Anunciamos este día, no que lembramos a realidade plurilingüe de Europa, poñendo polos taboleiros dos corredores do instituto, na semana previa, mapas coas linguas que se falan en Europa.
O día 26 de setembro, no recreo, invitamos a todo o alumnado a que nos prestase a imaxe da súa lingua para apadriñar unha das linguas europeas a cambio dunha lingua de gominola. Todos cantos quixeron facelo formaron parte dunha exposición sobre a diversidade lingüística que levantou unha gran expectación.
Ademais o alumnado de 3º da ESO preparou un bingo de linguas para xogar nas aulas. Elaborouse un bombo con forma de globo terráqueo con papel de cociña e cola branca sobre o que se pintou, ao secar, os mares, océanos e continentes. Buscaron na rede información sobre as linguas de Europa que se imprimiu e recortou, gardándose no interior do bombo. Preparáronse tamén as tarxetas: mapas de Europa con dez linguas diferentes e fichas e pequenos botóns para ir marcando as linguas que saían. Íanse tirando linguas do bombo, anotándoas no encerado e lendo información sobre elas mentres o resto do alumnado as marcaba se estaba no seu cartón. Ao cubrir 5, podían cantar liña e conseguir unha lingua de gominola; ao ter as 10, cantaban bingo e conseguían dúas. Foron por todas as aulas da ESO. A actividade tivo moito éxito e aprendemos o nome de moitas linguas das que nunca oiramos falar reflexionando sobre a diversidade lingüística e cultural que caracteriza e enriquece España, Europa e o mundo.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?