12.6.13

AFRICA-NÓS

Na Semana Intercultural propuxemos un achegamento a África, un continente cheo de cor. Contamos cunhas guías de excepción, alumnas do instituto que son africanas e nos achegaron aos lugares dos que proceden, ás súas linguas e culturas.







Descubrimos tamén que a nosa lingua galega ten unha importante función internacional porque nos permite achegarnos dun xeito especial a cinco lugares africanos aos que os portugueses levaron, no século XV, o galego-portugués medieval que aínda seguen a falar xunto ás súas linguas propias. Pescudamos a súa localización, as características da súa paisaxe e a músicos e escritores, descubrindo que eramos quen de comprendelos sen necesidade de tradución. Ficamos orgullos@s de termos unha lingua que nos permite comunicarnos con xentes de lugares tan afastados xeograficamente.





31.5.13

QUE SUBA O PANO!





O IES de Rodeira fixo coincidir a exposición Que suba o pano! coas Letras Galegas, dedicadas este ano a un grande do teatro galego: Roberto Vidal Bolaño. Este proxecto partiu do CEIP A Pedra de Bueu coa intención de dar a coñecer entre a comunidade escolar os libros do Fondo Teatral María Casares, depositados na Biblioteca Municipal de Cangas.

O teatro galego forma parte do currículo de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato e foi alumnado destes cursos o que montou a exposición para o resto da comunidade educativa. Para iso baixaron ao corredor que está diante da Biblioteca co libro de texto ou cos apuntamentos de literatura. Ordenaron os libros de teatro galego de xeito cronolóxico en tres grandes etapas, achegando información sobre elas: o teatro galego de 1900 a 1936, o teatro galego de 1936 a 1970 e o teatro galego actual, a partir das Mostras de Teatro de Ribadavia, etapa que coincide coa produción de Roberto Vidal Bolaño. Tamén houbo unha sección para as traducións e outra para as revistas de teatro e os Cadernos da Escola Dramática. Para ambientar esta exposición, utilizamos os carteis chegados da Xunta con motivo das Letras Galegas e un pequeno escenario, feito con caixas e teas e adornado con máscaras de nariz vermello sobre o que colocamos unha figura de Roberto Vidal Bolaño e dalgúns dos personaxes das súas obras, feitas de cartón.






TI ES PARTE DO PLANETA EN QUE VIVIMOS. ACTÍVATE E DEFENDE A BIODIVERSIDADE.

No Día da Biodiversidade, cubrimos as paredes do instituto de verde e asumimos a tarefa de divulgar mediante un gran mural todo o que aprendemos no carballal de Coiro, un espazo do noso concello que, grazas á Comunidade de Montes de Coiro, segue conservando toda a biodiversidade do bosque autóctono galego. Veu visitarnos o alumnado de 6º de Coiro e da Rúa, os nosos centros adscritos, e nós, o alumnado de 1º da ESO, explicámoslle como fora o desenvolvemento do noso traballo, e fixémolo en galego, porque a biodiversidade tamén afecta ás linguas e é tarefa nosa manter vivo o galego no seu espazo natural do que Cangas forma parte.

21.5.13

CELEBRANDO AS LETRAS

O 16 de maio celebramos no instituto un pequeno acto en homenaxe de Roberto Vidal Bolaño no que o equipo de Dinamización da Lingua Galega realizou a súa habitual entrega de premios. O grupo de teatro A Replika e a Comunidade de Montes de Coiro foron os premiados nesta ocasión.


Rematamos a festa con xogos populares.

13.5.13

O GALEGO, A CHAVE DO MUNDO




Os coles do Morrazo reuníronse o 10 de maio en Bueu para celebrar cunha gran festa que o galego é a nosa lingua propia e para defender que debe ser a lingua na eduquemos aos nosos nenos e nenas para darlles a chave coa que acceder ao mundo da diversidade e do plurilingüismo. É unha riqueza da que sentírmonos orgullosos e orgullosas e demostrámolo na grande marcha do CORRELINGUA polas rúas de Bueu, cantando e berrando.

O equipo de dinamización da lingua galega do noso instituto quixo estar aí, botando unha man para que todo saíse perfecto, labor que compartimos co alumnado do instituto Johan Carballeira de Bueu. Aquí nos vedes a algúns axudando na organización da marcha.




Outr@s quedaron c@s peques organizando obradoiros de xogos.



Neste ano dedicado a Roberto Vidal Bolaño, contamos coa presenza de actor de Moaña, Celso Parada, que leu o manifesto gañador do concurso do Correlingua e recitou Deitado frente ao mar de Celso Emilio Ferreiro. E rematamos cantando e bailando coa magnífica actuación en directo de Manuel Prego.



