25.11.11

VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro sumámonos á celebración internacional contra a violencia de xénero, reuníndonos na entrada do instituto, onde pintamos un NON nas nosas frontes contra calquera tipo de comportamento violento contra as mulleres, un grave problema social no que todos e todas debemos implicarnos. Vimos varios vídeos que incidían na necesidade de prevención, de detectalos canto antes e rexeitalos con rotundidade.

12.11.11

MAGOSTO

O mal tempo case non nos deixa celebrar o magosto este ano. Pero ao mal tempo, boa cara... que as castañas estaban boísimas. E, como non puidemos facelo no patio, bailamos no pavillón. Tecemos redes coa nosa propia tradición e coas tradicións do mundo. Pasámolo fenomenal.

4.11.11

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Hoxe, día 4 de novembro, celebramos o Día da ciencia en galego. Por iso fixestes esas bolboretas de cor branca e azul e as gardastes dentro dun libro de matemáticas, de física ou de tecnoloxía. Porque se queremos un futuro en galego non podemos renunciar a que o galego sexa lingua da ciencia e da tecnoloxía. E ese camiño comeza no ensino. Porque é aprendendo en galego matemáticas ou física, tecnoloxía ou bioloxía, informática ou electrónica; formulando, investigando, montando circuítos, aprendendo a programar ou experimentando no laboratorio... como entendemos que a nosa lingua non nos limita senón que nos enriquece e nos prepara para o diálogo con todas as culturas do mundo.
Por iso, porque non queremos que se lle poñan límites ao galego, porque queremos que o galego poida ser lingua non só da cultura literaria senón tamén da científica e da tecnolóxica, abrimos os nosos libros e deixamos voar a nosa bolboreta azul e branca. A algunhas custoulles traballo voar e tivemos que volver intentalo. E cada vez que unha conseguía alzar o voo, aplausos e berros para celebralo. E para rematar este acto festivo houbo tamén un forte aplauso para todo o profesorado do ámbito científico e tecnolóxico, polo seu compromiso decidido para transmitir ao noso alumnado o uso normalizado do galego no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.

3.11.11

TERROR NO INSTITUTO

Así de terrorífico quedou o instituto coas achegas de todo o alumnado, da mañá e da tarde, seleccionando relatos, banda deseñada e frases feitas que axudaron a dar a coñecer a nosa cultura e achegando traballos manuais moi variados, reportaxes fortográficas e deliciosas receitas cheas de imaxinación e creatividade. Grazas a todos e a todas pola vosa participación.



Aquí tedes as frases feitas do concurso. Probade a relacionar cada frase co seu significado. A ver cantas sodes quen de acertar!



Tan atractiva estaba a nosa exposición do Samaín que os rapaces e rapazas de 6º do cole da Rúa quixeron vir vela. O alumnado do equipo de dinamización do galego de 2º da ESO recibiunos e foilles mostrando os traballos expostos. Falaron sempre en galego e fixérono moi ben. Logo leron algunhas historias de terror e ata se disfrazaron de Santa Compaña. Os nenos e nenas da Rúa pasárono moi ben, sobre todo cando se meteron dentro do peto das ánimas. Tamén lles gustou modelar personaxes de terror. Encantounos a súa visita. Volvede cando queirades!



10.10.11

XA SOMOS MOITOS... E TI?

Xa sodes case 150 os alumnos e alumnas anotados ao proxecto. Aquí tedes as fotos da nosa primeira xuntanza. O lema MÁIS GALEGO encheuse cos vosos nomes nese colaxe colectivo porque é a vosa participación a que enche de sentido o noso traballo. Tamén colgamos os carteis nos que expresastes as razóns que vos levaron a querer formar parte do proxecto. Vides polos amigos, polas festas ou polas excursións pero co firme compromiso de falar en galego en todas as nosas xuntanzas e actividades.

