31.5.11

APRENDER E COMPARTIR

Este curso iniciamos unha andaina que agardamos sexa só o primeiro tramo dun camiño con moito futuro. Alumnado de Rodeira e alumnado da Rúa compartiron máis que lecturas, máis que coñecementos…

Unidos pola India
O primeiro paso dérono: Noelia, Arancha, Viky, Serxio, María, Gabriela, Sara, Marta, Paula, Luigi e Carla. (2º da ESO) Tiveron que viaxar na memoria ao curso anterior e contarlle ao alumnado de 6º as súas experiencias arredor do libro “Usha” de María Reimóndez. Despois léronlles dous capítulos.



Unidos polo desexo
Despois de ver o compromiso, o entusiasmo e a ilusión cos que o alumnado dos dous niveis acolleron a proposta , apostamos polo segundo paso. Esta vez animáronse: Raúl, María, Adrián, Xiana, Yilian e Alicia. (4º da ESO) A viaxe na memoria foi un pouco máis longa e lembraron unha actividade que organizara a biblioteca en torno ao día da paz , cando eles estaban en 2º da ESO. Contáronlles a historia real de Sadako e os mil grous de papel, e xunt@s puxéronse mans á obra co traballo de papiroflexia.



Unha viaxe moi especial.
O alumnado de 6º, despois destas experiencias, está moi desexoso de estar no Insti, pero aínda terán que agardar un pouquiño. Quen si estivo no insti foi o grupo das “froitas” de infantil 5. Esta vez exerceron de profes para o alumnado de 1º da ESO. Explicaron todo o que aprenderan sobre as sereas e en particular sobre a escultura que temos en Cangas coñecida como o Galeón. Falaron da visita que lles fixo Manuel Coia ( o escultor) e así o alumnado de 1º completou o traballo que está a realizar sobre as esculturas de Cangas. Modelaron sereas de plasti e , por suposto, compartiron chuches.

17.5.11

ENTROIDO 2011

Os disfraces encheron de cor os corredores e o patio do instituto e a retranca e as críticas aos profes puxeron letra á festa rachada. A eles pouco lles importou pois tamén se transformaran nunha comuna de hyppies moi zen. “O circo” de 2º Bacharelato A gañou o primeiro premio. Houbo agasallos tamén para a comparsa de espartanos de 1º Bacharelato C e para os vampiros de 1º Bacharelato D. O xurado escolleu como mellor copla a do alumnado de 1º da ESO B. O primeiro premio dos disfraces individuais foi para Xoán Fernández Diz, transformado nunha impresionante quenlla que devoraba un incauto. Tamén foron agasallados Sergio Ríos e Adrián Otero.

27.3.11

25.3.11

CANGAS E O MAR

XORNADAS AGOSTIÑO ENTENZA

Celebramos no noso instituto as Xornadas “Agostiño Entenza” arredor do tema O MAR DE CANGAS. O alumnado da ESO participou en charlas e conferencias de Luís Pérez, Noé Masso, Xosé Luís Lorenzo “Colón” e Rosa Mª Varela e alumnos de Monte Carrasco.
Pola tarde, ademais da proxección de vídeos de distintos temas relacionados co mar, Xosé Lois Vilar ofreceu unha interesante charla-coloquio sobre a “Talasonimia na Ría de Vigo”. O xerente e o patrón maior da Confraría de Cangas faláronnos das perspectivas das actividades económicas (pesca, acuicultura, marisqueo) e as accións emprendidas para mellorar no futuro.

Nestas actividades participaron varios departamentos coordinados polo de Xeografía e Historia, a Biblioteca e Normalización Lingüística. Na clausura das xornadas recordamos de xeito especial o noso compañeiro Agostiño Entenza. Teresa Rodríguez e o director clausuraron as xornadas. Actuou o grupo “ Mornura” e varios alumnos de 2º de bacharelato leron poemas dedicados ao mar.




