23.3.11

DÍA DA MULLER

COLABORAMOS NA CAMPAÑA CONTRA O INFANTICIDIO DA ONG IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO

Cada ano 200 nenas de cada 1000 nacidos son asasinadas pola súa comunidade en Salem (India). Alí traballa desde 2007 esta ONG para apoiar e facer un seguimento ás mulleres embarazadas e as súas familias, utilizando o teatro de rúa e os procesos de diálogo para ir cambiando as mentalidades e dando apoio económico para que as mulleres poidan ser independentes creando negocios propios.
Traballamos co dicionario -xunto co alumnado de 1º,2º da ESO- buscando palabras asociadas á discriminación da muller e enviámolas á ONG para que escritores e escritoras que colaboran na campaña constrúan a partir delas un libro de relatos.

Achegámonos ao horror das mulleres afganas que se prenden lume para fuxir da pobreza, dos matrimonios forzosos e dos abusos do home e da súa familia. Soubemos das historias de rapazas indias que se atreven a negarse a casar pola forza e das asociacións que as axudan. E dos moitos casos de mortes por violencia de xénero que aínda sufrimos en España.

Buscamos novas na prensa referidas ás inxustas diferenzas salariais entre homes e mulleres e a escaseza de mulleres nos postos directivos. Reflexionamos sobre experiencias contadas por mulleres que traballan en profesións nas que a presenza da muller aínda é moi escasa: no exército, bombeiras, pilotos, directoras de orquestra.



XINCANA DE TAREFAS DOMÉSTICAS

Como cada ano, o alumnado de 4º demóstranos se ten superados os prexuízos que menosprezaron historicamente a muller e a lingua galega, competindo en grupo nesta particular xincana na que alumnos e alumnas colaboran no desenvolvemento de tarefas domésticas conversando en galego: coser un botón; arranxar o cuarto; tender, pasar o ferro e dobrar a roupa; preparar unha torta de chocolate; facer a lista da compra; e a novidade deste curso: demostrar o manexo do trade para colocar un colgadoiro.


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?