Aínda que a xente nova non fala galego no instituto, nós sabemos que levades dentro a lingua dos vosos avós, da vosa familia, a lingua que foi de Cangas durante séculos. Apuntástesvos porque queredes falala e que sexa de verdade vosa. Para axudarvos a facelo dun xeito ameno e divertido existe este equipo. Por iso bailamos ao son da música galega, apagamos as luces e axitamos con forza uns pauciños de plástico que se iluminaron con luces de cores. Así simbolizamos o compromiso de facer saír o galego que levamos dentro. Unimos os paus de cores para sentir a forza do grupo que nos servirá de apoio pero tamén de esixencia para cumprir o noso compromiso.

A partir de agora verémonos un día á semana en pequenos grupos. Volverémonos reunir todos e todas nunha gran festa ao final do trimestre.

7.10.11

MÁIS GALEGO

Benvidos un curso máis a un novo proxecto de dinamización da lingua galega. Queremos MÁIS GALEGO e invitamos a sumarse a este proxecto a toda a comunidade educativa, TECENDO REDES que conecten os esforzos individuais, colectivos, institucionais; no noso centro e tamén no contexto que nos rodea: en Cangas, no Morrazo, en Galicia, en España e no mundo; no ensino, no lecer, na cultura, na ciencia e na tecnoloxía, na empresa e no comercio, nos medios de comunicación; nos libros, na música, no audiovisual, na rede; entre o profesorado; entre o alumnado noso e doutros institutos; coas familias e a xente maior e cos nenos e nenas dos coles de primaria... O noso proxecto quere TECER REDES que se estendan en todas direccións dando visibilidade ao galego que existe, creando novos contextos de uso e animando á implicación persoal e colectiva porque, sexa cal sexa o noso punto de partida, todos e todas podemos buscar o xeito de poñer MÁIS GALEGO na nosa vida cotiá e, ao facelo, axudamos a tecer a rede que mantén viva a tradición e fai do galego unha lingua moderna e de futuro.

17.6.11

FINAL DUNHA ETAPA

Despois de seis anos toca a despedida, toca volver a vista atrás e tentar buscar onde quedaron aqueles rapaces aos cales amontoaron na sala de usos múltiples no seu primeiro día de instituto, día cargado de nervios e medo.
Agora é o momento de ver en que se converteron aqueles novos alumnos despois de espallalos por aulas completamente novas para eles, creando así vínculos importantes que con sorte aínda arrastramos ata estes derradeiros días de instituto.
Descubrimos que un profesor podía ser algo mais ca un mestre, descubrimos que en matemáticas se pode berrar baixiño, que as ciencias sociais non teñen porque ser aburridas, que as cantigas poden ser un inimigo duro de dixerir, que a educación física era a nosa salvación en medio das semanas e dos exames que, desde a ignorancia de non saber o que nos esperaba, etiquetabamos de duros e estresantes, e naqueles primeiros anos aínda que pareza imposible ata pode que o pasaramos ben nas clases de inglés.
Vimos como o grupo de normalización comezaba a medrar e fomos das últimas xeracións que viviron esas clases de luns pola tarde, esas dúas horas semanais tan odiadas ás que agora penso que volveriamos para non ter que facer mil esforzos para conseguir que os ollos non se pechen nesas ultimísimas horas dos luns e mércores.
Aprendemos a madurar entre as paredes deste instituto, aprendemos a encontrar e deixar cousas atrás, aprendemos a medrar xuntos e así con présas, apuros e ilusión demos o salto ao bacharelato, e sen darnos conta dixemos adeus a ESO e comezamos unha nova etapa.
Recibimos os novos compañeiros coa mesmas ganas coas que recibimos a liberdade que significaba comezar este novo curso. Pasamos horas perdidas nesas mesas de pedra, pasamos días de estrés na biblioteca por culpa dese estraño costume de deixar todo para última hora e aborrecemos as comidas de bocadillos ao sol antes dos exames da tarde, os cales foron odiados colectivamente. Dito odio foi o que nos levou a xurar que o ano seguinte estudariamos día e noite para non levarnos nunca máis eses atracóns finais de materia, pero claramente creo que esta foi unhas das moitas promesas, pode que incluso a primeira, que arderon nas fogueira de San Xoán posto que co inicio de segundo a historia foi a mesma ou pode que aínda peor.
Ese curso tan temido pasou tan rápido que apenas nos demos de conta. Sabemos que vivimos un ano intenso por esas olleiras, callos, e demais marcas que deixaron estes últimos exames no noso corpo.
Foi un curso curto, duro e estraño cargado de apuntes e temas que estudar, pero aínda así tentamos desfrutar o máximo. Pode que nalgúns casos esas ansias de pasalo ben se viran reflectidas nas notas pero agora iso dá igual.. Ninguén nos pode quitar ese entroido de circo, esas excursións tan instrutivas nin todos eses momentos importantes que gardaremos na memoria ata que os estragos da idade os borren pouco a pouco e que recordalos aquí poderíanos meternos a algúns nun pequeno problema.
A saudade nestes momentos é algo que non se pode deixar á marxe, posto que aínda que non o quixeramos recoñecer, aos que nos toca deixar este ano o centro cústanos facernos a idea de abandonar as aulas e corredores deste edificio que nalgún momento consideramos o noso cárcere pero que deixamos cheos de amigos e persoas que nos viron medrar.
Sería inxusto tentar recordar un a un a todos eses profesores que viviron con nós múltiples experiencias posto que sempre quedaría algún atrás, por iso simplemente podemos dar as grazas a todos aqueles que puxeron o seu gran de area para facer de nós as persoas que agora somos.
Por Yago Chapela. 2º Bacharelato.

