20.5.19

CONFERENCIANTES POR UN DÍA

Alumnos e alumnas dos tres cursos de 1º da ESO preparamos unha conferencia moi especial para explicar como foi a nosa experiencia neste primeiro ano no instituto. O propio alumnado seleccionou dous alumnos e dúas alumnas de cada aula que fomos hoxe falarlle as nenos e nenas de 6º de primaria. Encantounos a experiencia!


VENRES POLO FUTURO

Chámase Manel e foi alumno do IES de Rodeira. Hoxe regresou ás aulas falando en galego cunha mensaxe moi importante que transmitir ao alumnado. Contounos que formaba parte de Fridays for Future Vigo, asociación creada secundando a iniciativa de Greta Thunberg, unha adolescente sueca que comezou a sentarse cada venres fronte ao Parlamento do seu país, comezando unha folga escolar polo clima, hoxe secundada en moitos países do mundo. O 22 de maio hai unha nova convocatoria e Manel veu afondar nas razóns e a animar á participación. Falou do cambio climático e do perigo inminente de catástrofe ambiental se non presionamos aos gobernos para que actúen.  O alumnado está chamado pola mañá a unha concentración diante do Concello de Cangas e a recollida de lixo na praia que se levará á concentración en Vigo pola tarde.


ROMEO E XULIETA

Despois do éxito na Mostra de Teatro, a Réplika actuou no centro para os seus compañeiros e compañeiras, o seu público máis fiel.





16.5.19

POÑENDO MÚSICA ÁS LETRAS GALEGAS

Chegou o día de celebrar a nosa homenaxe aos homes e mulleres que, desde as orixes da nosa cultura ata hoxe, converteron o galego en canción, para falar do amor, da vida, para protestar ou para facer festa... desde todas as formas e todos os estilos. Porque a música en galego EXISTE!!!

Agradecemos ás reposteiras e aos reposteiros, que tamén os houbo aínda que menos todo hai que dicilo, as ricas galletas, listas para agasallar a cantos se atrevesen a saír ao palco coa canción escollida e invitamos a todos e a todas a acompañar nos retrousos. Que comece a festa!!!

1º ESO A escolleu a GUADI GALEGO e o seu tema MATRIARCAS, unha fermosísima canción que quere ser unha homenaxe á presenza e a forza das mulleres na nosa sociedade. 
 


1º ESO B viñeron rockeiros. Escolleros RUXE RUXE, un dos grupos máis veteranos do rock feito en galego, co seu tema ROCK DO PAÍS 


E chegou a hora de rapear. O alumnado de 1º ESO C escolleu un grupo de hip hop, tres mozos que se fan chamar Ezetaerre. O tema "Non é verán de Estrella Damm" é unha crítica contra a invasión dos turistas e os traballos mal pagados do verán.
 

2º ESO A tróuxonos un dos maiores éxitos do grupo Dakidarría, o seu tema Terra.


2º ESO B co seu titor Darío á guitarra ofreceunos outro tema moi coñecido. É de Siniestro Total, a canción "Miña Terra galega".


2º ESO C quixo ser Ghaiteiro, un tema do grupo de rock os Diplomáticos de Monte Alto.

 
E xa lle ía tocando outra vez ás voces femininas que as temos e moi boas. 3º ESO A escolleu o tema "Anagnórise", unha fermosa canción de tres rapazas novas que se fan chamar A Banda da Loba.


Volvemos ao rock, da man de 3º ESO B co tema máis famoso dos Resentidos: Fai un sol de carallo. 


O alumnado de 3º ESO C preferiu ser máis creativo e tráenos un tema de rap que compuxeron eles mesmos. 


rap from lingualiza on Vimeo.


Tamén participou un Grupo de Música que leva funcionando todo o curso desde que se xuntaron para o festival QueroCantar. Ten alumnado de 4º da ESO, FP Básica e Ciclos medios.
Cantaron dous temas: "Un día" de tres rapazas novas que forman Son Trío



"Benditas feridas", a canción de Rosa Cedrón que Sabela cantou en Operación Triunfo


O broche de ouro puxémolo o alumnado de Animación de 1º de Bacharelato. Escollemos un tema CULTURA CRÍTICA no que se unen unha banda de rock galega mítica, Nao, un grupo de rap, SonDaRúa, e un grupo folc, Tanxugueiras, en defensa da música en galego. 


Tamén cantaron os profes. Escolleron un tema ten que ver co seu traballo de sementar en nós o amor pola nosa lingua e a nosa cultura. Chámase "Sementeira". É orixinal de Fuxan os ventos pero cantaron a nova versión que acaba de facer deste tema o grupo Astarot. Por desgraza a cámara xa quedara sen batería e non quedou gravado nin o seu tema nin o himno galego, que non saíu este ano mellor ca nunca, ao son dunha gaita, un tambor e unha pandeireta e con todos a unha voz. Foi, sen dúbida a Festa das Letras máis participativa e chea de enerxía e de ganas de cantar. E non é para menos. Celebramos o orgullo de termos unha lingua propia!

Que pasedes un feliz día das Letras Galegas falando e cantando en galego!!!





