8.10.13

APRENDENDO HISTORIA NO CASTELO DE SOUTOMAIOR



O alumnado de 3º da ESO visitamos o castelo de Soutomaior. Está situado nun lugar que domina o territorio enmarcado polo val do río Verdugo, dende a súa confluencia co Oitavén ata a súa desembocadura na enseada de San Simón, en Arcade, permanecendo así agochado das invasións realizadas por mar de normandos, turcos ou  piratas.  Contáronnos que a construción orixinal data do século XII, se ben será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido polo alcume de Pedro Madruga co que alcance o seu máximo esplendor xa que chegou a ser o epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV. Foi derruído durante a Revolución Irmandiña e Pedro Madruga intervirá moi directamente na súa reconstrución. No século XIX o castelo pasa a mans do marqués da Vega de Armijo que o transforma, coa construción neogótica da "Galería de Damas", nunha residencia de verán.

No seu interior puidemos pasear polas antigas estancias totalmente restauradas. Estes espazos empréganse para exposicións. Na que nós visitamos, acompañados dun guía, puidemos informarnos nos paneis sobre as formas de vida da sociedade medieval e mesmo experimentar, probando armas como a espada, o arco  e a bésta.

Nos extramuros, visitamos tamén os maxestosos xardíns onde sobreviven castiñeiros de oitocentos anos de antigüidade. Teñen unha rica, variada e centenaria flora, unha praza rodeada de plátanos, unha avenida de hortensias e unha fermosa e variada colección de camelias.




No comments:

Post a Comment

e ti que dis?