Expuxéronse traballos feitos por alumnado dos distintos cursos da ESO e Bacharelato: Maquetas da praia de Rodeira (1º ESO) cartel “A navegación astronómica (2º ESO) , Artes de pesca (3º ESO). Cangas England and the Sea (2º ESO), Cangas e o Mar e O mar na obra de Bernardino Graña (3º ESO D) ;e de testemuñas das xentes do mar (4º ESO, 1º Bacharelato, 2ª Bacharelato) en word, presentacións e vídeos. Sobre actividades económicas relacionadas co mar pesca, acuicultura, turismo, desastre do Prestige en Cangas ( 2º Bacharelato). Tamén formaron parte da exposición materiais cedidas por diferentes persoas e asociacións: “Ronseis de Salitre. As conserveiras de Cangas” do IES Montecarrasco; “As cores das nosas Rías” de David Villegas e Grupo Ronsel e “O Prestige en Cangas” de Colón (A Cepa).

23.3.11

DÍA DA MULLER

COLABORAMOS NA CAMPAÑA CONTRA O INFANTICIDIO DA ONG IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO

Cada ano 200 nenas de cada 1000 nacidos son asasinadas pola súa comunidade en Salem (India). Alí traballa desde 2007 esta ONG para apoiar e facer un seguimento ás mulleres embarazadas e as súas familias, utilizando o teatro de rúa e os procesos de diálogo para ir cambiando as mentalidades e dando apoio económico para que as mulleres poidan ser independentes creando negocios propios.
Traballamos co dicionario -xunto co alumnado de 1º,2º da ESO- buscando palabras asociadas á discriminación da muller e enviámolas á ONG para que escritores e escritoras que colaboran na campaña constrúan a partir delas un libro de relatos.

Achegámonos ao horror das mulleres afganas que se prenden lume para fuxir da pobreza, dos matrimonios forzosos e dos abusos do home e da súa familia. Soubemos das historias de rapazas indias que se atreven a negarse a casar pola forza e das asociacións que as axudan. E dos moitos casos de mortes por violencia de xénero que aínda sufrimos en España.

Buscamos novas na prensa referidas ás inxustas diferenzas salariais entre homes e mulleres e a escaseza de mulleres nos postos directivos. Reflexionamos sobre experiencias contadas por mulleres que traballan en profesións nas que a presenza da muller aínda é moi escasa: no exército, bombeiras, pilotos, directoras de orquestra.



XINCANA DE TAREFAS DOMÉSTICAS

Como cada ano, o alumnado de 4º demóstranos se ten superados os prexuízos que menosprezaron historicamente a muller e a lingua galega, competindo en grupo nesta particular xincana na que alumnos e alumnas colaboran no desenvolvemento de tarefas domésticas conversando en galego: coser un botón; arranxar o cuarto; tender, pasar o ferro e dobrar a roupa; preparar unha torta de chocolate; facer a lista da compra; e a novidade deste curso: demostrar o manexo do trade para colocar un colgadoiro.


22.3.11

21.2.11

EN GALEGO, QUERÉMONOS

Que mellor data que o 14 de febreiro para que o galego sexa a lingua do amor? Mensaxes, cartas, postais, murais e fotos dedicadas, regalamos palabras de amor en galego e deixamos saír o que levamos dentro: os sentimentos máis profundos na lingua máis nosa. Como outros anos houbo postais en galego que levamos ás librarías para que regalasen aos clientes. Estes foron novos modelos de postais presentadas ao concurso:



E estes os murais de aula:



A novidade deste ano foi un fotomatón cun cupido e un enorme corazón. Así de ben quedaron as fotos dedicadas:

15.2.11

CONSTRÚE PONTES

Esta foi a proposta para a celebración do Día da Paz. A nosa ponte non foi de ferro nin de cemento senón de linguas. Cada alumno achegou un ladrillo, unha lingua, un xeito de invitar a paz. Porque amarmos a nosa cultura propia non nos pecha senón que nos abre a coñecer outras realidades, outros xeitos de entender o mundo. Porque a paz non se asenta na imposición dunha única verdade, dunha única opinión, dunha única cultura senón construíndo pontes que favorezan o debate entre diferentes puntos de vista, o consenso entre diferentes opinións, o respecto e o coñecemento. Porque a diversidade de linguas e culturas, de aspectos e maneiras de ser, de paisaxes e especies é o maior tesouro da humanidade. Por iso inauguramos a nosa ponte con esta fermosa canción brasileira de Lenine.



