21.11.12

TI ES PARTE DUN CONCELLO. ACTÍVATE, PONTE A CAMIÑAR E DESCUBRE A RIQUEZA MEDIAMBIENTAL DO FACHO


Este curso propuxémonos mellorar, xunto coa nosa cultura, a nosa saúde física e mental, facendo rutas camiñando pola fermosa natureza do noso concello . Por iso collemos as mochilas para visitar un dos nosos espazos máis privilexiados, integrado na Rede Natura 2000: o Facho, a Costa da Vela, Cabo Home e a Praia de Melide, regresando pola praia de Barra.

Primeiro subimos pola calzado romana ata o monte Facho. Alegrounos moito ver que estaban de novo a traballar nas tarefas de escavación do castro que rodea o monte. Chegamos ata o cume, onde repasamos a historia deste lugar máxico, fogar de castrexos e santuario do deus Berobreo ao que os galaico-romanos ofrecían aras pedindo pola súa saúde. Desde alí divisamos o perfil das rías recortándose no mar e, ao fronte, as illas de Ons e Cíes, estas últimas tan preto que parece que se poden tocar coa man. Respiramos sentad@ nas rochas do cume do monte, cara a inmensidade do mar e a beleza da paisaxe e sentimos unha gran paz interior.



Continuamos camiño en dirección a Cabo Home, aprendendo os nomes dos lugares, das especies autóctonas e das invasoras, da flora e da fauna, do impresionante relevo da Costa da Vela e do areal da praia de Melide. Regresamos en dirección á praia de Barra pero a chuvia, que xa nos acompañara en pequenos tramos, comezou a caer seguido e o regreso resultou un pouco precipitado. Aínda así chegamos ao instituto contentos polo exercicio físico realizado (calcularemos en mates as calorías consumidas), e tamén orgullos@s de coñecermos mellor esta impresionante paraxe que temos tan preto de nós e dispost@s a transmitir o aprendido a familia e amig@s.


12.11.12

MAGOSTO


Xa tocaba poder celebrar o magosto cun fermoso día de sol, compartindo castañas e danzas galegas e do mundo. Estivestes un pouco tímidos ao principio, pero pouco a pouco foise animando a festa. Para rematar, como ten que ser, tod@s emborrallad@s.

9.11.12

DIA DA CIENCIA EN GALEGO



Se queremos que o galego sexa unha lingua de futuro non podemos renunciar a que sexa lingua da ciencia e da tecnoloxía. E ese camiño comeza no ensino. Porque é aprendendo en galego matemáticas ou física, tecnoloxía, informática ou electrónica; formulando, investigando, montando circuítos, aprendendo a programar ou experimentando no laboratorio... como entendemos que a nosa lingua non nos limita senón que nos enriquece e nos prepara para o diálogo con todas as culturas do mundo.

Para expresar este desexo celebramos no instituto o Día da Ciencia en galego. O día 5 de novembro, o alumnado de bacharelato puido coñecer de primeira man como científicos galegos, do CERN e mais da Universidade de Santiago, investigan sobre física de partículas a través dunha videoconferencia na que os escoitaron falando en galego desde diferentes lugares do mundo e mesmo estableceron contacto con eles vía chat.

O día 8 montouse unha cúpula xeodésica deseñada polo profesor Antón Pousada e elaborada polo alumnado da ESO na aula de tecnoloxía ao longo do pasado curso e rematada no actual.

