Na celebración do 8 de marzo, preguntámonos por que hai un Día da Muller e non un Día do Home. Afondamos no tema e descubrimos moitos tipos de marxinación que as mulleres sofren polo simple feito de selo. Con información que seleccionamos na rede, organizamos unha exposición no instituto e unha campaña pedindo a implicación da comunidade educativa, pintando os perfís das nosas mans con mensaxes reivindicativas contra a desigualdade entre homes e mulleres, porque todos somos parte dun mundo que precisa concienciarse e erguer a man para reclamar seguir avanzando no camiño da igualdade de dereitos para todas as mulleres do mundo.
Denunciamos a terrible situación que viven moitas mulleres dos países máis pobres.
Reflexionamos tamén sobre a realidade máis próxima a nós e caemos na conta de que tamén nos países máis desenvolvidos persisten situacións de discriminación da muller que, pese a estudar máis e con mellores resultados, ten peores salarios que os homes e está aínda moi pouco presente nos postos de responsabilidade das empresas. A pesar de que na maioría dos fogares traballan fóra da casa homes e mulleres, son elas as que seguen asumindo maioritariamente a responsabilidade das tarefas do fogar, do coidado dos fillos e fillas e dos maiores. Profesores e compañeiros sumáronse á reivindicación da corresponsabilidade traendo para a exposición fotos súas realizando tarefas domésticas na súa casa. Tamén coñecemos mulleres destacadas no mundo da arte e da astronomía.
por ser muller from lingualiza on Vimeo.
O alumnado de 4º participou nunha xincana de tarefas domésticas. Nesta actividade reflexionamos cada ano sobre dúas discriminacións que gardan moita semellanza: a da muller e a da lingua galega. Ambas as dúas estiveron recluídas durante séculos no fogar, negándoselle as posibilidades de desenvolverse en todos os contextos. Na xincana han de demostrar que, xa no século XXI, rapaces e rapazas poden compartir as tarefas do fogar (coser, tender a roupa e pasar o ferro, arrombar o cuarto, prepara unha torta de galleta e chocolate, usar o trade e o desaparafusador para colocar uns colgadoiros) e falar en galego entre eles sen complexos.
xincana de tarefas domésticas from lingualiza on Vimeo.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?