Este curso iniciamos unha andaina que agardamos sexa só o primeiro tramo dun camiño con moito futuro. Alumnado de Rodeira e alumnado da Rúa compartiron máis que lecturas, máis que coñecementos…
Unidos pola India
O primeiro paso dérono: Noelia, Arancha, Viky, Serxio, María, Gabriela, Sara, Marta, Paula, Luigi e Carla. (2º da ESO) Tiveron que viaxar na memoria ao curso anterior e contarlle ao alumnado de 6º as súas experiencias arredor do libro “Usha” de María Reimóndez. Despois léronlles dous capítulos.
Unidos polo desexo
Despois de ver o compromiso, o entusiasmo e a ilusión cos que o alumnado dos dous niveis acolleron a proposta , apostamos polo segundo paso. Esta vez animáronse: Raúl, María, Adrián, Xiana, Yilian e Alicia. (4º da ESO) A viaxe na memoria foi un pouco máis longa e lembraron unha actividade que organizara a biblioteca en torno ao día da paz , cando eles estaban en 2º da ESO. Contáronlles a historia real de Sadako e os mil grous de papel, e xunt@s puxéronse mans á obra co traballo de papiroflexia.
Unha viaxe moi especial.
O alumnado de 6º, despois destas experiencias, está moi desexoso de estar no Insti, pero aínda terán que agardar un pouquiño. Quen si estivo no insti foi o grupo das “froitas” de infantil 5. Esta vez exerceron de profes para o alumnado de 1º da ESO. Explicaron todo o que aprenderan sobre as sereas e en particular sobre a escultura que temos en Cangas coñecida como o Galeón. Falaron da visita que lles fixo Manuel Coia ( o escultor) e así o alumnado de 1º completou o traballo que está a realizar sobre as esculturas de Cangas. Modelaron sereas de plasti e , por suposto, compartiron chuches.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?