Co motivo da chegada dende a Morgan Library de Nova York do Pergamiño Vindel, unha peza clave na lírica medieval galega que compila as cantigas musicadas de Martín Codax, o alumnado do IES de Rodeira fomos visitar o Museo do Mar de Galicia, en Vigo. O edificio, erixido sobre os restos dunha antiga fábrica de conservas, consta de múltiples naves, os edificios principais, un peirao e un xardín na entrada. Ademais desta exposición temporal, o museo ofrece actividades dabondo e amplas galerías relacionadas co mundo mariño, incluíndo un acuario.
Nada máis chegarmos, as guías saíron recibirnos. Primeiramente accedemos aos talleres e salas de exposicións temporais, pasando por una estancia que contén o submarino de Sanjurjo Badía e unha peza de escultura sobre o mundo do mar, introducíndonos á clara liña temática do museo.
Na sala de exposicións temporais, onde se gardaba o Pergamiño Vindel, viaxamos atrás no tempo a través de todas as disciplinas artísticas do medievo, a sociedade da época e os seus dubidosos métodos científicos, explicándonos como enfrontaban determinados problemas os cristiáns, por exemplo no caso das enfermidades, e os musulmáns, que daquela estaban máis adiantados, usándonos a nós como suxeitos de probas co que aínda botamos uns risos… Puidemos admirar pezas medievais da Galicia do século XIII, auténticas obras de arte: pergamiños, esculturas, crucifixos, pezas do vestiario, biblias… A visita concluíu no Pergamiño Vindel, o cal interpretamos coa axuda da nosa guía, admirando unha peza histórica de gran valor que se conserva sorprendentemente ben.
Tras ver o soto do museo, pasamos polos talleres, onde o outro guía do museo abondou máis na falta de rigor científico dos cristiáns da Baixa Idade Media, e como debido á ignorancia se producían comunmente mortes de escribas e copistas. Logo admiramos as vistas á ría de Vigo dende o peirao que leva ao pequeno faro da costa, desde o cal tiñamos unas vistas abraiantes, e o acuario que foi unha grata sorpresa pois reunía ecosistemas propios do litoral galego (costa, ría e illas) con exemplares de considerable tamaño e vistosidade.
Por último pasamos polo edificio principal, o cal ten diversas embarcacións (a maioría concibidas para a pesca), unha réplica do Beagle, pezas de conserva e cadros de pintores da zona. Puidemos botarlle unha ollada á información sobre actividades ligadas ao mundo do mar: a pesca, o marisqueo, a acuicultura, os métodos de salgadura e conxelación, os faros, os avances técnicos nas embarcacións. De camiño entre os dous edificios do museo aínda puidemos ver os restos dun castro marítimo alí escavado.
O ambiente do museo era verdadeiramente agradable, unha unidade ecléctica pero ligada sempre polo mar, con xardíns e fermosas vistas e un recinto e unha arquitectura das naves acolledora e axeitada ao contido do museo (pese a estar algo descoidadas). Unha mañá moi ben aproveitada.
Non deixedes pasar esta oportunidade de coñecer un patrimonio cultural tan valioso e aproveitade para visitar o museo pois é moi interesante e entretido.
Non deixedes pasar esta oportunidade de coñecer un patrimonio cultural tan valioso e aproveitade para visitar o museo pois é moi interesante e entretido.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?