LETRAS GALEGAS. ANO DE LOIS PEREIRO



A véspera do día das Letras Galegas reunímonos para celebrar que temos unha cultura única que ofrecer ao mundo e lembrarmos que mantela viva cada día do ano depende de cada un de nós.

Este ano dedícaselle a un poeta que se chama LOIS PEREIRO. O alumnado da ESO axudou a prender as súas palabras do enreixado que rodea o instituto para facer chegar á xente a súa invitación ao compromiso e a súa fermosa poesía de amor.



A indiferencia mata” proclama o poeta. “Nada humano debe sernos alleo”. “Estamos moralmente obrigados a loitar polo que é xusto e evidente. A non ser cómplices do que nos indigne ou avergoñe.”

Esta necesidade de compromiso é a razón de ser do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. As inxustizas do pasado conseguiron que moitos de nós perdésemos a lingua dos nosos avós, a que sempre falara a nosa xente. E, desde o Equipo, chamaron por nós para recuperala. Cada ano somos máis os que escollemos libremente que o galego volva pouco a pouco a formar parte da nosa vida. Porque cremos que os galegos debemos falar en galego e sentirnos orgullosos de facelo. Por iso imos vencendo hábitos e prexuízos e animándonos a utilizar a lingua que nos define como pobo.

Quixemos celebrar as Letras Galegas agasallando compromisos que axudan a que o galego sexa unha lingua viva porque non hai mellor garantía de futuro para o galego que a suma de persoas que o falen libremente. Así o dixo LOIS PEREIRO: “Agora que teño liberdade de opción decido militar na miña lingua”, como xa dixera Celso Emilio, “por que me peta e quero e dáme a gana”. E esa foi a decisión que tomou IRIA OTERO TENORIO, de 2º de Bacharelato C .

Ela representa hoxe a xente nova deste instituto, de Cangas, de Galiza, que rompe cos usos aprendidos e decide libremente cambialos, escollendo falar sempre en galego, esa lingua que nos fai únicos no mundo.

Lois Pereiro asegúranos que sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos. Quixemos recoñecer o traballo de todos aqueles que empregan o seu tempo libre, desde colectivos e asociacións, en facer posible que a cultura chegue á xente. En representación de todos eles, agasallamos a un alumno de 4º da ESA, en ensino de adultos,
DIEGO PASTORIZA PAREDES, da asociación AFARTACÁNS.

