24.6.10

PREMIOS

Desde o Equipo de Normalización, quixemos destacar neste día un espazo do centro que nos axude a vivir en galego. Todos sabemos da importancia de que existan espazos galeguizados, que nos acollan e nos que nos sintamos a gusto falando en galego. O escollido foi a cafetería do instituto, onde cada día Encarna nos recibe falando en galego. Fixémoslle entrega da nosa placa FALAMOS GALEGO cos nosos parabéns.
Premiamos tamén un espazo galeguizado no concello. Foi o RESTAURANTE “AS LAGOAS” de Vilariño. Jose, o dono do negocio, veu recoller a placa e os nosos parabéns. Estas placas, colocadas nos locais, publicitarán o uso da nosa lingua.
Agasallamos coa camiseta EU, ELEMENTO ÚNICO a Xaquín, alumno galego-falante de 1º de Bacharelato e a dúas alumnas de 2º de Bacharelato, Lucía e Natalia, que deron este ano o paso de convertérense en galego-falantes.
Como cada ano quixemos destacar tamén ao alumnado chegado de fóra que se interesa pola nosa lingua e non a quere ver como un obstáculo senón como unha riqueza que compartir. Destacamos a Ornela (1º Bach) e Laura Colom (4ºESO) polo seu interese por achegarse á nosa lingua que as levou a formar parte do E. de Normalización.
O GALEGO VENDE foi o lema da campaña na que quixemos destacar as empresas que etiquetan os seus produtos en galego e do concurso no que invitamos a deseñar etiquetas e marcas en galego. O deseño escollido na votación popular realizada ao longo da Semana da Ciencia foi unha etiqueta para auga co nome de “FORTECELTA” realizado por ALEJANDRA VIDAL, de 4º da ESO.
Tamén quixemos aproveitar esta celebración para agradecer o seu labor a todo o profesorado que dá as clases en galego. Para moito alumnado, que xa non ten galego na casa, son os únicos modelos de uso normalizado da nosa lingua. Grazas a eles, o galego é normal para o alumnado e con el@s aprenden tamén a utilizalo. Hai profes, moitos, aos que sempre oen falar en galego. Pero quixemos destacar especialmente o caso de dous profes que tiñan o castelán como lingua habitual e hoxe nos dan as clases en galego: a Pilar, profe de mate de ESO e Bacharelato e a David, profe do ciclo de informática de adultos.
E para cant@s se senten ORGULLOSOS E ORGULLOSAS DO GALEGO, houbo gominolas para PINTAR A LINGUA DE AZUL como símbolo de que o galego é unha lingua viva, e de que aceptamos nosa responsabilidade para que o siga sendo. Para que podamos VIVIR EN GALEGO sen complexos e seguir enriquecendo coa nosa achega orixinal a CULTURA UNIVERSAL.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?