24.6.10

SEMANA DA CIENCIA

Un ano máis o IES de Rodeira celebrou a Semana da Ciencia, este curso na súa quinta edición:
unha selección de experiencias, concursos, obradoiros, montaxes audiovisuais, … nos que alumnado e profesorado participaron activamente. Este curso quixemos darlle un enfoque relacionado co consumo e a reciclaxe a fin de que todos nós creemos hábitos máis ecolóxicos e sostibles.
O Equipo de Normalización Lingüística presentou unha campaña de etiquetaxe en galego, e de consumo ecolóxico onde nos informaba das empresas que utilizan o galego como marca de calidade. Ademais houbo un concurso de ideas de deseño de etiquetas en galego e a gañadora, Alejandra de 4ºA, foi escollida por votación popular.
Tivemos un obradoiro de papiroflexia, unha exposición fotográfica do fotógrafo Peter Menzel de 30 familias de 24 países de todo o mundo xunto coa comida que consumirían esa semana; un “Seguidor dun raio de luz”, que usaba seis sensores de luz (LDR) cun panel xiratorio que se ía orientando seguindo a traxectoria dun raio de luz; videomontaxes como “Música e cerebro” ou “Atrapados pola tecnoloxía de consumo”.
Os “Experimentos sorprendentes” de física e de química foron a estrela desta Semana da Ciencia. Algúns deles foron feitos por alumnos de 1º de bacharelato (experimentos de cambios de cor, xeración de gases, transformacións de substancias variadas, revelación de pegadas dactilares,…) e outros foron feitos polo profesor Daría Lata, como a experimentación con fluídos non newtonianos (a mestura de auga e Maizena), os barcos incendiarios ou o volcán de escuma.
O Departamento de Bioloxía embarcounos na tarefa de facer papel reciclado. Alumn@os de 1º Bacharelato de Bioloxía fixeron de expertos monitores para que todo aquel que quixese facer a súa folla de papel reciclado. O de Informática presentounos un ordenador reciclado, a base das pezas dun vello PC do ano 2000 e un microondas que non funcionaba. Tamén fixeron a presentación dun libro electrónico (eBook)
Na clausura, o patio converteuse nun improvisado laboratorio onde tod@s puidemos experimentar con pompas de xabón, coa mestura “máxica” de auga con Maizena e admirarnos dos geyseres de Cocacola con Mentos.
E tod@s aquel@s que participaron no obradoiro de papel reciclado da Semana da Ciencia foron agasallados cun marcapáxinas feito a partir das follas de papel.


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?