Aquí estamos na cadea humana organizada desde
o instituto ata a Alameda Vella, no centro de Cangas, para sumármonos ao acto
convocado pola CIM (Centro de Información da Muller do Concello de Cangas),
onde despregamos as pancartas realizadas en cada aula. O galego foi unha vez
máis a lingua da reivindicación da fin da violencia de xénero e da defensa da
igualdade mos lemas escollidos tras o debate nas aulas e no manifesto que leron
Ana e Luís.
MANIFESTO
Estamos aquí, en primeiro lugar, para dar voz a todas aquelas
mulleres que xa non a teñen, 44 mulleres no que vai de ano en España, 700 na
última década, a quen lles foi arrebatada a vida por aqueles que dicían
querelas.
Estamos aquí para denunciar o maltrato, a tortura física e
psicolóxica, a humillación… Segundo o Centro de Investigacións
Sociolóxicas, só en España padecen violencia de xénero máis de
600.000 mulleres aínda que menos da cuarta parte se decidan a contalo. Esta
violencia machista afecta tamén a máis de 800.000 nenos e nenas, fillos e
fillas das mulleres maltratadas.
Como é isto posible na sociedade moderna na que vivimos? Os
estereotipos machistas non son cousa do pasado nin da xente maior. Estamos
aquí para alertar de que seguen presentes na nosa sociedade e tamén nos
afectan a nós, a xente máis nova. Os centros de atención a malos tratos coinciden en
que cada vez son más novas as mulleres que acoden a pedir axuda.
Estamos aquí para afirmar que a violencia
de
xénero non desaparecerá mentres exista
unha relación desigual entre homes e mulleres. Mentres non
desaparezan as falsas xustificacións, mentiras e mitos que defenden a
superioridade dos homes sobre as mulleres, mentres haxa homes que sigan
pensando que as mulleres son a súa posesión.
Vivimos nunha sociedade que segue
valorando positivamente as múltiples conquistas amorosas do home e criticando e
insultando a muller nesa mesma situación, esperando dela que siga agardando
toda a vida polo príncipe azul.
O modelo de amor romántico que se nos vende en novelas e
películas segue a ser, en moitos casos, o de home dominador e posesivo e muller
sometida e entregada a cumprir os seus desexos.
As redes sociais teñen hoxe un
efecto multiplicador dos comportamentos machistas, dos insultos e ameazas ás
mulleres.
ESTARMOS
AQUÍ, denunciando a violencia de xénero, COMPROMÉTENOS a
actuar desde todos os medios que teñamos na nosa man para poñer fin á violencia
exercida contra as mulleres:
- abrindo os ollos ao noso
entorno máis próximo, para apoiar as vítimas de maltrato e axudalas a saír desa
situación e a procurar a axuda que necesiten.
- esixindo ás administración
medidas que as protexan e medios para que poidan recuperar a súa vida.
- mostrando unha tolerancia
cero ante calquera comportamento de humillación e maltrato do que sexamos
testemuña.
ESTAR AQUÍ
COMPROMÉTENOS
- a esixir que, tanto desde as administración
como desde o sector privado, se promovan medidas que fomenten a igualdade
entre homes e mulleres.
- a esixir que
se reforcen as accións no ámbito educativo, nos medios de comunicación e nas redes
sociais contra os estereotipos sexistas
e a violencia de xénero.
- a esixir que a educación en valores,
a educación afectiva e a educación en resolución de conflitos estea presente na escola e, moi
en especial, na formación do alumnado adolescente.
ESTARMOS
AQUÍ COMPROMÉTENOS tamén a non baixar a garda porque
calquera de nós pode ser vítima da violencia de xénero nas súas relacións de
parella. Temos que estar atentas e saber recoñecer os sinais de alarma: as
manipulacións, a imposición sobre como debemos vestir e actuar, a obsesión polo
control hoxe acentuada cos localizadores dos móbiles ou co bombardeo de
whatshapps esixindo resposta inmediata.
E a saber dicir BASTA, defendendo
a nosa independencia e a nosa dignidade. Porque eses non son signos de amor
senón de abuso e de acoso.
- ESTARMOS
AQUÍ COMPROMÉTENOS a entender a relación de parella como
unha relación entre iguais que se fundamente sempre no respecto mutuo.
25 de novembro. Día Internacional contra a violencia de xénero.
Grazas a todas e a todos pola vosa participación.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?