14.11.16

O GALEGO CHAVE PARA ENTENDER O PORTUGUÉS

O venres pasado fomos ao Porto para comprobar dun xeito práctico como nos entendemos cos portugueses falando en galego. Estivemos primeiro en Sandeman, unha cave de viño de Porto en Vilanova de Gaia. Aquí fixemos as primeiras fotos xunto aos rabelos que se empregaban para transportar o viño polo río e que hoxe pasean aos turistas, coas casas de cores da cidade do Porto de fondo, ao outra beira. Estivo moi ben que o guía nos falase en portugués. Fíxoo de vagar e aclarou todas as nosas dúbidas polo que non houbo problema ningún. Contounos como se fai este viño e ensinounos a cave. Un pequeno vídeo, tamén en portugués, completou a súa información. 
Logo tivemos tempo para percorrer o casco histórico do Porto e procurar onde comer. Tiñamos que preguntarlle á xente da rúa e comprobar se podiamos comunicarnos con fluidez falando nós galego e eles portugués. E non foi difícil, a verdade. Tamén é certo que pouco a pouco fomos afacendo o oído. Cun pouco de boa vontade, non hai ningún problema para entendérmonos.
A visita rematou no Museo Serralves, primeiro na Casa Rosa, na interesante exposición de Miró, explicada tamén pola guía en portugués e logo no propio museo onde había unhas intervencións artísticas superorixinais e creativas. Aprendemos moito e pasámolo estupendo. Volveremos!


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?