17.2.17

14.2.17

E FOTOS DEDICADAS






CARTAS DE AMOR

 E chegou san Valentín cun grande éxito de participación nas cartas de amor e de amizade que se entregaron hoxe polas aulas










6.2.17

ORIXE E FUNDACIÓN DE CANGAS

Con esta interesante conferencia inaugurarase a actividade “De 8 a 10”, un ciclo de conferencias e encontros literarios o segundo xoves de cada mes para dar a coñecer temas relacionados coa historia, lingua e cultura galegas nun lugar pouco convencional xa que se organizan na Fonte do galo, un local  de Cangas no que hai actuacións e actividades musicais.


Vémonos alí este xoves!

 

2.2.17

VEN NAMORAR EN GALEGO

Hoxe, 2 de febreiro, Día da Candeloria, casan os paxariños. Por iso é o momento de falar de amor e de amizade na lingua de noso. Se ti queres, o galego pode ser a chave que abra o teu corazón para expresar todos eses sentimentos que levas dentro. Murais, cartas e fotos dedicadas nunha campaña que vai das Candelas ao San Valentín. Ponte mans á obra!





SANTIAGO CHAVE DA ARTE

Se ben é certo que a maioría de nós seguramente xa coñecíamos a capital galega, non foi ata este ano, cursando Historia da Arte, cando verdadeiramente comezamos a decatarnos en profundidade de toda a importancia e beleza arquitectónica de Santiago de Compostela. Identificámonos así un pouco máis con todos eses peregrinos que se senten abraiados tanto ante a fachada da Catedral, coma no seu interior ou ante o Pórtico da Gloria, a Fachada de Praterías e mesmo a Torre do Reloxo.

Visitarmos Santiago era a mellor opción  para deixar de lado os apuntamentos e poder ver e sentir en primeira persoa a arquitectura de Santiago. A media mañá xa remataramos a visita ao interior da catedral, onde puidemos ver todo aquilo que estudaramos, dende as bóvedas de canón e aresta ata a tribuna e a xirola. Sen máis dilacións, pasamos a porta sur de Praterías onde se atopa unha gran mostra da escultura románica, e alí foi onde situamos a todos aqueles personaxes estudados, o rei David, un Pantocrator, a curación dun cego… Nas escaleiras que soben a Praterías intentamos cumprir co costume de subir os chanzos sen mirar ao chan e dirixindo a nosa mirada cara o punto máis alto da Torre do Reloxo. Observamos os templetes, a cúpula coa lanterna, a decoración vexetal, e como non, o reloxo de catro esferas que preside o alto da torre e do que recibiu o seu nome.

Tras isto, gozamos dun valioso tempo libre que non só nos serviu para comer senón tamén para integrarnos no ambiente, perdernos polas súas rúas e coñecer un pouco mellor os recunchos  da cidade.

Xa de tarde, o broche final da nosa visita foi a Fundación Granell, onde o noso guía amosounos a biografía de Eugenio Granell chea de distintas peripecias,  perseguido durante os anos da Guerra Civil vai ter que exiliarse a Francia, República Dominicana, Guatemala e Nova York; e tamén a obra deste pintor surrealista galego, xunto a da súa muller Amparo Segarra. Pero non só iso, a colección da fundación era moi ampla, albergando ata obras de Picasso ou Miró e unha sala dedicada integramente a Philip West, onde puidemos entender mellor a arte surrealista cunha clara influencia na arte actual.
O mesmo Granell, cuxas obras puidemos entender mellor na visita, nunha das súas cartas afirmaba que o aburrimento en situacións normais é unha especie de renuncia á vida. Descubrir a historia da arte en Santiago foi a nosa maneira particular de renunciar a ese aburrimento e estimular a vida nun novo camiño.


30.1.17

O TEU COMPROMISO É A CHAVE

Sumando compromisos a favor da paz: así quixemos celebrar que hoxe, 30 de xaneiro, é o Día escolar pola Paz e a non violencia. E para iso nas horas de titoría dividímonos en pequenos grupos e fixemos propostas concretas para mellorar o clima de aula e aprender a resolver os conflitos de forma pacífica. Debatemos as achegas dos grupos e chegamos a un manifesto conxunto de aula que baixamos a ler publicamente á planta baixa, xunto ao quebracabezas de denuncia da guerra e da violencia. Así conseguimos as chaves que nos permitiron coller dúas pezas do puzzle dándolles a volta para deixar nelas as nosas pegadas de cores. A marca de cada un non parecía gran cousa pero sumando as pegadas de todos e todas fomos transformando a guerra e a violencia nun fermoso símbolo de paz, porque é sumando compromisos como atoparemos a chave da paz e a non violencia.

PAZ VIMEO from lingualiza1 on Vimeo.

