5.5.13

TI ES PARTE do teu concello. ACTÍVATE e ponte en marcha para coñecer O CARBALLAL DE COIRO.

En abril e principios de maio achegámonos a un espazo que temos moi preto e, aínda así é moi descoñecido para o alumnado do instituto. Os de 3º foron polas aulas preguntando e de 300 alumnos e alumnas só 23 dixeron que estiveran alí. O que nos estabamos perdendo... É unha carballeira, un reduto da vexetación autóctona que un día cubriu todo o interior de Cangas. Son os propios veciños e veciñas, a través da Xunta de Montes de Coiro, os que o foron recuperando e coidando ao longo de moitos anos. Tres dos seus membros, Manolo, Miguel e Sol, foron os nosos guías, contaxiándonos o amor pola natureza, pola flora e a fauna, e convencéndonos da importancia de coidalo e preservalo de especies invasoras e tamén da especulación humana porque a riqueza dun espazo natural vai moito máis alá do exclusivamente económico. Experimentámolo despois de camiñar pola carballeira toda unha mañá, contemplando moitísimas especies de flora, escoitando cantos de diferentes de paxaros, gozando da frescura do río Bouzós... Volvemos ao instituto sentíndonos moitos máis ricos polo moito que aprenderamos e polo ben que nos sentou este longo paseo que vos recomendamos.
 


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?