23.10.12

UNHA SEMANA CON SABOR A FROITA



Que pasa esta semana que o alumnado de 2º da ESO está a ofrecernos mazás, plátanos e peras nos recreos? A explicación está en que o noso instituto está a participar este curso no Plan de consumo de froita nos centros escolares, organizado polo FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) cunha subvención da Unión Europea. Concedéronnos cartos para repartir froita dúas semanas ao longo do curso entre o alumnado da ESO e esta é a primeira delas. Esta actividade forma parte dun proxecto educativo máis amplo. Por iso estamos a falar nas aulas sobre a importancia dunha alimentación adecuada, estudando as propiedades da froitas, a súa composición, a súa achega de vitaminas e de fibra, as súas propiedades curadoras que tamén podedes ver nos murais da planta baixa.

Nós, os de 3º da ESO, escollemos como slogan Unha semana con sabor a froita e deseñamos os carteis que atopastes polas portas.
 

Aínda estás a tempo de anotarte se queres participar na campaña publicitaria para promocionar o consumo de froita facendo anuncios en galego... E xa sabes: se estás na ESO, non deixes de pasar pola planta baixa nos recreos a recoller a túa peza de froita. Temos plátanos, peras e mazás de varios tipos, está toda boísima. Lembra que TI ES PARTE do coidado da túa saúde. ACTÍVATE e come moita froita!!!


E non esquezas que os restos da froita non se tiran co lixo. Recollémolos nos cestos de plástico de cores para facer compost. Algún día tocaravos ver como se fai e visitar os compostoiros que hai no horto do instituto. Polo momento, tes na planta baixa carteis explicativos que mesmo che ensinan como facer o teu propio compostoiro. Porque tamén SOMOS PARTE do coidado do planeta en que vivimos, ACTÍVATE e recicla.


O alumnado de 1º do CM de Xestión Administrativa e a súa profesora Marga encargáronse de contratar o envío da froita e de levar o control dos albaráns e das facturas. Acertastes na escolla, a froita está boísima e chega puntualmente ao centro.




12.10.12

EXPLICANDO A NOSA SITUACIÓN LINGÜÍSTICA

Andrea, ex-alumna do instituto e dos equipos e estudante de Ciencias da Comunicación en Madrid, veu entrevistarnos para contarlle aos seus compañeir@s e profesor@s madrileñ@s e a quen o queira ver na rede (http://www.youtube.com/watch?v=7-A9U0g1o3A) cal é a nosa situación lingüística. Aquí tedes uns fragmentos da súa conversa con profesorado e alumnado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Lingua e Mocidade from lingualiza on Vimeo.


10.10.12

CELEBRA O SAMAÍN!




Somos parte dunha cultura con identidade propia. Por iso, o Equipo de Dinamización da lingua galega invítavos a celebrar o SAMAÍN, activando a vosa creatividade e participando no concurso máis terrorífico do ano. A noite do 31 de outubro (segundo a tradición celta) ábrese a porta que separa o mundo dos vivos e dos mortos. Inspirándonos na nosa tradición propia de historias de terror (santa compaña, homes e mulleres lobo, fantasmas e aparecidos, homes do saco e chuchasangues, meigas e meigallos, demos e avisos da morte, retranca e humor macabros, cabazas talladas acesas...) abrímonos tamén á cultura universal e aos novos seres do terror do cine e da televisión... Historias, fotorrelatos, dramatizacións, banda deseñada, murais, traballos manuais e sobremesas coas instrucións en galego, fotos con disfraces terroríficos, epitafios, maquetas, papiroflexia... Tamén podedes investigar sobre mortes famosas ou sobre como se celebra o SAMAÍN ou como é o mundo do terror noutras culturas. Todo cabe no noso concurso. Podedes facelo de xeito individual ou en grupo (haberá premios para as aulas que máis participen), mostrándonos os traballos a semana do 22 de outubro. Activa a túa imaxinación e creatividade e ATERRORÍZANOS...



Aquí tedes unhas presentacións de relatos e banda deseñada da nosa rica tradición cultural para que vos inspiredes:

Terror galego


Terror na banda deseñada
 










26.9.12

UNHA PEZA DA TORRE



Xogaches algunha vez ao xogo da torre?

