1.2.16

O MELLOR AMIGO


O padriño non era coma a outra xente. Aínda non vin home na aldea que se lle puidese comparar. Todos latrican das mesmas cousas ou calan as mesmas cousas. O padriño era diferente. Paréceme que o estou vendo: sentado no seu tallo, ó pé da lareira, asubía, pensa, fai debuxos co bastón na borralla. Non se anoxa con ninguén. Se lle din algo que non lle gusta, case sempre responde cun sorriso suaviño, e acabouse.

—¿Que é un amigo? —pregunteille tamén.

E botoume tal prédica que inda me acordo de moitos dos seus ditos. Unha tarde enteira parrafeando da amizade. «Un amigo é o mellor que hai neste mundo, se o é de certo». «Vale máis ter amigos ca ter cartos». «O amigo dáche todo e non quere nada; morre por ti se cómpre morrer». (…)

E tiven un amigo. Un verdadeiro amigo. Decote nos levamos ben. Todos os días maxinabamos diferentes andrómenas para cando fósemos grandes. Lelo quería deprender música e tocar o bombardino ou a trompeta. Xa estrebillaba cos dedos nun pínfano e dáballe xeito. Ademais metéuselle na chola ser mariñeiro. Nunca vira un barco nin o mar, pero seu pai estivera servindo en Ferrol e parolaba arreo de augas e ventos. Eu teimaba ser mestre de escola, ou cando menos ferreiro. Pero tamén quixera voar. Guiar un avión para ir polo mundo adiante, viaxando por derriba das nubes. Faciamos paxareiras, armabamos sedelas no río, para pillar troitas, e non había tobo de coello que non tivese na porta un lazo de aramio posto por nós. Na aldea chamábannos «os armadanzas».
Neira Vilas.Memorias dun neno labrego
--------------------------
Esta carta non é ningunha broma nin falcatruada de 1º da ESO. Nesta carta douche as grazas por ser o meu compañeiro nas aventuras que vivimos. Os petardos téñoos eu, ti tes o chisqueiro, como non. Aínda que me debas 2’25 euros que seguro que aboarás, es o meu mellor amigo e a mellor persoa a quen mandar un texto onde expresar que a nosa amizade é para sempre. En min sempre terás confianza e viceversa. Sempre poderás contarme segredos que ninguén pode saber. Pasámonolo moi ben facendo o que máis nos gusta. Temos moitas cousas  en común e as que non aínda son máis importantes porque tentamos que nos gusten aos dous. Sempre te levarei no corazón pase o que pase e dáme non sei que dicirche isto así  que remato xa de dicir tanta carallada. Despídome desexando que este texto chegue a onde teña que chegar e demostre que somos inseparables, camarada.
 
-----------------------------
 
Hoxe fomos un grupo a durmir a casa dunha compañeira  que estaba de aniversario. Síntome moi ben coas miñas amigas. Fanme rir e esquecerme das cousas malas.
---------------------------
 
Hoxe síntome feliz porque uns amigos planearon quedar e invitáronme a ir con eles. Non me esperaba que a miña nai aceptase pero houbo sorte.  Non os coñezo moi ben, só de andar polo instituto. Sentíame un pouco nervioso porque non sabía como actuar. Pero vaia parvada… Ao final foi xenial porque foi un día diferente.
 
-----------------------------
 
 
 
 
 
 
 
 

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?