17.1.18

ATRÉVETE COAS TRADICIÓNS: A DANZA DE ALDÁN

A danza de San Sebastián ten lugar cada 20 de xaneiro na parroquia de Aldán, en Cangas do Morrazo. O primeiro rexistro escrito que se coñece é aproximadamente do 1600 ou 1650, aínda que, nun códice, se afirma que xa se bailaba desde moito antes, sendo considerada esta, a danza máis antiga do Morrazo.


A duración do baile xira en torno aos 45 minutos sen contar a benia ao santo. Componse de tres partes fundamentais:
- A benia, que é a parte inicial do baile, onde os danzantes fan unha reverencia ao santo e deseguido, sen deixar de mirar cara a San Sebastián, dan a volta á igrexa danzando cara a atrás.
- A danza propiamente dita.
- A contradanza, tamén coñecida como “a muiñeira”.


  

A roupa dos galáns é moi sinxela. Levan un traxe negro combinado con zapatos negros e, como complementos, un gorro negro de feltro, unha banda vermella e amarela (a excepción do guía, que a leva morada e amarela) e unhas castañolas, que acompañan ao son da gaita e do tambor para facer a música.
A roupa das damas é algo máis complexa. Componse dunha saia de cor branca (no meu caso cancán e dúas enaguas) e prendidos a elas levamos un pano de seda a cada costado, un mandil de manila de cor negra, unha blusa branca adornada con multitude de colares e un mantón negro de flores por enriba da blusa enganchado con vistosos broches. Ademais disto hai que levar moitos complementos, vistosas pulseiras e pendentes xigantes, aínda que o que máis chama a atención son os enormes sombreiros de flores.


Eu desde moi pequena, tería preto dos 4 ou 5 anos, comecei a ir aos ensaios da danza de Aldán co meu pai, xa que el leva bailando desde bastante novo. Por iso sei o baile desde sempre e lembro que sempre estaba esperando que faltase algunha dama a algún dos ensaios, para poder substituíla eu. Hai unha listaxe, na que están apuntadas todas as rapazas que queren participar nesta tradición e, a medida que vai habendo ocos, chaman as rapazas segundo esa orde. Eu estou apuntada desde haberá uns seis anos ou incluso máis, e entón, o ano pasado, chamaron ao meu pai dicíndolle que chegara a miña quenda e eu aceptei.
O ano pasado foi o primeiro ano que participei como dama e vivino con moitísima ilusión porque. ademais de ser a máis pequena do grupo -con tan só 16 anos- ía ter o gusto de compartir esta marabillosa experiencia co meu pai. E foi, ademais, unha emoción compartida coa miña compañeira Alejandra sendo a primeira vez na historia da danza que dous pais bailaron coas súas respectivas fillas. A dicir verdade, estaba moi nerviosa. Hai que ter en conta que a roupa é bastante incómoda pois hai que ir moi recargada de complementos e a iso súmaselle o peso do sombreiro, que non é precisamente pouco.    Este ano será a miña segunda vez. Estades todos e todas invitadas!






No comments:

Post a Comment

e ti que dis?