Como cada ano o equipo de dinamización da lingua galega preparouse para a celebración do DÍA DA MULLER, o 8 de marzo. No noso traballo diario pola superación de prexuízos, muller e lingua galega únense ao longo do mes de marzo. Ambas foron recluídas durante séculos no ámbito do fogar e, aínda que se avanzou no camiño de loita pola igualdade de dereitos, é moito o que queda aínda por facer.
Escollemos para a EXPOSICIÓN un fermoso calendario que dedica cada día do ano a un feito significativo ou a unha muller destacada na loita pola igualdade e invitamos a todo o alumnado do centro a buscar información sobre o dato que aparecía o día do seu aniversario. Os mellores traballos serán publicados na revista Abre os ollos. Desde a bilioteca seleccionaron libros escritos ou protagonizados por mulleres para acompañar a nosa exposición.
O alumnado de 4º da ESO competiu na nosa XINCANA DE TAREFAS DOMÉSTICAS. Grupos de rapaces e rapazas realizaron de xeito compartido as tarefas habituais do fogar falando en galego, tentando demostrar a si mesmos e aos demais que os prexuízos son cousa do pasado.
1ª PROBA: arranxamos o noso cuarto (aspirar, facer a cama, limpar o po)
2ª PROBA: cosemos un botón
3ª PROBA: organizamos a roupa da casa (tender, pasar o ferro, dobrar e gardar)
4ª PROBA: preparamos unha torta de chocolate.
5ª PROBA: colocamos un colgadoiro utilizando un trade e un desaparafusador
6ª PROBA: confeccionamos unha lista da compra con artigos de alimentación, aseo, limpeza, mantemento e papelaría.
De 7.- compra |
Houbo premios para os equipos que realizaron mellor as probas, compartindo o traballo entre todos e todas e falando en galego.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?