A torre: unha lingua e unha cultura construídas ao longo dos séculos. Nós somos as pezas que a formamos. Se non nos comprometemos, á torre vanlle faltando pezas e remata por derrubarse.

A torre: o noso equipo de dinamización. As pezas: o compromiso individual de falar en galego. Se faltamos ao compromiso, todo o equipo se resente e, como a torre, rematará por derrubarse.

Na 1ª reunión do equipo de normalización xogamos á torre e reafirmamos o noso compromiso de falar en galego nas reunións e actividades. Simbolizamos “tuneando” a peza que nos representa: todas diferentes pero formando parte dun proxecto común: manter en pé a torre dunha cultura construída en galego. Tamén organizamos os grupos e as reunións: se sodes de 1º da ESO vide o luns; de 2º, o martes; de 3º, o mércores; de 4º, o xoves; e de bacharelato e ciclos, o venres. Sempre no 2º recreo, na sala de usos múltiples.




24.9.12

XA ES PARTE DO EQUIPO?



Ao longo da primeira semana de clase viñestes anotarvos máis de cen alumnos e alumnas de todos os niveis educativos. Asinastes o voso compromiso pintando o perfil da vosa man nun gran cartel co lema deste curso. Se aínda non o fixeches, corre a anotarte nos segundos recreos.

17.9.12

TI ES PARTE

Xa está en marcha a nova campaña para poñer a andar o Equipo de Dinamización este novo curso 2012-2013. Todos e todas formamos parte dunha comunidade que ten lingua de seu e recibimos dun xeito ou doutro ese legado que en moitos casos está durmido dentro de nós. Actívate! Xa é hora de que comeces a falar galego! Dá un paso adiante e apúntate ao equipo de Dinamización. Agardamos por ti nos segundos recreos!


27.6.12

BRASILEIR@S-GALEG@S: UMA LÍNGUA QUE NOS UNE





A finais de maio, coincidindo coa día universal da biodiversidade e co da diversidade cultural, celebramos no instituto a Semana Intercultural. Nela incidimos cada ano no lema: DIFERENTES SI, DESIGUAIS NON. Facémonos conscientes da variedade de ecosistemas, especies animais, persoas, razas, culturas e linguas que forman o mundo e asumimos a diversidade como un valor positivo que nos enriquece e debemos preservar. Defendemos o intercambio cultural desde o respecto e a igualdade, que faga posible o entendemento na construción dun mundo onde todos e todas teñamos cabida. E simbolizámolo asumindo toda a comunidade educativa unha tarefa común que se enriqueza coa variedade creativa de todos e todas cantos queiran colaborar. Así cosemos unha manta de pastwork, pintamos mandalas ou atamos unha rede multicolor. Este curso decidimos CONECTARNOS elaborando NEURONAS que, como as do noso cerebro, se uniron a outras establecendo relacións que nos enriquecen como persoas.






E, para celebrarmos a diversidade, decidimos achegarnos a BRASIL, unha cultura afastada no espazo xeográfico e, á vez, moi achegada a nós desde o berce común do seu portugués brasileiro e o noso galego. Todos os textos da exposición estaban escritos en brasileiro e invitamos a cantos se achegaron á exposición a comprobar que é moi fácil de comprender desde o galego. E fixémolo desde o mundo do fútbol xa que son moitos os futbolistas brasileiros que coñecemos aínda que esta vez puidemos ler a súa ficha, declaracións e entrevistas e tamén ver varios vídeos, todo en brasileiro. E entendémolo fenomenal!

Tamén fixemos mapas para explicar a diversidade de biomas, de culturas e de linguas e aprendemos algo das súas tradicións como o “bumba meu boi” que decorou a entrada do instituto xunto con información e reproducións en cerámica de personaxes como os retirantes, os cangançeiros, o Lampiao ou Maria Bonita. E tamén nos achegamos ás súas lendas que veu ler para nós unha muller brasileira, cheas de tradicións parecidas ás nosas como a do homelobo ou a Santa Compaña e outras que nos resultaron sorprendentes. Desde a Biblioteca descubríronnos a literatura de cordel, historias que, como en Galicia, se cantaban polas feiras no pasado pero que alí aínda se seguen escribindo hoxe, unha literatura popular que reflexiona a través dos versos sobre a vida mesma e todo canto acontece ao noso redor. Nas aulas pasáronse vídeos en brasileiro de contos infantís sobre a riqueza da diversidade ou sobre música de actualidade.




