26.11.12

TI ES PARTE NA SUPERACIÓN DE PREXUÍZOS E DISCRIMINACIÓNS E NA LOITA POLA IGUALDADE. ACTIVA O TEU COMPROMISO E ÚNETE Á CADEA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO




Hoxe 26 de novembro, profesorado e alumnado do IES de Rodeira formamos unha cadea chea de mensaxes contra a violencia de xénero, froito da reflexión previa feita nas aulas, á que tamén invitamos a pais e nais e persoal non docente, que percorreu o paseo marítimo de Cangas

O alumnado maior, o de 2º de Bacharelato, encabezou a cadea coa mensaxe NON A VIOLENCIA DE XÉNERO. A chuvia parou e o sol decidiu acompañarnos na tarefa de invitar á xente de Cangas a sumarse ás nosas propostas entregando un pequeno escrito á xente coa que nos cruzamos:


De 2.- 26 nov.violencia de xénero


Ao chegar ao final do percorrido, Nerea, de 2º Bacharelato D, leu o manifesto que pechamos o noso acto reivindicativo.


MANIFESTO



NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO!! Hoxe atopámonos aquí realizando esta cadea humana que pretende simbolizar dúas cuestións. Por unha banda busca ser o símbolo da unión e o apoio sen fisuras que entre todos e todas nós lle ofrecemos a todas as persoas que sexan vítimas da violencia de xénero. Pola outra busca concienciarnos de é unha tarefa de todos e todas perseguir como unha sombra implacable o machismo e a violencia que o acompaña ata a fin dos seus días.



Estamos fartos e fartas da violencia. Estamos fartos e fartas de que haxa persoas que consideren que outras son menos ca eles. Estamos fartos e fartas de quen pensa que alguén é a súa posesión, a súa “cousa”. Así que ante esta situación dicimos BASTA!



No período comprendido entre 2003 e 2011 houbo 605 mulleres asasinadas polas súas parellas. Tan só no 2011 foron 61 as mulleres que perderon a súa vida a mans do seu agresor e 343 as que se rexistraron como vítimas de violencia. E sabemos que os números reais son moi superiores a esta cifra.



Non queremos mirar para outro lado. Debemos actuar en todas e cada unha das ocasións que se nos presenten. E defender unha escola que non só nos forme en coñecementos senón tamén en valores, na igualdade e no respecto ás persoas, unha escola que rexeite todo tipo de violencia e eduque no diálogo como xeito de superación de conflitos.



CONTRA O MALTRATO ÁS MULLERES, TOLERANCIA CERO!

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO!









No comments:

Post a Comment

e ti que dis?