25.1.17

NA BIBLIOTECA DA CASA DA CULTURA



Hoxe o alumnado de 2ºESO fixemos unha saída á Biblioteca Municipal de Cangas, tamén coñecida como a Casa da Cultura con Carmen, a nosa profesora de francés. Cando chegamos recibiunos Pilar Refojos, a bibliotecaria, que nos fixo unha visita guiada por moitas partes da biblioteca. Ao rematar o percorrido, convidounos ao auditorio do edificio para facer preguntas e resolver dúbidas.
Preguntámoslle cal era a súa rutina, dende que chega ata que remata o día na biblioteca. Explicounos que chega sobre as oito e media e ponse a colocar a prensa do día no seu sitio, recoloca os libros devoltos, fai carnés, etc. Indicounos quen é o persoal que traballa na biblioteca. Xunto con ela, hai dous conserxes: un que vai pola mañá e outro que vai pola tarde. Son o persoal de apoio.  Unha compañeira preguntoulle quen foi a primeira persoa que traballou na biblioteca. Curiosamente explicounos que foi ela mesma que comezou o 16 de maio de 1986. Explicounos que o seu obxectivo como bibliotecaria é que todo o mundo saiba buscar libros na biblioteca, pero se alguén quere un libro ela pode axudarlle a buscalo.
Un compañeiro preguntoulle quen decide que libros se mercan. Contestounos que o deciden os lectores deixando as súas peticións na caixa de suxestións, e se un libro é moi aclamado, mércano. Unha das preguntas máis interesantes foi se lles dan diñeiro para mercar fondos. Contounos que si, pero pola crise son escasos e soamente lles chegan para mercar a prensa, que é algo imprescindible. Tamén lle preguntamos sobre o préstamo de documentos: contounos que non todos os libros son prestados. Os de referencia e os antigos (para podelos conservar en bo estado como ata agora), non se poden levar.
Falamos dos ordenadores da biblioteca; cada persoa pode utilizalos 10 minutos, a non ser que necesite máis tempo. Hai tamén unha sala para levar aparellos electrónicos persoais e nesta sala pódese estar o tempo que se queira, ela é o que recomenda.
Comentámoslle que nós no noso centro temos un club de lectura, e preguntámoslle se eles teñen algunha actividade; díxonos que teñen un club de lectura gratuíto, no que len un libro en castelán e outro en galego, e cada mes reúnense para falar sobre o libro. Actualmente é os xoves pola mañá. Outra das preguntas resoltas foi cales son as normas da biblioteca; máis ou menos as mesmas que en todas as bibliotecas: falar baixo, devolver os libros no prazo establecido, devolver os libros en boas condicións, non comer nin beber, non fumar, non ter volume nos móbiles, etc. Interesámonos por que pasaría se un usuario perde un libro. Explicounos que quen o perdeu tería que mercar un libro igual, ou se non hai o mesmo un parecido, e doalo á biblioteca. Un libro perdido está perdido para todo o mundo. Tamén nos dixo como facernos un carné da biblioteca co que levar libros: simplemente hai que levar dúas fotos, o DNI e un número de teléfono.
Encantounos a biblioteca, e recomendamos visitala a toda a xente que poida porque de verdade que merece a pena e é un luxo tela. E por suposto, agradecémoslle a Pilar o seu tempo e a visita. Esperamos que se repita.






13.1.17

AS PALABRAS, CHAVE DA REFLEXIÓN SOBRE A GUERRA

Estreamos 2017 cun grande quebracabezas feito con caixas de cartón na planta baixa do instituto. Queremos invitar a toda a comunidade educativa a reflexionar sobre a violencia e a guerra. Axúdanos a facelo empregando a chave das palabras. Vén nos recreos e poñamos palabras ás causas das guerras, ás consecuencias do poder e da ambición, nomeemos os atentados contra os dereitos humanos no mundo e tamén as outras violencias soterradas que temos, ás veces, tan preto de nós. Para cambiar a realidade precisamos aprender a abrir os ollos e a denunciar as inxustizas.








9.1.17

O GALEGO CHAVE DA CULTURA

Como cada ano, os Equipos de Dinamización do Morrazo xuntámonos para elaborar uns trípticos coas novidades editorias do 2017 que repartimos nos centros e nos espazos públicos das diferentes vilas.  O noso agradecemento a Leandro Lamas que nos cedeu esta fermosa imaxe para ilustralos.
 








21.12.16

A MÚSICA GALEGA, CHAVE DA FESTA DE NADAL

O último día de clase, o alumnado dos equipos, marcado cun corazón que poñía Quérote, en vez de clase tivemos festa. E vaia festa! Comezamos vendo as fotos de todas as actividades que levamos feitas este curso ao son de Terra de Dakídarría e xa comezamos a cantar a pleno pulmón que esa xa a sabemos doutros anos. 


Logo cada equipo presentou o seu videoclip e @s máis valentes saíron logo a cantar en directo e o público acompañou polo menos no retrouso.





1º e 2º da ESO cantaron Miña terra galega de Os Resentidos pero a versión en galego:



  3º da ESO presentou o videoclip "O tren da lingua" cantando O tren de Andrés Dobarro.




4º da ESO fixo un Mannequin Challenge




O alumnado maior, Bacharelato e ciclos saíu a cantar en directo O fillo de José de Heredeiros da Crus 



E presentáronnos un simpático videoclip de A turbobisicleta de Dakidarría.




E o profesorado non nos defraudou tampouco este ano con Matriarcas, unha fermosa canción de Guadi Galego.
 




E rematamos cunha boa enchenta de comida compartida. Comida e festa, xa estamos no Nadal!!!

16.12.16

O GALEGO CHAVE DA EMPRESA



No Nadal, expuxemos as novidades dos produtos culturais: poesía, novela, teatro, música, banda deseñada… procurando os mellores agasallos en galego. Pero quixemos levar tamén a presenza do galego a novos ámbitos.  
Os estudos de hábitos sociais e de mercado insisten en que o galego como lingua propia actúa como un elemento positivo das transaccións comerciais na relación cos consumidores. O GALEGO VENDE e constitúe un factor de identificación cada vez máis valorado. Estender o uso do galego na imaxe, no rotulado e na documentación interna das empresas, asociar o uso desta lingua a produtos locais e de proximidade, fomentar a etiquetaxe galega ou promover a utilización do dominio.gal nas webs das empresas é o camiño dun futuro noso.
O alumnado de ciclos quixemos transmiitir estes valores do galego á comunidade educativa e fixémolo cun orixinal adorno de Nadal, colgando de pólas de acivro produtos etiquetados en galego e publicidade na nosa lingua. Chamou moito a atención porque eran móbiles e a xente ao pasar dáballes movemento.