Como é que faz pra lavar a roupa?
Vai na fonte, vai na fonte
Como é que faz pra raiar o dia?
No horizonte, no horizonte
Este lugar é uma maravilha
Mas como é que faz pra sair da ilha?
Pela ponte, pela ponte
A ponte não é de concreto, não é de ferro
Não é de cimento
A ponte é até onde vai o meu pensamento
A ponte não é para ir nem pra voltar
A ponte é somente pra atravessar
Caminhar sobre as águas desse momento
A ponte nem tem que sair do lugar
A ponte pra onde quiser
A ponte é o abraço do braço do mar
Com a mão da maré
A ponte não é para ir nem pra voltar
A ponte é somente pra atravessar
Caminhar sobre as águas desse momento

27.1.11

FESTA DE NADAL

Porque a cantos compartimos o compromiso de practicar e aumentar o noso uso do galego gústanos facelo do xeito máis divertido: globos, luces de cores, fotos, música e, por suposto, comida para celebrarmos que queremos vivir como galegos e galegas.

18.1.11

GALEGO PARA AGASALLAR

Música, banda deseñada, pelis, documentais, contos e novelas galegas e traducidas, produtos ecolóxicos... todo baixo un divertido toldo de camisolas con lemas en galego... convertendo a nosa lingua no xeito máis orixinal de celebrarmos o Nadal.

CANTOS DE NADAL E REIS



O alumnado de música de 3º da ESO e 1º de Bacharelato, dirixido pola súa profesora Ofelia, despediu o trimestre recuperando a tradición dos cantos de Nadal e Reis cos que encheron os corredores e as aulas do instituto.

11.1.11

A MÚSICA NO MORRAZO

A Semana Furtiva chega como cada ano ao instituto. Conversamos sobre a música no Morrazo con XULIO RODRÍGUEZ, ex-compoñente de Chouteira, manager e produtor musical; ANXO LORENZO, gaiteiro de Tirán que ten colaborado con artistas internacionais; e RODRI, cantante do grupo de rock Molestia de Bueu. Xulio e Anxo lembraron os seus comezos aínda nenos, vinculados ás experiencias escolares e aos vellos mestres gaiteiros do Morrazo. Participaron da renovación do folk, apoiando unha formación musical que hoxe é realidade no Morrazo (conservatorio, escolas de música) e a fusión con novos instrumentos. Con Internet hai novas posibilidades de realización e difusión pero segue sendo difícil conseguir discos de folk. Lembraron con saudade tempos mellores na organización de festivais e no apoio do público como Herba e Son na praia de Liméns nos anos 90. Os dous conseguiron vivir profesionalmente da música pero Xulio non o fai tocando senón desde unha empresa de produción de eventos musicais. Anxo Lorenzo vive da súa música pero asegura ter máis aceptación en festivais e público fóra das nosas fronteiras (Inglaterra, Irlanda, Bélxica...).
Rodri representou ao sector máis novo da música no Morrazo, vinculada neste caso ao rock. El dixo non poder vivir economicamente da música, pero asegurou que tampouco pode vivir sen ela. Non é fácil para os grupos que comezan; son as ganas e a paixón pola música o que fan que estean aí. Agradeceu o apoio de festivais organizados por asociacións como Deskarga Furtiva, e cre que debería haber máis espazos para que os novos grupos poidan darse a coñecer.