Neste instituto temos a sorte de contar con moito profesorado comprometido na importantísima tarefa de transmitirnos o galego vivo. Non chegaría o orzamento do Equipo para agasallalos a todos. Este ano de LOIS PEREIRO quixemos destacar dun xeito especial a forza da INDIGNACIÓN fronte ao que consideramos inxusto. Por iso aplaudimos o compromiso co galego do DEPARTAMENTO DE MATEMÁTICAS e, moi en especial, a forza da indignación do profesor LUÍS VIDAL.

LOIS PEREIRO proclamou a importancia da creatividade, da cultura e da arte para salvarnos do baleiro da existencia. El era, ademais de poeta, un gran amante da música. Quixemos destacar o esforzo incansable do DEPARTAMENTO DE MÚSICA por transmitir esa paixón ao alumnado e mesmo ao profesorado (tamén coa música en galego) e polas posibilidades que nos deron e aínda nos van dar de gozar do talento musical que hai neste instituto. Como Águeda xa ten a nosa camiseta, esta vez tocoulle a OFELIA e o seu colaborador, DARÍO, que tamén pasará á historia deste instituto polos seus EXPERIMENTOS SORPRENDENTES da Semana da Ciencia.

E o ano de LOIS PEREIRO, o poeta que nunca perdeu esa necesidade de sentirse molesto e radical, tiña que ser por forza o ano que escolleramos para agradecer a colaboración incansable de PASTORA en todas as actividades do Equipo.

Como cada ano quixemos, tamén, agradecer o esforzo por coñecer o galego e aprender a falalo de todos cantos chegan ao instituto de fóra de Galicia. Por iso agasallamos a CAROLINA, felices de que decidise que a nosa lingua podía ser tamén súa.

E en representación do alumnado procedente doutros lugares, a PAULA MARTÍNEZ MARTÍNEZ, de 2º ESO C.

O escollido no centro foi este ano o colectivo das limpadoras. Nada mellor se pode facer pola nosa lingua que falala cada día e mantela viva. Grazas por facelo.

Parécenos especialmente preocupante a ausencia do galego nos lugares de lecer para a xente nova de Cangas. Por iso entregamos a nosa placa, á proposta do alumnado, ao Obélix, unha bocatería da avenida de Marín, na que o noso alumnado atopa un espazo no que falar galego no seu tempo de lecer resulta cómodo e natural.


Pechamos o acto cunha lectura de poemas de Lois Pereiro e cantando o himno galego.



E rematamos a festa con Xogos Populares organizados polo Departamento de Educación Física.

INTERCULTURALIDADE E GALEGOFONÍA

Por 7º ano consecutivo o Concello organiza a nivel municipal as VII Xornadas da Interculturalidade baixo o lema de “Crecendo na diversidade” cos obxectivos de favorecer a integración do colectivo inmigrante, facilitar o encontro entre mulleres e homes de distintas culturas e etnias, crear un espazo propio de convivencia, difundir o principio de igualdade entre homes e mulleres e dar a coñecer as diferentes experiencias de cooperación e sensibilización desenvolvidas polas diferentes ONGs.
O noso Instituto participou acollendo as actividades que nos ofertou ( obradoiros e exposición ”) Pero tamén dándolle o noso toque persoal…
Como celebración da Diversidade en xeral quixemos aportar unha imaxe colorista que dera conta da riqueza que aportan as diferenzas sempre que sexan no marco da igualdade e ao amparo dos dereitos humanos . Como xa fixeramos co tecido , apostamos por unha construción colectiva que facilitase á conversa e na que puidese participar todo o mundo. Unha vez máis constatamos que hai moita tecedoras , moitas redeiras. Aquí está a proba:



GALEGOFONÍA
Descubrimos ademais as vantaxes que temos os galegos e galegas para relacionarnos facilmente en galego cun mundo de culturas en todos os continentes. A exposición “galegofonía” achegounos ás raíces históricas da relación entre o galego e o portugués para que sexamos conscientes das grandes posibilidades de relacionarnos con outras culturas ás que nos achega a nosa lingua propia. Ademais de coñecer as situación destas culturas no mundo, puidemos ler e escoitar portugués e brasileiro.

