. O edificio, erixido sobre os restos dunha antiga fábrica de conservas,
consta de múltiples naves, os edificios principais, un peirao e un xardín na
entrada. Ademais desta exposición temporal, o museo ofrece actividades dabondo
e amplas galerías relacionadas co mundo mariño, incluíndo un acuario.
Nada máis
chegarmos, as guías saíron recibirnos. Primeiramente accedemos aos talleres e
salas de exposicións temporais, pasando por una estancia que contén o submarino
de Sanjurjo Badía e unha peza de escultura sobre o mundo do mar,
introducíndonos á clara liña temática do museo.
Na sala de
exposicións temporais, onde se gardaba o
Pergamiño Vindel, viaxamos atrás no tempo a través de todas as disciplinas
artísticas do medievo, a sociedade da época e os seus dubidosos métodos
científicos, explicándonos como enfrontaban determinados problemas os
cristiáns, por exemplo no caso das enfermidades, e os musulmáns, que daquela
estaban máis adiantados, usándonos a nós como suxeitos de probas co que aínda
botamos uns risos… Puidemos admirar pezas medievais da Galicia do século XIII,
auténticas obras de arte: pergamiños, esculturas, crucifixos, pezas do
vestiario, biblias… A visita concluíu no Pergamiño Vindel, o cal interpretamos
coa axuda da nosa guía, admirando unha peza histórica de gran valor que se
conserva sorprendentemente ben.
Tras ver o
soto do museo, pasamos polos talleres, onde o outro guía do museo abondou máis
na falta de rigor científico dos cristiáns da Baixa Idade Media, e como debido
á ignorancia se producían comunmente mortes de escribas e copistas. Logo
admiramos as vistas á ría de Vigo dende o peirao que leva ao pequeno faro da
costa, desde o cal tiñamos unas vistas
abraiantes, e o acuario que foi unha grata sorpresa pois reunía ecosistemas
propios do litoral galego (costa, ría e illas) con exemplares de considerable
tamaño e vistosidade.
Por último
pasamos polo edificio principal, o cal ten diversas embarcacións (a maioría
concibidas para a pesca), unha réplica do Beagle, pezas de conserva e cadros de
pintores da zona. Puidemos botarlle unha ollada á información sobre actividades
ligadas ao mundo do mar: a pesca, o marisqueo, a acuicultura, os métodos de
salgadura e conxelación, os faros, os avances técnicos nas embarcacións. De
camiño entre os dous edificios do museo aínda puidemos ver os restos dun castro
marítimo alí escavado.
O ambiente
do museo era verdadeiramente agradable, unha unidade ecléctica pero ligada
sempre polo mar, con xardíns e fermosas vistas e un recinto e unha arquitectura
das naves acolledora e axeitada ao contido do museo (pese a estar algo
descoidadas). Unha mañá moi ben aproveitada. Recomendámosvos visitar o museo
pois é moi interesante e entretido.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?