A cúpula xeodésica está elaborada con 65 mangos de vasoira que forman unha estrutura de 30 triángulos para dar forma a unha cúpula xeodésica de 2,3 metros de altura e 4,6 metros de diámetro. A unión dos lados da cúpula (mangos de vasoira) faise mediante 16 conectores elaborados previamente por alumnas e alumnos de 2º e 3º do ESO. Estes conectores son de dous tipos; un conector está feito con 5 triángulos isósceles e o outro está formado por 4 triángulos isósceles e 2 equiláteros. En total suman 150 triángulos de contrachapado de madeira que construíron as alumnas e alumnos no taller de Tecnoloxía.
Este proxecto do departamento de Tecnoloxía do IES de Rodeira foi seleccionado para Galiciencia 2012, evento que terá lugar os días 20, 21, 22 e 23 deste mes de novembro dentro da Semana da Ciencia que se celebra en San Cibrao das Viñas, Ourense. Acudirá o profesor Antón Pousada, acompañado dunha alumna de 3º da ESO, Nerea Dios González, e dun alumno de 4º do IES RODEIRA, Juan David Molanes Pazó, que montarán a cúpula e explicarán o desenvolvemento dun proxecto ideado para traballar dun xeito práctico parte dos contidos da materia de Tecnoloxía en 2º e 3º do ESO (expresión gráfica, manipulación de ferramentas e materiais diversos, construción de estruturas...). Parabéns!!!

Nas aulas, o alumnado elaborou unhas flores azuis e brancas dentro dun corazón cun dispositivo que lles permitía saír voando. O acto celebrouse no pavillón botando a voar as flores que simbolizaban o galego ao redor da cúpula xeodésica mentres o coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua galega, Manuel Sánchez, reivindicaba a presenza do galego no ensino da ciencia e na tecnoloxía.

6.11.12

SAMAÍN


Aquí tedes as propostas presentadas ao noso concurso de creación: pequenos escenarios a partir de caixas de terror, con pedras, ramas, terra e algodón que recrearon ambientes das nosas historias de terror; personaxes feitos con masa de modelar, plastilina, arame... ou o que aparecese polo faiado da casa... Corredores convertidos en túneles de terror e aulas que metían medo; murais, banda deseñada, e coroas matemáticas para uns mortos moi curiosos.


O primeiro premio foi para a aula de 3º B que, partindo dun relato inventado por Sara, ambientou a aula e organizou dous pases de representación: un para o xurado e outro para público interesado. Aquí podedes ver as fotos e o vídeo. E tamén o mural gañador dun grupo de alumnas e alumnos de 2º de bacharelato B.
 A actividade máis divertida foi unha xincana de probas sobre a exposición do Samaín na que o alumnado de 1º ESO A demostrou coñecer os poderes ocultos das forzas do universo e ser merecente do diploma de cazapantasmas e dunha chea de gominolas terroríficas.

23.10.12

UNHA SEMANA CON SABOR A FROITA



Que pasa esta semana que o alumnado de 2º da ESO está a ofrecernos mazás, plátanos e peras nos recreos? A explicación está en que o noso instituto está a participar este curso no Plan de consumo de froita nos centros escolares, organizado polo FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) cunha subvención da Unión Europea. Concedéronnos cartos para repartir froita dúas semanas ao longo do curso entre o alumnado da ESO e esta é a primeira delas. Esta actividade forma parte dun proxecto educativo máis amplo. Por iso estamos a falar nas aulas sobre a importancia dunha alimentación adecuada, estudando as propiedades da froitas, a súa composición, a súa achega de vitaminas e de fibra, as súas propiedades curadoras que tamén podedes ver nos murais da planta baixa.

Nós, os de 3º da ESO, escollemos como slogan Unha semana con sabor a froita e deseñamos os carteis que atopastes polas portas.
 

Aínda estás a tempo de anotarte se queres participar na campaña publicitaria para promocionar o consumo de froita facendo anuncios en galego... E xa sabes: se estás na ESO, non deixes de pasar pola planta baixa nos recreos a recoller a túa peza de froita. Temos plátanos, peras e mazás de varios tipos, está toda boísima. Lembra que TI ES PARTE do coidado da túa saúde. ACTÍVATE e come moita froita!!!


E non esquezas que os restos da froita non se tiran co lixo. Recollémolos nos cestos de plástico de cores para facer compost. Algún día tocaravos ver como se fai e visitar os compostoiros que hai no horto do instituto. Polo momento, tes na planta baixa carteis explicativos que mesmo che ensinan como facer o teu propio compostoiro. Porque tamén SOMOS PARTE do coidado do planeta en que vivimos, ACTÍVATE e recicla.