CORRELINGUA

1200 rapaces e rapazas do Morrazo celebraron en Bueu (grazas á xenerosidade do seu concello) que temos unha lingua propia que nos dá identidade e da que nos sentimos orgullos@s.

Os rapaces e rapazas do Equipo de Dinamización de 1º e 2º da ESO do noso instituto, axudados por algún alumnado do María Soliño, traballamos como monitores nos xogos organizados para os más cativos de Ed.infantil. Tamén repartimos leite galego a todos os participantes, doado por Leite Ulla. Encantounos sentirnos útiles defendendo o galego e pasámolo moi ben. Recibimos parabéns de todos os coles que participaron polo noso traballo.

GALEG@S DE ADOPCIÓN


A ela chamámoslle Carmiña, e é canaria e profe de Mate no instituto; chegou ao galego por amor porque era a lingua do que hoxe é o seu home.
El chámase Rafa e é cubano. As circunstancias da vida trouxérono a Galicia e a súa curiosidade e interese lévarono a aprender a falar en galego.
Contaron a súa experiencia e conversaron co alumnado de 2º de Bacharelato.

A min pareceume perfecto. Escoitando a xente como Carmiña e Rafa danme máis ganas de falar galego. A verdade é que é incrible como xente de fóra pode admirar, ter interese e empregar o galego e que xente galega rexeite todo o que estea vinculado con Galicia e o galego.
Iria Otero. 2º Bacharelato.

Gustoume moito a conversa con eles. A Carmiña xa a coñecía porque me dera clase de matemáticas en terceiro da ESO e admirábaa moito por ser quen de falar galego sendo canaria. E o mesmo me pasou con Rafa pero aínda me impactou máis que sendo de Cuba e aínda que ao seu redor non se fale galego se esforce en falalo e que o valore máis ca nós. Eu síntome realmente orgullosa de nacer aquí e de ter unha lingua propia mais non son falante habitual. Creo que foi moi construtiva a charla e nos fixo reflexionar un pouquiño máis sobre a situación da nosa lingua. Estivo moi ben :)
Nerea Antepazo. 2º Bacharelato

XVI MOSTRA DE ENSINO SECUNDARIO DO MORRAZO

Este curso o noso instituto foi o encargado de organizar a XV Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo que se vén celebrando desde o ano 1997 , coa intención de dar a coñecer o grande labor que se está a desenvolver nos centros de ensino da comarca no eido do teatro.
Esta actividade que educa os rapaces e rapazas nos valores da paz, solidariedade, sentimento de pertenza ao grupo, disciplina persoal e compromiso, consegue promover de xeito natural o goce desta arte.
Como actividades paralelas á Mostra organízanse todos os anos un Concurso de Deseño do Cartel da Mostra, que serve para seleccionar o cartel que vai publicitar a Mostra e un Premio de Teatro Breve que trata de impulsar a creación de obras de teatro entre os rapaces. No acto de clausura entregáronse os premios correspondentes a estes concursos.

Alumnos premiados:
Concurso de Deseño do Cartel da Mostra
Salvador Brión Bello e David Carracelas Santos, do IES Johan Carballeira, na categoría de 4º de ESO, Bacharelato e ciclos.
Alba Barreiro Baliño e Andrea Moreira Costas, do IES de Rodeira, na categoría de 1º, 2º e 3º de ESO.
Concurso de Teatro Breve
Na categoría de 1º, 2º e 3º de ESO Noelia Rosales Crespo, Ana Isabel Sabarís Rosales e María Navarro Martínez, todas elas do IES Illa de Tambo.
Na categoría de 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de FP, Juan Molina Fernández do IES Mª Soliño e Irene Aldao Piñeiro do IES Illa de Tambo.

Os noso alumnado de Teatro da Réplika representou “Nacer, nacendo, nazismo”



O noso grupo de teatro Faise o escuro representou “Cloacas do paraíso”