Neste 30 de xaneiro, DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA, construímos un muro alto e escuro. Nel pegamos información sobre os muros reais que existen no mundo, muros que separan países, culturas, economías e persoas. Ás veces son, como este que construímos nós, muros altos e escuros, que rouban a visión do outro lado; outras veces murallas electrificadas, recubertas de cables de espiño, vixiadas por gardas ben adestrados. Algúns xa son historia como O MURO DE BERLÍN pero erguéronse outros: o muro de Cisxordania feito por Israel en territorio palestino; o muro co que EEUU pechou a fronteira con México; os valados que España ergueu en Ceuta e Melilla para impedir a chegada de inmigrantes; o muro que Marrocos construíu en territorio saharaui e tantos outros...
Estes muros mentais conviven con nós, na aula, na casa, na rúa... e derrubalos é tarefa de todos. Por iso, desde as aulas propuxemos actitudes positivas que escribimos en cartolinas de cores e unimos nunha gran cadea que colocamos ao redor do muro e tirando delas conseguimos botalo abaixo. Porque os muros son grandes e a nosa forza, pequena; pero, se nos unimos desde novas actitudes e comportamentos, seremos quen de ir derrubando os muros que nos dividen e comprometéndonos na construción dun mundo máis xusto e solidario.
Puxemos fin á nosa celebración unindo as nosas voces á de Celso Emilio Ferreiro, un dos poetas galegos máis comprometidos, cantando o seu poema Irmaus, musicado por Fuxan os ventos. Expuxemos e gravamos este poema co alumnado de fóra en alemán, en inglés, en francés, en árabe, en grego e en portugués do Brasil. Traballámolo nas aulas para entender como falar linguas distintas, vivir en países afastados ou ter culturas ou crenzas diferentes non nos separa. A diversidade non é un problema senón unha riqueza. Todos e todas somos persoas que sentimos, soñamos, sufrimos e loitamos. Por iso só poderemos derrubar muros desde a solidariedade e a loita polos dereitos para todos e todas.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?