O alumnado de 1º do CM de Xestión Administrativa e a súa profesora Marga encargáronse de contratar o envío da froita e de levar o control dos albaráns e das facturas. Acertastes na escolla, a froita está boísima e chega puntualmente ao centro.




12.10.12

EXPLICANDO A NOSA SITUACIÓN LINGÜÍSTICA

Andrea, ex-alumna do instituto e dos equipos e estudante de Ciencias da Comunicación en Madrid, veu entrevistarnos para contarlle aos seus compañeir@s e profesor@s madrileñ@s e a quen o queira ver na rede (http://www.youtube.com/watch?v=7-A9U0g1o3A) cal é a nosa situación lingüística. Aquí tedes uns fragmentos da súa conversa con profesorado e alumnado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Lingua e Mocidade from lingualiza on Vimeo.


10.10.12

CELEBRA O SAMAÍN!




Somos parte dunha cultura con identidade propia. Por iso, o Equipo de Dinamización da lingua galega invítavos a celebrar o SAMAÍN, activando a vosa creatividade e participando no concurso máis terrorífico do ano. A noite do 31 de outubro (segundo a tradición celta) ábrese a porta que separa o mundo dos vivos e dos mortos. Inspirándonos na nosa tradición propia de historias de terror (santa compaña, homes e mulleres lobo, fantasmas e aparecidos, homes do saco e chuchasangues, meigas e meigallos, demos e avisos da morte, retranca e humor macabros, cabazas talladas acesas...) abrímonos tamén á cultura universal e aos novos seres do terror do cine e da televisión... Historias, fotorrelatos, dramatizacións, banda deseñada, murais, traballos manuais e sobremesas coas instrucións en galego, fotos con disfraces terroríficos, epitafios, maquetas, papiroflexia... Tamén podedes investigar sobre mortes famosas ou sobre como se celebra o SAMAÍN ou como é o mundo do terror noutras culturas. Todo cabe no noso concurso. Podedes facelo de xeito individual ou en grupo (haberá premios para as aulas que máis participen), mostrándonos os traballos a semana do 22 de outubro. Activa a túa imaxinación e creatividade e ATERRORÍZANOS...



Aquí tedes unhas presentacións de relatos e banda deseñada da nosa rica tradición cultural para que vos inspiredes:

Terror galego


Terror na banda deseñada
 










26.9.12

UNHA PEZA DA TORRE



Xogaches algunha vez ao xogo da torre?

A torre: unha lingua e unha cultura construídas ao longo dos séculos. Nós somos as pezas que a formamos. Se non nos comprometemos, á torre vanlle faltando pezas e remata por derrubarse.

A torre: o noso equipo de dinamización. As pezas: o compromiso individual de falar en galego. Se faltamos ao compromiso, todo o equipo se resente e, como a torre, rematará por derrubarse.

Na 1ª reunión do equipo de normalización xogamos á torre e reafirmamos o noso compromiso de falar en galego nas reunións e actividades. Simbolizamos “tuneando” a peza que nos representa: todas diferentes pero formando parte dun proxecto común: manter en pé a torre dunha cultura construída en galego. Tamén organizamos os grupos e as reunións: se sodes de 1º da ESO vide o luns; de 2º, o martes; de 3º, o mércores; de 4º, o xoves; e de bacharelato e ciclos, o venres. Sempre no 2º recreo, na sala de usos múltiples.




24.9.12

XA ES PARTE DO EQUIPO?



Ao longo da primeira semana de clase viñestes anotarvos máis de cen alumnos e alumnas de todos os niveis educativos. Asinastes o voso compromiso pintando o perfil da vosa man nun gran cartel co lema deste curso. Se aínda non o fixeches, corre a anotarte nos segundos recreos.

17.9.12

TI ES PARTE

Xa está en marcha a nova campaña para poñer a andar o Equipo de Dinamización este novo curso 2012-2013. Todos e todas formamos parte dunha comunidade que ten lingua de seu e recibimos dun xeito ou doutro ese legado que en moitos casos está durmido dentro de nós. Actívate! Xa é hora de que comeces a falar galego! Dá un paso adiante e apúntate ao equipo de Dinamización. Agardamos por ti nos segundos recreos!


