Nos últimos días do segundo trimestre, os equipos fomos convocados para unha misión moi especial: custodiar o prezado tesouro da nosa lingua desde Rodeira ata Santa Marta e de regreso ao instituto. Organizados en pequenos comandos tivemos que superar difíciles probas ao longo do camiño que puxeron a proba a nosa valía e déronnos as armas necesarias para superar con éxito a misión.
Nos Xardíns do Sinal, tivemos que superar a primeira proba. O sentido do humor, a retranca galega, foi sempre unha das armas que mellor protexeu o tesouro da nosa lingua. Por iso nesta proba localizamos cabaleiros e cabaleiras maiores, gardiáns do tesouro desde sempre, que andaban polo centro de Cangas. Escollemos como contrasinal o noso refrán: O PRIMEIRO DE ABRIL VAN OS BURROS ONDE NON DEBEN IR.
De Escritorio |
Non foi nada difícil contactar. Foron moit@s @s que nos contaron historias de como se celebraba este día e as bromas que se gastaban e nós regalámoslles adhesivos dun burriño que levaba o refrán escrito. Logo reunímonos no dique e contámonos as bromas que nos contaran e outras que sabiamos nós. A risa converteuse nun escudo protector que nos permitiu avanzar ata Punta Balea.
En Punta Balea había outra proba que superar. A forza da natureza é outra das armas que protexen o tesouro da nosa lingua pois Galiza non podería ser sen lingua pero tampouco sen verde nin auga; a ecoloxía que é medioambiental e tamén lingüística. Por iso esta proba consistiu en encher o máis rápido posible cinco botellas pequenas da auga máxica da Dama da Lagoa. Só uns poucos cabaleiros ou cabaleiras podían entrar no territorio sagrado e só se podía coller e meter na botella un vasiño de cada vez. Fixemos cinco equipos á entrada do camiño da lagoa e fomos saíndo un de cada fileira para coller un vasiño de auga máxica coa que encher a nosa botella. Non foi tarefa fácil e esta proba axudounos a entender o problema medioambiental xerado na lagoa pola falta de chuvia.
En Areamilla esperábanos a última proba, a arma definitiva para a nosa misión, a conciencia da importancia do grupo. Porque para protexer o tesouro que levamos con nós e deixalo saír á rúa hai que ser fortes e non deixarse levar por eses inimigos que arrastran a un: o hábito, a moda, o que fan os demais...
Medimos as nosas forzas tirando da corda. Primeiro probou un só cabaleiro e foi arrastrado, e tamén dous e tres pero conforme o grupo medraba iamos tendo a forza necesaria para vencer. Tamén formamos rodas e conseguimos facelas andar moi, moi xuntiños e sentados uns nos xeonllos dos outros.
Xa estabamos listos para enfrontar a parte máis difícil do camiño. Os informes dos espías alertaban especialmente da existencia dun monstro ao que chaman PARECESDOMONTE que tiña feito estragos entre os cabaleiros e cabaleiras que se atreveran a sacar o noso tesouro á rúa. Antes era un dragón que botaba lume pola boca pero agora os seus métodos son máis sofisticados e instala un chip na cabeza da xente que fai que se sinta estraño e renuncie voluntariamente a ser portador do tesouro. Tamén contabamos con que o inimigo COSTUME tentase meterse entre as nosas filas, impedindo que puidésemos decidir por nós mesmos. Pero grazas á axuda dos asubíos máxicos dos gardiáns do tesouro, os cabaleiros e cabaleiras que foron atacados puideron recuperar as forzas de inmediato.
Ao chegar a Santa Marta estabamos felices e gozamos xunt@s do noso tesouro nun fermoso día de sol. As torres humanas demostráronos unha vez máis a importancia do traballo en equipo. É tal a forza da unión e da confianza que depositamos no equipo que permitiu que os cabaleiros e cabaleiras que quixeron voasen polos aires.
O éxito desta misión debe animarnos a asumir novos retos máis difíciles aínda para garantir a supervivencia deste tesouro noso tan especial que é a nosa lingua propia.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?