Hoxe 12 de novembro, como cada ano por estas datas, unímonos ás organizacións que convocaron o IV Día da Ciencia en galego. O alumnado de Bacharelato participou, xunto a alumnado doutros moitos centros de ensino, nunha videoconferencia organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Ás 12.30 horas e ao longo de máis dunha hora seguiron as explicacións do profesor Jorge Mira Pérez, doutor en Física e Catedrático da área de Electromagnetismo do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sobre 'Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol' e puideron realizar preguntas a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia.
Ese mesmo día, alumnado da ESO elaborou, seguindo unha presentación con instrucións, un pequeno helicóptero en papel azul ou branco, reflexionando sobre as leis científicas que facían posible que baixase xirando.
No recreo, leuse un manifesto que rematou co lanzamento dos helicópteros.
DIA DA CIENCIA EN GALEGO
MANIFESTO
Hoxe, día 12 de novembro, o IES de Rodeira únese á celebración do Día da ciencia en galego. Se queremos que o galego sexa unha lingua de futuro non podemos renunciar a que sexa lingua da ciencia e da tecnoloxía. E ese camiño comeza no ensino. Porque é aprendendo en galego matemáticas ou física, tecnoloxía, informática ou electrónica; formulando, investigando, montando circuítos, aprendendo a programar ou experimentando no laboratorio... como entendemos que a nosa lingua non nos limita senón que nos enriquece e nos prepara para o diálogo con todas as culturas do mundo.
Hoxe recibistes en galego unha clase de física moi especial e construístes, segundo as leis da física, un helicóptero azul e branco capaz de xirar e voar paseniño, vencendo a lei da gravidade. Defendemos así un espazo para a nosa lingua non só no universo da cultura literaria senón tamén no da científica e da tecnolóxica.
Se estades en contra de poñerlle límites ao galego, se defendedes que sexa unha lingua moderna e de futuro, preparádevos para deixar voar o galego. Preparados? Todos xuntos á de tres...
Non deixedes de intentalo. Preparade os vosos helicópteros unha vez máis para que o galego poida saír voando nas fotos. Un, dous tres...
E para rematar este acto festivo imos agradecer o compromiso co galego do profesorado de todo o ámbito científico e tecnolóxico cun forte aplauso.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?