FALANDO GALEGO EN CATOIRA



Intercambio de Normalización Lingüística



A xente nova en Catoira fala galego sempre con toda normalidade. O alumnado de 3º e 4º de Catoira invitou ao noso alumnado de normalización de 2º, 3º e 4º a practicalo pasando con eles o día e coñecendo a súa vila.

Fixemos unha ruta camiñando desde o centro de Catoira, onde está o seu cole ata Abalo, un outeiro onde hai muíños de vento tradicionais e unhas fermosas vistas sobre o río Ulla e a súa desembocadura na ría de Arousa.

Despois seguimos o paseo do río Catoira ata chegar ás Torres do Oeste, o monumento máis emblemático de Catoira. Son os restos dunha fortaleza medieval que impedía o paso dos normandos e sarracenos. Aquí se celebra o primeiro domingo de agosto a romaría vikinga, festa de interese turístico nacional. Para o desembarco dos invasores construíronse varias reproducións de dakars da época. Nun deles fomos dar un paseo polo río Ulla.

Comemos e pasamos unha tarde moi agradable de convivencia no parque da praia de Catoira.

Quedaron invitad@s a devolvernos a visita a principios do próximo curso. Xa estamos desexando ensinarlle Cangas e pasar con eles un día de festa.


16.5.12

PALABRAS CHEAS DE VIDA A TRANSFORMAR O MUNDO


Recuperar as palabras que os galegos e galegas foron creando e transmitindo de xeración en xeración: ese foi o xeito que escollemos para celebrar este ano as LETRAS GALEGAS.

Cómpre loitar contra o silencio;

é preciso, urxente e necesario

rematar co silencio dunha vez...
Recobremos as palabras

unha

a

unha,

fagamos con elas proclamas e cancións,

primaveras de soños e esperanzas,

coiteladas de luz,

voz verdadeira

que obrigue a camiñar á nosa Patria.

(Adaptación dun poema de Manuel María)


Cada aula que se uniu á celebración, pola mañá e pola tarde, votou a palabra que máis lle gustaba. O día da celebración baixaron a colocar as letras da súa palabra no chan do patio formando entre todas un gran encrucillado.




Tamén quixemos compartir estas palabras coa xente de Cangas atándoas do valado que rodea o instituto coas súas definicións. Castelao, Manuel María, Ferrín, Luz Pozo, Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Marta Dacosta e María Rosendo invitáronnos coas súas fermosas palabras á reflexión sobre a importancia de seguir dándolle vida a este tesouro que nos foi transmitido.





Reunímonos logo no patio para celebrar a Festa das Letras Galegas, dedicada este ano a VALENTÍN PAZ ANDRADE, un home de letras, poeta e xornalista que tamén foi avogado e empresario. Sentir Galicia era para el unha tarefa que se tiña que concretar en proxectos económicos que nos encamiñasen a un futuro mellor e nos que traballou de xeito incansable.




Neste pequeno acto, presentado por Ana e Luís, de 2º da ESO, o Equipo de Dinamización fixo entrega dos premios FALAMOS GALEGO a iniciativas en defensa do galego dentro e fóra do centro. Esta era sen dúbida a mellor ocasión para recoñecer o importantísimo traballo normalizador realizado por FECIMO, Federación de empresarios e comerciantes do Morrazo, destacando dun xeito especial, a creatividade das súas campañas publicitarias nas rúas e na rede e os libros publicados sobre a nosa comarca. Foi para nós unha honra recibir no instituto para recoller a placa FALAMOS GALEGO a Xosé Bangueses, presidente de FECIMO.