27.6.12

BRASILEIR@S-GALEG@S: UMA LÍNGUA QUE NOS UNE





A finais de maio, coincidindo coa día universal da biodiversidade e co da diversidade cultural, celebramos no instituto a Semana Intercultural. Nela incidimos cada ano no lema: DIFERENTES SI, DESIGUAIS NON. Facémonos conscientes da variedade de ecosistemas, especies animais, persoas, razas, culturas e linguas que forman o mundo e asumimos a diversidade como un valor positivo que nos enriquece e debemos preservar. Defendemos o intercambio cultural desde o respecto e a igualdade, que faga posible o entendemento na construción dun mundo onde todos e todas teñamos cabida. E simbolizámolo asumindo toda a comunidade educativa unha tarefa común que se enriqueza coa variedade creativa de todos e todas cantos queiran colaborar. Así cosemos unha manta de pastwork, pintamos mandalas ou atamos unha rede multicolor. Este curso decidimos CONECTARNOS elaborando NEURONAS que, como as do noso cerebro, se uniron a outras establecendo relacións que nos enriquecen como persoas.






E, para celebrarmos a diversidade, decidimos achegarnos a BRASIL, unha cultura afastada no espazo xeográfico e, á vez, moi achegada a nós desde o berce común do seu portugués brasileiro e o noso galego. Todos os textos da exposición estaban escritos en brasileiro e invitamos a cantos se achegaron á exposición a comprobar que é moi fácil de comprender desde o galego. E fixémolo desde o mundo do fútbol xa que son moitos os futbolistas brasileiros que coñecemos aínda que esta vez puidemos ler a súa ficha, declaracións e entrevistas e tamén ver varios vídeos, todo en brasileiro. E entendémolo fenomenal!

Tamén fixemos mapas para explicar a diversidade de biomas, de culturas e de linguas e aprendemos algo das súas tradicións como o “bumba meu boi” que decorou a entrada do instituto xunto con información e reproducións en cerámica de personaxes como os retirantes, os cangançeiros, o Lampiao ou Maria Bonita. E tamén nos achegamos ás súas lendas que veu ler para nós unha muller brasileira, cheas de tradicións parecidas ás nosas como a do homelobo ou a Santa Compaña e outras que nos resultaron sorprendentes. Desde a Biblioteca descubríronnos a literatura de cordel, historias que, como en Galicia, se cantaban polas feiras no pasado pero que alí aínda se seguen escribindo hoxe, unha literatura popular que reflexiona a través dos versos sobre a vida mesma e todo canto acontece ao noso redor. Nas aulas pasáronse vídeos en brasileiro de contos infantís sobre a riqueza da diversidade ou sobre música de actualidade.




FALANDO GALEGO EN CATOIRA



Intercambio de Normalización Lingüística



A xente nova en Catoira fala galego sempre con toda normalidade. O alumnado de 3º e 4º de Catoira invitou ao noso alumnado de normalización de 2º, 3º e 4º a practicalo pasando con eles o día e coñecendo a súa vila.

Fixemos unha ruta camiñando desde o centro de Catoira, onde está o seu cole ata Abalo, un outeiro onde hai muíños de vento tradicionais e unhas fermosas vistas sobre o río Ulla e a súa desembocadura na ría de Arousa.

Despois seguimos o paseo do río Catoira ata chegar ás Torres do Oeste, o monumento máis emblemático de Catoira. Son os restos dunha fortaleza medieval que impedía o paso dos normandos e sarracenos. Aquí se celebra o primeiro domingo de agosto a romaría vikinga, festa de interese turístico nacional. Para o desembarco dos invasores construíronse varias reproducións de dakars da época. Nun deles fomos dar un paseo polo río Ulla.

Comemos e pasamos unha tarde moi agradable de convivencia no parque da praia de Catoira.

Quedaron invitad@s a devolvernos a visita a principios do próximo curso. Xa estamos desexando ensinarlle Cangas e pasar con eles un día de festa.