Se queremos que o galego sexa unha lingua de futuro non podemos renunciar a que sexa lingua da ciencia e da tecnoloxía. E ese camiño comeza no ensino. Porque é aprendendo en galego matemáticas ou física, tecnoloxía, informática ou electrónica; formulando, investigando, montando circuítos, aprendendo a programar ou experimentando no laboratorio... como entendemos que a nosa lingua non nos limita senón que nos enriquece e nos prepara para o diálogo con todas as culturas do mundo.
Para expresar este desexo celebramos no instituto o Día da Ciencia en galego. O día 5 de novembro, o alumnado de bacharelato puido coñecer de primeira man como científicos galegos, do CERN e mais da Universidade de Santiago, investigan sobre física de partículas a través dunha videoconferencia na que os escoitaron falando en galego desde diferentes lugares do mundo e mesmo estableceron contacto con eles vía chat.
O día 8 montouse unha cúpula xeodésica deseñada polo profesor Antón Pousada e elaborada polo alumnado da ESO na aula de tecnoloxía ao longo do pasado curso e rematada no actual.
A cúpula xeodésica está elaborada con 65 mangos de vasoira que forman unha estrutura de 30 triángulos para dar forma a unha cúpula xeodésica de 2,3 metros de altura e 4,6 metros de diámetro. A unión dos lados da cúpula (mangos de vasoira) faise mediante 16 conectores elaborados previamente por alumnas e alumnos de 2º e 3º do ESO. Estes conectores son de dous tipos; un conector está feito con 5 triángulos isósceles e o outro está formado por 4 triángulos isósceles e 2 equiláteros. En total suman 150 triángulos de contrachapado de madeira que construíron as alumnas e alumnos no taller de Tecnoloxía.
Este proxecto do departamento de Tecnoloxía do IES de Rodeira foi seleccionado para Galiciencia 2012, evento que terá lugar os días 20, 21, 22 e 23 deste mes de novembro dentro da Semana da Ciencia que se celebra en San Cibrao das Viñas, Ourense. Acudirá o profesor Antón Pousada, acompañado dunha alumna de 3º da ESO, Nerea Dios González, e dun alumno de 4º do IES RODEIRA, Juan David Molanes Pazó, que montarán a cúpula e explicarán o desenvolvemento dun proxecto ideado para traballar dun xeito práctico parte dos contidos da materia de Tecnoloxía en 2º e 3º do ESO (expresión gráfica, manipulación de ferramentas e materiais diversos, construción de estruturas...). Parabéns!!!
Nas aulas, o alumnado elaborou unhas flores azuis e brancas dentro dun corazón cun dispositivo que lles permitía saír voando. O acto celebrouse no pavillón botando a voar as flores que simbolizaban o galego ao redor da cúpula xeodésica mentres o coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua galega, Manuel Sánchez, reivindicaba a presenza do galego no ensino da ciencia e na tecnoloxía.
Nas aulas, o alumnado elaborou unhas flores azuis e brancas dentro dun corazón cun dispositivo que lles permitía saír voando. O acto celebrouse no pavillón botando a voar as flores que simbolizaban o galego ao redor da cúpula xeodésica mentres o coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua galega, Manuel Sánchez, reivindicaba a presenza do galego no ensino da ciencia e na tecnoloxía.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?