8.5.13

SAXO TENOR NO VAIDELIBROS

Queda xa pouco tempo para a nosa cita no club de lectura Vaidelibros con Saxo Tenor de Roberto Vidal Bolaño. Aquí vos deixamos algunhas reflexións para animar o debate.

5.5.13

TI ES PARTE do teu concello. ACTÍVATE e ponte en marcha para coñecer O CARBALLAL DE COIRO.

En abril e principios de maio achegámonos a un espazo que temos moi preto e, aínda así é moi descoñecido para o alumnado do instituto. Os de 3º foron polas aulas preguntando e de 300 alumnos e alumnas só 23 dixeron que estiveran alí. O que nos estabamos perdendo... É unha carballeira, un reduto da vexetación autóctona que un día cubriu todo o interior de Cangas. Son os propios veciños e veciñas, a través da Xunta de Montes de Coiro, os que o foron recuperando e coidando ao longo de moitos anos. Tres dos seus membros, Manolo, Miguel e Sol, foron os nosos guías, contaxiándonos o amor pola natureza, pola flora e a fauna, e convencéndonos da importancia de coidalo e preservalo de especies invasoras e tamén da especulación humana porque a riqueza dun espazo natural vai moito máis alá do exclusivamente económico. Experimentámolo despois de camiñar pola carballeira toda unha mañá, contemplando moitísimas especies de flora, escoitando cantos de diferentes de paxaros, gozando da frescura do río Bouzós... Volvemos ao instituto sentíndonos moitos máis ricos polo moito que aprenderamos e polo ben que nos sentou este longo paseo que vos recomendamos.
 


30.4.13

ACHEGANDONOS A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Como xa sabedes, este ano 2013 dedicamos as Letras Galegas a Roberto Vidal Bolaño. Aquí tedes algúns datos da súa biografía para que coñezades a importancia da súa contribución ao teatro e á cultura galega.






24.4.13

ÉRASE UNHA VEZ


Para celebrar o Día do Libro, o alumnado de 1º da ESO achegouse aos coles máis próximos ao noso instituto para lerlles en voz alta e dar vida aos personaxes de contos infantís como “Os tres porquiños”, Moita imaxinación e un pouco de teatro para contaxiarmos aos máis pequenos o amor pola lectura e, moi en especial, pola lectura en galego.

 teatro1esoa from lingualiza on Vimeo.






14.4.13

ACTIVA O GALEGO NA CIENCIA

Esta semana pasou algo estraño no instituto. Escoitouse falar en galego de ciencia e de tecnoloxía pero non ao profesorado senón ao alumnado que nos mostrou todo o seu saber no tempo de recreo. Tan ben o fixeron que foi un éxito de público.
O departamento de Matemáticas escolleu traballar o tema das ilusións ópticas. Luigi e explícannos como, xogando coa perspectiva, a cor, o movemento e o tamaño dos obxectos podemos enganar os sentidos.


O departamento de Tecnoloxía seleccionou, para a semana da ciencia, as maquetas dunha grúa pneumática e unha porta de garaxe automatizada con dous accionadores.. O alumnado que as realizou explicounos o seu funcionamento.


Antón, de 1º de Bacharelato, aprendeunos a programar en Java o xogo que el mesmo deseñou na aula de Informática. Ensináronnos que son e para que serven os códigos QR, aprendendo de xeito práctico como descifralos e crealos.

O Departamento de Bioloxía e Xeoloxía recreou o cuarto dun naturalista do século XIX, O alumnado de 1º da ESO serviunos de guía para coñecer a natureza de todos os obxectos que alí se foron coleccionando.


O alumnado de física e química de 2º de Bacharelato vestiu a bata branca, disposto a sorprendernos cos experimentos máis curiosos.











21.3.13

Á PROCURA DUN TESOURO

Os equipos de dinamización da lingua galega rematamos o trimestre cunha saída polas praias de Cangas á procura dun tesouro que debiamos atopar dentro de cada un de nós, rompendo con prexuízos e hábitos e sendo quen de falar con normalidade en galego ao longo de toda a xornada. Polo camiño tivemos que superar unha serie de probas que nos axudaron a reflexionar sobre o que o galego significa para nós.

1ª proba.- O GALEGO É LINGUA VIVA

Para pasar esta proba tivemos que conseguir que a xente da rúa nos falase en galego e, á vez, demostrar que o galego é unha lingua válida para calquera tema. Cada grupo tivo que preparar pequenas entrevistas para facer por parellas a alguén que atopásemos pola rúa dun dos seguintes temas que repartimos por sorteo:

- Igualdade entre homes e mulleres antes e agora. Ensino, tarefas domésticas, traballo fóra da casa, soldos, postos de responsabilidade.

- Tempo de lecer: que soen facer eles e a xente que coñecen. Deporte e exercicio físico.

- Alimentación e consumo de froita (no mercado).

- Vivir en Cangas: espazos que máis lle gustan. Problemas. Servizos que bota de menos.