9.5.19

Em Guimaraes


O noso primeiro destino foi o Castelo de Guimarães, o berce do nacemento de Portugal. Deseguido visitamos tamén o Pazo dos duques de Bragança e a Capela de San Miguel onde se supón que foi bautizado Afonso Henriques. Logo paseamos polo casco histórico da vila e xantamos.










Pola tarde visitamos Briteiros, a citania da Idade de Ferro coas súas vivendas circulares e outras cadradas, xa romanizadas. 


E o seu monumento prerromano máis curioso, o coñecido como Pedra Formosa, un balneario, composto por unha pequena cámara redonda unida a un recinto cuadrangular. Os dous compartimentos dividíanse por unha estela de forma pentagonal, cunha pequena abertura no fondo para poder pasar de un lado para o outro. Unha das cámaras servía para tomar baños de vapor, a outra para baños de auga fría. 


 A guía falounos en portugués de vagar e entendemos todo perfectamente.
 



2.5.19

CORRELINGUA NO MORRAZO: O GALEGO É A FÓRMULA

Un ano máis o EDLG de Rodeira dispúxose a colaborar para facer posible a Festa da nosa lingua para todos os nenos e nenas do Morrazo.  Tocounos ser anfitrións xa que se celebrou no noso concello. Invitamos ademais un grupo de alumnas e alumnos do Grove.

Un grupo axudou nos xogos organizados para o alumnado de infantil

















 E o resto axudamos na marcha polo centro de Cangas desde a mesma cabeceira xa que nos tocou levar a pancarta:


 E logo Noa, Anxo e Rosmary leron o manifesto cun compañeiro e unha compañeira do María Soliño, presentados polo home de Ce orquestra e antes da actuación de Uxía e a banda Molona.


Por último tivemos un tempo para compartir xogos populares co alumnado de Cangas do IES María Soliño e con alumnado de O Grove, ao que lle ensinamos a nosa vila e lle propuxemos visitalos para o curso que vén. Pasámolo xenial!!!














30.4.19

REGUEIFANDO NO AUDITORIO

Todo 2º da ESO marchou ao Auditorio de Cangas para animar aos seis alumnos e alumnas seleccionados para representarnos na batalla regueifeira cos outros centros do Morrazo. Fixérono moi ben e recibiron moitos aplausos dun público entregado.




22.4.19

MONTESMO

Un curso máis mantémonos fieis á cita coa Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo que arrinca mañá. O encontro dos seis centros participantes será este ano no IES As Barxas e o noso grupo, Teatro A Réplika, representará unha versión de Romeo e Xulieta. O grupo invitado para pechar a Mostra é o tamén o noso grupo de teatro de persoas adultas: Teatro aberto. Moita merda!



9.4.19

CARLOS NEGRO CONTAXIA POESÍA

Hoxe recibimos na biblioteca do instituto a visita do poeta Carlos Negro que nos contaxiou a súa paixón pola poesía.



Con el aprendemos que a poesía é a linguaxe das emocións, desa outra parte do ser humano que non se vende no posto da feira pero que é precisa para vivir: os soños, as ilusións, as lembranzas... o amor e tamén a vivencia da morte. Mesmo pode ser cómica e valer para poñer a alguén no seu sitio.



Despois do paseo por algúns dos seus poemas favoritos, Carlos Negro centrouse na súa propia obra.
Aquí estamos metidos na pel dun rapaz chalado polos coches e a velocidade, a voz poética do seu libro de poemas Maquinaria:
 


 E aquí tédelo posuído por cada unha das voces poéticas do seu último libro de poemas, Aplicación instantánea, que tamén podemos descargar como unha aplicación na rede.






EXPERIMENTOS SORPRENDENTES!

 Aquí tedes algúns dos experimentos e proxectos presentados na Semana da Ciencia polo alumnado de Física, Química e Tecnoloxía. Lembrade que os podedes presenciar en directo nos recreos:












PLACAS ELECTRÓNICAS PROGRAMABLES ARDUÍNO

En Tecnoloxía preparamos proxectos baseados no emprego das placas electrónicas programables Arduino.
Un destes proxectos pretendía amosar a versatilidade  das placas Arduino  co uso de dispositivos periféricos que faciliten a comunicación co usuario. Deste xeito, o alumno Brais Lagoa presentou un xogo en Arduino controlado por uns pulsadores conectados nunha placa protoboard que permitía a súa visualización nunha pantalla LCD.


 
 



Brais Pérez foi o encargado de presentar o segundo proxecto, o control dun brazo robótico mediante unha placa de Arduino. Un gran traballo no que, ademais do código de control, o alumno encargouse do deseño das pezas do brazo e a súa fabricación mediante impresión 3D.




Outros proxectos presentados en galego:



 

MATENIGMA

O Departamento de Matemáticas dedicou esta Semana da Ciencia a  Samuel Loyd, o inventor dalgúns dos máis xeniais xogos e probas de enxeño de toda a historia, e ás matemáticas recreativas.
Durante os primeiros recreos había que resolver tres problemas creados por el e nos segundos recreos un doutros autores. Os problemas eran distintos cada día. Cada alumno participante tiña un carné persoal no que cun selo quedaba constancia da súa participación e logros.