24.11.12

O IES DE RODEIRA EN GALICIENCIA 2012



Alá nos fomos, tal día coma martes, co baúl con rodas que nos fixo Juan e os rabos de basoira recollidos entre dous paragüeiros; parecíamos tres aprendices de caddy nun campionato de golf. A entrada na residencia de Allariz foi triunfal pois a caixa-contedor, onde gardaban os proxectos, máis traballada dos outros centros era de cartón pegada con papel de celo.

Ás oito da mañán do mércores estabamos todas as equipas montando os proxectos no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao de Viñas; o do IES RODEIRA montámolo fora da carpa por ter unhas dimensións excesivas e non teren previsto un lugar axeitado no interior, isto que en principio parecía un inconvinte enseguida Nerea e Juan David o volveron en vantaxe.

Os proxectos clasificábanos por niveis de estudo: primeiro ciclo do ESO, segundo ciclo do ESO e bacharalato; o noso entraba en segundo ciclo do ESO. Había un total de 45 traballos seleccionados que estaban relacionados coa: física, química, bioloxía, electricidade, informática, tecnología, literatura, comportamento animal, etc. A cúpula xeodésica desmontable que presentamos nós, por ser unha estrutura fixa podiamola calificar de obxecto tecnolóxico. Todos os traballos procedían de centros de ensino públicos ou privados de Galicia excepto dous procedentes de Cataluña.

Os tres días de exposición supuseron un total de dez horas de atención ao público visitante, a grande maioría eran alumnas e alumnos de diversos colexios, e tiñamos que explicarlles en que consistía o noso proxecto. A recepción do público era no estand dentro da carpa, pero a explicación nós tiñámola que dar fóra o que nos descubreu unha nova virtualidade do noso trebello: as visitas confundíano co mobiliario urbán e decorativo que adornaba o entorno da sede de TECNÓPOLE e non daban creto que aquilo o construísen nun taller de tecnoloxía, ata que Nerea ou Juan David coas súas explicacións os convencían da verdadeira realidade do traballo.

O proxecto que resultou gañador absoluto foi un coche eléctrico presentado polo IES Rosalía de Castro de Santiago. Había proxectos que estudaban a biodiversidade en Bouzas e Toralla, a recuperación do monte despois dun incendio, a posible contaminación dos alimentos, a base cientifica dos perxoaxes de ficción do Romanticismo, etc.

Arredor de duas mil persoas pasaron pola carpa. Fóra da recepción e exposición ao público houbo diversas actividades de divulgación científica, presentación do libro “Dos quarks á próxima extinción”, unha visita guiada ao casco histórico de Ourense e unha sesión de reláx nas termas de Outariz.

O venres, xa de volta en Cangas descargamos os trebellos ao pé do Areeiro e Mucha preguntóunos se viñamos do golf de Domaio, dixémoslle que non que viñamos do de Ourense.


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?