- Patrimonio arquitectónico de Cangas: (que construcións coñecen que nos falen do pasado de Cangas e que vos conten a súa historia): fontes, lavadoiros, muíños, igrexas, museos, fábricas, pontes, vivendas mariñeiras, o reló...

primeira proba saída a Santa Marta from lingualiza on Vimeo.


PROBA 2.- O GALEGO É A NOSA HISTORIA

Esta proba realizámola diante das ruínas da antiga fábrica de Massó. Tivemos que falar entre nós para marcar nunha ficha as respostas correctas sobre a historia, a importancia para Cangas deste complexo fabril e o futuro que nos gustaría para el. Entendemos o que é o patrimonio dun pobo e a importancia de saber conservar a historia de quen somos. Superamos a proba ao caer na conta de que o galego é tamén un patrimonio histórico que nos identifica como galegos e galegas e ao que non debemos renunciar.

proba2 from lingualiza on Vimeo.


PROBA 3.- O GALEGO É O NATURAL DA TERRA

Esta proba realizámola no espazo natural de Punta Balea, protexido desde 1990. Tivemos que fotografar os espazos que o conforman, as praias, os cantís, a lagoa e o espazo dunar; a súa flora e da súa fauna; e tamén descubrimos agresións ao medio e especies invasoras que ameazan a súa conservación. O galego sofre esas mesmas agresións aos hábitats naturais dun territorio que os levan a desaparecer se non se deseñan medidas de protección. Superamos a proba ao declarármonosnos ecoloxistas e defender a diversidade, protexendo cada especie e cada lingua no seu territorio natural para que ningunha se perda.

proba3 from lingualiza on Vimeo.


PROBA 4.- A MAXIA DAS PALABRAS EN GALEGO

Para proseguir camiño tivemos que axudar ao galego a cruzar o túnel escuro e tenebroso dos Séculos Escuros. Para logralo aferrámonos á maxia das palabras para non deixar que ninguén nolas roube. Por parellas tivemos que adiviñar a nosa palabra máxica e berrala forte dentro do túnel para conseguir que os ecos da nosa lingua chegasen ao outro lado.

proba4 from lingualiza on Vimeo.


PROBA FINAL.- DEIXA VOAR O GALEGO QUE ESTÁ DENTRO DE TI

E xa na praia de Santa Marta foinos revelado o segredo do futuro do galego en forma de papaventos. Só temos que atrevérmonos a probar e voará ben alto.

santa marta final from lingualiza on Vimeo.

8.3.13

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER. AÍNDA QUEDA MOITO CAMIÑO POR ANDAR PARA A IGUALDADE



Na celebración do 8 de marzo, preguntámonos por que hai un Día da Muller e non un Día do Home. Afondamos no tema e descubrimos moitos tipos de marxinación que as mulleres sofren polo simple feito de selo. Con información que seleccionamos na rede, organizamos unha exposición no instituto e unha campaña pedindo a implicación da comunidade educativa, pintando os perfís das nosas mans con mensaxes reivindicativas contra a desigualdade entre homes e mulleres, porque todos somos parte dun mundo que precisa concienciarse e erguer a man para reclamar seguir avanzando no camiño da igualdade de dereitos para todas as mulleres do mundo.



Denunciamos a terrible situación que viven moitas mulleres dos países máis pobres.


Reflexionamos tamén sobre a realidade máis próxima a nós e caemos na conta de que tamén nos países máis desenvolvidos persisten situacións de discriminación da muller que, pese a estudar máis e con mellores resultados, ten peores salarios que os homes e está aínda moi pouco presente nos postos de responsabilidade das empresas. A pesar de que na maioría dos fogares traballan fóra da casa homes e mulleres, son elas as que seguen asumindo maioritariamente a responsabilidade das tarefas do fogar, do coidado dos fillos e fillas e dos maiores. Profesores e compañeiros sumáronse á reivindicación da corresponsabilidade traendo para a exposición fotos súas realizando tarefas domésticas na súa casa. Tamén coñecemos mulleres destacadas no mundo da arte e da astronomía.




O alumnado de 4º participou nunha xincana de tarefas domésticas. Nesta actividade reflexionamos cada ano sobre dúas discriminacións que gardan moita semellanza: a da muller e a da lingua galega. Ambas as dúas estiveron recluídas durante séculos no fogar, negándoselle as posibilidades de desenvolverse en todos os contextos. Na xincana han de demostrar que, xa no século XXI, rapaces e rapazas poden compartir as tarefas do fogar (coser, tender a roupa e pasar o ferro, arrombar o cuarto, prepara unha torta de galleta e chocolate, usar o trade e o desaparafusador para colocar uns colgadoiros) e falar en galego entre eles sen complexos.



xincana de tarefas domésticas from lingualiza on Vimeo.