5.6.15

DESTAPA O GALEGO na despedida do alumnado de Bacharelato e ciclos


Outra promoción que marcha para continuar a súa formación lonxe de nós ou para incorporarse ao mundo do traballo. Fixemos canto puidemos para que o galego vaia na mochila que levades destes anos no instituto. Este é o voso momento, o momento de superar comodidades e rutinas e loitar por conseguir o que queredes. Oxalá o galego forme parte do voso futuro. A lingua precisa de vós pero vós tamén precisades dela para mirarvos a vós mesmos e sentirvos orgullosos e orgullosas de quen sodes.

Así se despediu Diana Rodova, a nosa checogalaica, no nome de todos os seus compañeiros e compañeiras, no acto de graduación presentado en galego por Ana Lamas e Manuel 

Boas tardes a todos:

É una honra para min poder dedicarvos, no meu nome e no dos meus compañeiros, unhas verbas antes de despedirmos, coma alumnos, do Instituto de Rodeira.

Pasaron voando seis anos que comezaba cun grupo de rapaces dominados polos nervios ante a superstición dun posible exame antes da distribución por clases na aula de usos múltiples. Por sorte, non habería tal. Tras ter rematado unha etapa na que abondaban as excursións, os traballos en grupo, os proxectos interculturais e mesmo algunhas intensas visitas á dirección, xa estabamos no Bacharelato.

Neste quinto da ESO, unha denominación moi apreciada polos nosos pedagogos; coñecemos un novo ritmo de traballo e sobre todo á xente que en dous anos formaría parte de nós, tanto ou máis, ca cos que levabamos  practicamente toda a vida.

Rematou sendo popular “destestar os libros de texto”, algúns aprobaron  O Quixote  valéndose de resumos mentres outros loitaban ca trigonometría, e “en xeral”  ben fartos das cantigas medievais… Aínda así levamos con gusto o recordo dun curso que fixemos un tanto ad libitum sen sospeitar o que nos agardaba no seguinte.

Segundo, chámano, un nome moi apropiado, pois o tempo que durou foi precisamente este, un segundo.

As olleiras das noites sen durmir e os estudos apresurados remataron por baleirar as aulas e superar o aforo máximo das bibliotecas permitido polas normas de seguridade. Mentres incluso chegamos a transformarnos en animais, a combater o temido ébola, a conxecturar ao estilo de Schrödinger ou a acoller aos persoeiros dos MTV Awards.

Agradezo enormemente a todos os profesores e profesoras o seu labor educativo e o seu trato persoal. Non me atrevo a nomealos a todos por medo a esquecer algún, algo que sería inxusto, pois cada un de vós axudounos a construír a nosa identidade.

Non me corresponde a min xulgar se fomos unha das mellores promocións ou non, pero espero que a nosa pegada fose fonda e que ao final talvez gardedes unha agarimosa lembranza de nós.

Lévome unha maleta ben chea de recordos e experiencias para comezar esta nova viaxe, esta nova aventura que nos leva cara aos estudos superiores. Non sei o que nos depara, pero coma xa deixaron dito os sabios “o non saber adoita ser unha fase cara a novos coñecementos”. Iso espero.

Moitas grazas a todos e por todo, boa sorte e ata sempre!!


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?