EU SON… Balbino. Un rapaz da
aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén
é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesar do que lle aconteceu por
causa miña.
Eu quixera andar mundo. Ir por
mares e terras que non coñezo. Nacín e crieime na aldea pero agora
síntoa pequena, estreita. Coma se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que
non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e
outros chamaríanme tolo. Por iso escribo. E despois durmo coma unha
pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi.
¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra
e cando voltou para a casa púxose a escribir todo o que lle
acontecera…
¡Se eu fixese un libro! Nin
falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non
é para menos. Porque nel baleiro todo o que sinto. Moi pouca xente o
fai…
Na miña casa non me comprendían.
E outro tanto acontéceme na do Landeiro. Iso é o peor que lle
pode suceder a un, pero a moita xente non se lle dá. Eu non sei se
esvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras
e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. ¿Que é todo isto? Ninguén me
di, poño por caso, para que serven as estrelas, nin onde morren os paxaros.
Sei de certo que moitísimos anos antes de nacer eu xa había sol e
penedos e fuxía a auga polo río. E estou seguro de que todo seguirá igual
despois de que eu morra. Virá máis xente, e máis, tripando uns nos
outros, esquecéndose adrede dos que morreron, coma se non houbesen
vivido.
Escribir no caderno —¡quen o
diría!— é coma baldeirar o corazón. Parece un milagre. Pois á fin
de contas non pasa de ser unha conversa comigo mesmo. Pero para min é
milagre todo. Dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo.
Memorias dun neno labrego. Neira Vilas.
-----------------
Desde que nacín só tiven a oportunidade de viaxar unha
vez, aínda que sempre me gustou coñecer outros lugares, aprender todo o que
temos no mundo e non estamos afeitos a ver. Aquela vez foi inesquecible. Máis
que unha gran viaxe foi unha excursión. Estivemos en Cantabria todos os nenos e
nenas de 6º de primaria co alumnado dun colexio de Moaña. Despois daquela gran
semana pregunteime varias veces a onde quería viaxar se tivese oportunidade.
Pensei en Venecia, será polas góndolas? Non sei que ten esa cidade italiana
pero enfeitízame. As súas pontes, a auga polas canles separando as illas… todo
fai dela un lugar especial. Imaxineime vivindo nunha desas casas tan pegadas á
auga coa miña familia, paseando pola Gran Canle de Venecia ou pola Ponte dos
Suspiros, visitando a Basílica de San Marcos ou o Palacio Ducal. Gustaríame
facer tantas cousas alí que pasaría a vida planeándoo. Sen dúbida, quero ir de
maior.
-----------------------------------------
No que máis tardo cada mañá é en verme no espello. Boto
toda a madrugada fronte del. Meu pai di que o vou romper de tanto mirarme pero
eu creo que son cousas de adolescente, mirar se pola noite saíron grans, se o
cabelo está encrespado... Estamos na época e non hai máis!
-----------------------------------------
O meu lado na clase senta un rapaz de mediana estatura,
cuns ollos moi claros, como raios solares que alumean o mar. Verdes
cristalinos. E os seus cabelos da cor dos lingotes de ouro...
------------------------------------------
No que máis tardo cada mañá é en verme no espello. Boto
toda a madrugada fronte del. Meu pai di que o vou romper de tanto mirarme pero
eu creo que son cousas de adolescente, mirar se pola noite saíron grans, se o
cabelo está encrespado... Estamos na época e non hai máis!
------------------------------------------
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?