Como manda a tradición neste día o Equipo de Normalización distinguiu tamén o compromiso co galego dun colectivo do centro. Este ano quixemos agradecer o apoio á normalización do galego realizado desde a BIBLIOTECA do centro, entregando a placa FALAMOS GALEGO á súa coordinadora, Majo, e ao profesorado do seu equipo: Alba, Begoña, Quique, Esperanza, Moncho, Carlos, Gema, Pilar, Isabel e Rojas.



Son anos de recortes e os orzamentos do Equipo non están para moitas festas. Pero quixemos deixar constancia, unha vez máis, da sorte de contar con moitísimo profesorado comprometido coa tarefa de transmitir o galego ás novas xeracións. Agasallamos cunha camiseta de Lobishome a JUAN, o noso director, agradecéndolle o apoio continuo ao equipo de normalización durante estes catro anos.



Para finalizar este pequeno acto cantamos todos xuntos o himno galego ao son da música das nosas músicas de Tromentelo, Ana, María, Carla e Laura. E logo chegou a diversión cos Xogos Populares, organizados desde o Departamento de Educación Física.





14.5.12

GALEGO, TODO O QUE BUSCAS



Correlingua 2012

Un ano máis, a celebración do Correlingua reuniu todos os coles do Morrazo nos días previos ás Letras Galegas, para festexar que temos unha lingua propia. O noso alumnado dos equipos de normalización de 1º e 2º da ESO desempeñou un importante labor na organización dun evento que reuniu máis de 1000 nenos e nenas desde infantil a sexto de primaria. Foron os encargados dos obradoiros para os máis pequenos, mentres o resto do alumnado realizaba a marcha desde a Xunqueira ata o punto de reunión, na praza. Axudaron a rapaciños e rapaciñas a pintar os carteis con pintura de dedos, a bailar nos aros musicais e contáronlles contos dramatizados e representados con monicreques. Tamén axudaron a repartir leite na hora da merenda. Fixérono tan ben que recibiron parabéns de todos os coles participantes.

Tras repoñer forzas, chegou a hora do concerto de Pesdelán, cos cantos e danzas en directo do seu libro-CD Na punta do pé, un traballo publicado en Galicia e Portugal (Pezinhos de lã) pola editorial Kalandraka. Esta proposta didáctica, dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera, anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito divertido e participativo. Nenos e maiores gozamos bailando as danzas que foran preparadas previamente nos coles cos profes de música.






27.4.12

MÁIS GALEGO COS NENOS E NENAS





CONTANDO CONTOS NOS COLES DE CANGAS



Vinte e cinco alumnas e alumnos de 2º da ESO levaron aos nenos e nenas de infantil dos coles de Cangas unha chea de contos en galego. Mentres un narrador ou narrador ía lendo, os personaxes da Ratiña presumida, Croco, O lobo feroz ou A cebra Camila cobraron vida antes os ollos expectantes dos pequenos que foron un público marabilloso. Tamén gozaron cuns estupendos chivos chivóns deseñados polos propios contacontos que podedes ver nas fotos. Noutros contos – Cocorico, O galo traganoces ou A tartaruga- os protagonistas foron bonecos de peluxe habilmente manipulados desde detrás dun pequeno escenario construído por Bea, a profe de galego, a directora do proxecto. Tiveron un éxito rotundo e xa quedaron convidados e convidadas para o próximo curso.



Aquí tedes as fotos no cole da Rúa



  Estas son no cole de Nazaret



E estas en Coiro-Castrillón



12.4.12

VILAMOR. O CINE GALEGO DE IGNACIO VILAR

Hoxe recibimos no instituto uns invitados moi especiais: o director e os actores e a actriz protagonistas da película galega e en galego, Vilamor.



