22.3.17

VENDER EN GALEGO



Profesorado e alumnado de ciclos acudiu esta mañá á sede de FECIMO en Cangas á presentación da campaña "Vender en galego" impulsada pola Federación Galega de Parques Empresariais e financiada a través da liña de dinamización do galego convocada pola Deputación de Pontevedra.

"Vender en galego" é unha campaña baseada en información impresa para impulsar a concienciación nas empresas e no comercio local para a etiquetaxe de produtos en galego. Inclúe ademais o espazo web www.venderengalego.gal co obxectivo de fornecer ás empresas de ferramentas online para os procesos de comercialización como son tradutores, cursos de galego, dicionarios ou software. "Trátase de concienciar sobre as oportunidades que o uso do galego xera nas empresas á hora de diferenciarse no mercado exterior e o valor competitivo en relacións con países de lingua portuguesa" asegurou David Sobral. Desde Fegape consideran que a comunicación do produto no noso idioma é importante para abrir mercados nos cinco continentes, en países como Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau por ter o portugués como lingua oficial,  ou en países con importantes comunidades lusófonas como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón. Neste sentido, Sobral indicou que "a lingua é unha ferramenta que está ao servizo das empresas e dos seus traballadores e pódenos axudar a chegar a moitos mercados, que nos axuda a diferenciarnos e a ser máis competitivos". Tamén afirmou que "debemos valorar o galego como un valor engadido no exterior, xa que produtos galegos no campo da gastronomía ou do viño son unha garantía de calidade".



No comments:

Post a Comment

e ti que dis?