Se ben é certo que a maioría de nós
seguramente xa coñecíamos a capital galega, non foi ata este ano, cursando
Historia da Arte, cando verdadeiramente comezamos a decatarnos en profundidade
de toda a importancia e beleza arquitectónica de Santiago de Compostela.
Identificámonos así un pouco máis con todos eses peregrinos que se senten
abraiados tanto ante a fachada da Catedral, coma no seu interior ou ante o
Pórtico da Gloria, a Fachada de Praterías e mesmo a Torre do Reloxo.
Visitarmos Santiago era a mellor opción para deixar de lado os apuntamentos e poder
ver e sentir en primeira persoa a arquitectura de Santiago. A media mañá xa
remataramos a visita ao interior da catedral, onde puidemos ver todo aquilo que
estudaramos, dende as bóvedas de canón e aresta ata a tribuna e a xirola. Sen
máis dilacións, pasamos a porta sur de Praterías onde se atopa unha gran mostra
da escultura románica, e alí foi onde situamos a todos aqueles personaxes
estudados, o rei David, un Pantocrator, a curación dun cego… Nas escaleiras que
soben a Praterías intentamos cumprir co costume de subir os chanzos sen mirar
ao chan e dirixindo a nosa mirada cara o punto máis alto da Torre do Reloxo. Observamos
os templetes, a cúpula coa lanterna, a decoración vexetal, e como non, o reloxo
de catro esferas que preside o alto da torre e do que recibiu o seu nome.
Tras isto, gozamos dun valioso tempo libre que
non só nos serviu para comer senón tamén para integrarnos no ambiente,
perdernos polas súas rúas e coñecer un pouco mellor os recunchos da cidade.
Xa de tarde, o broche final da nosa visita foi
a Fundación Granell, onde o noso guía amosounos a biografía de Eugenio Granell
chea de distintas peripecias, perseguido
durante os anos da Guerra Civil vai ter que exiliarse a Francia, República
Dominicana, Guatemala e Nova York; e tamén a obra deste pintor surrealista
galego, xunto a da súa muller Amparo Segarra. Pero non só iso, a colección da
fundación era moi ampla, albergando ata obras de Picasso ou Miró e unha sala
dedicada integramente a Philip West, onde puidemos entender mellor a arte
surrealista cunha clara influencia na arte actual.
O mesmo Granell, cuxas obras puidemos entender
mellor na visita, nunha das súas cartas afirmaba que o aburrimento en
situacións normais é unha especie de renuncia á vida. Descubrir a historia da
arte en Santiago foi a nosa maneira particular de renunciar a ese aburrimento e
estimular a vida nun novo camiño.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?