Ignacio Vilar, o seu director, explicounos o longo proceso de xestación dun filme ata que chega ás pantallas. Primeiro precisamos unha historia que contar que pode ser orixinal ou basearse ou inspirarse nunha obra escrita ou nun feito histórico. Este último é o caso de Vilamor, unha historia que parte dun comuna que existiu nas montañas de Lugo de 1976 a 1980. Por iso a elaboración do guión demorouse un ano e dous meses xa que antes de escribilo quixeron buscar todos os protagonistas reais daquela aventura e escoitar a súa experiencia. A partir de aí elaborouse a historia da película que ten como protagonista a Breixo, un rapaz dunha vila das montañas de Lugo, que se atopa con esta comuna na aldea abandonada de Vilamor. Seducido por esa idea dun estilo de vida alternativo, decide axudar aos que acaban de chegar a recuperar a aldea. Mais non todos parecen destinados a vivir este soño de liberdade e axiña xorden os problemas...
Cando se remata o guión, hai que conseguir financiamento. Contounos que o orzamento de Vilamor ascendeu a 1.700.000 euros, unha cantidade bastante elevada para o cinema galego aínda que moi pequena se a comparamos co americano. O 25% conséguese a través de axudas públicas da Xunta, do Estado e da comunidade europea. O 75% é o investimento que ten que facer produtora, neste caso Vía Láctea Fims, que leva o proxecto aos mercados internacionais que existen ao redor dos principais festivais de cine do mundo: o de Cannes en Francia; o de Venecia, en Italia; o de Berlín, en Alemaña; o de San Sebastián, en España; e o de Toronto, en Canadá. Vilamor vendeuse ben grazas a Pradolongo, a película anterior de Ignacio Vilar, un éxito sen precedentes dun filme galego nos mercados do mundo.
Comeza entón a rodaxe en escenarios naturais de Galicia na zona fronteiriza con Asturias: Negueira de Muñiz, Fonsagrada, Navia e os Ancares. Contáronnos as dificultades da gravación en exteriores de tan difícil acceso pero o resultado na gran pantalla fai que mereza a pena. O público en Lugo preguntaba onde se gravaran os escenarios das montañas nevadas e non podían crer que fose moi preto deles, no alto das montañas dos Ancares, a onde un director bastante tolo se arriscou a subir todo o equipo. Aquí tedes algunhas imaxes, propiedade intelectual de Vía Láctea Filmes, S.L



O seguinte paso é a montaxe e logo vén a posprodución na que se engade a música. Ignacio Vilar volveu confiar en Celtia Montes, que xa se encargara da música de Pradolongo, moi premiada en festivais de música de cine en EEUU. Viaxaron a Ucraína xa que gravaron cunha das orquestras sinfónicas de Kiev. Logo engadíronse instrumentos individuais, gravados en Bruar, na Coruña. Límpase o son dos diálogos, engádense os efectos especiais, calquera son que se escoite na película, e xa está lista para que os espectadores gocemos con ela nos cinemas. Leva xa tres semanas nas carteleiras de Lugo e Ourense e hoxe mesmo é a estrea en Vigo onde está en carteleira en Gran Vía, Praza elíptica e Multicines Norte.
Despois de ver uns vídeos promocionais falaron os actores. Para Xoel Yañez e Sabela Arán, Vilamor é a súa primeira experiencia na gran pantalla. Contáronnos algunhas das experiencias vividas na rodaxe dun xeito ameno e divertido. Rubén Riós, que traballa como actor desde hai 8 anos, falounos da súa experiencia extraordinaria ao lado de Ignacio Vilar no traballo de gravación e promoción de Pradolongo, que agora están tamén a iniciar con Vilamor onde el fai o papel de Breixo. Primeiro en Galiza, achegando a película á xente, nos institutos, nas asociacións de veciños, nos centros culturais, nos campos de fútbol... e logo a aventura polos festivais do mundo aos que levaron non só un filme senón novas da existencia dunha cultura e unha terra da que moitos nunca oíran falar. Estar na gran pantalla é existir como cultura e como lingua diferenciada. “Soñabamos cun mundo mellor. Decidimos facelo realidade.” Este é o lema da película e tamén un lema perfecto para a nosa cultura e lingua que grazas, primeiro a Pradolongo e agora a Vilamor, está presente nas pantallas de todo o mundo, un soño que parecía imposible e que Ignacio Vilar e os seus actores e actrices e Vía Láctea Films fixeron realidade.
Se queredes máis información procurádea na rede (vilamor.eu) onde poderedes ver vídeos promocionais e mesmo participar no concurso de vídeo TES QUE VELA e gañar unha fin de semana nos Ancares cos protagonistas e o director de Vilamor.